sábado, abril 10, 2010

"Non todos son iguais", un artigo de Francisco Jorquera

Asistimos nos últimos anos a un desprestixio da política que atopa, no contexto de crise que estamos a vivir, o caldo de cultivo perfecto para espallarse.

Pero non debemos enganarnos, esa desafección ante a política non obedece só á frustración comprensíbel de moitos cidadáns castigados pola crise. É unha desafección promovida e interesada.

Hai moitos poderes interesados en substraer ao ámbito político, aos poderes públicos emanados da vontade democrática dos cidadáns, a capacidade de decisión sobre aspectos fundamentais da vida económica e social. E para iso hai que transmitir a falsa imaxe de que a corrupción é consubstancial á política, de que nos Parlamentos non se traballa ou de que “todos os políticos son iguais”.

Trátase en definitiva de fomentar o apoliticismo, a inhibición dos cidadáns na participación pública. E o apoliticismo non é neutro, xa o tiña claro o grande humorista catalán ‘El Perich’ no tardofranquismo con aquela viñeta que dicía “eu son apolítico, pero de dereitas.”

A liña argumental do Partido Popular para eludir as súas responsabilidades na trama Gürtel responde a esta mesma estratexia: “son mazás podres e mazás podres hainas en todos os sitios”.

¿Pero estamos só ante un caso de mazás podres, de cargos públicos illados que usan as súas influencias para lucrarse?

Porque hai que facer memoria e lembrar que a trama Gürtel financiou con cartos públicos campañas electorais e eventos do Partido Popular, moitos deles en Galiza. Hai que lembrar que os presuntos casos de corrupción salpican ao presidente da Comunidade Valenciana, ao ex presidente da Comunidade Balear, a cargos autonómicos e locais de Madrid, Castela e León e tamén de Galiza e ao mesmísimo tesoureiro do Partido Popular.

Hai indicios suficientes para sospeitar que estamos diante dunha trama de financiamento ilegal do Partido Popular e dun modus operandi que foi avalado por este partido.

Acabamos de saber que a campaña de Feijóo no 2009 foi feita por unha empresa implicada na trama. Curiosamente a campaña máis porca que vivimos desde o inicio da democracia: a do iate, os coches e o despacho de Touriño, esa que nos quixo facer crer que todos somos iguais. Feijóo 2010 ten agora moitas cousas que explicar.

Sem comentários: