quinta-feira, abril 15, 2010

O BNG demanda ao Goberno galego que impida a venda de R

O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, demandoulle ao Goberno galego que tome medidas para impedir a venda da empresa R, o operador galego de comunicacións por fibra óptica. O líder nacionalista afirmou, en rolda de imprensa celebrada na Sede Nacional, que “R non pode ser unha nova Fenosa e, polo tanto, como BNG non compartimos a decisión de Caixanova de vender R”.

Guillerme Vázquez cuestionou “a entrega dunha empresa estratéxica, punteira e rendíbel para Galiza a mans foráneas, a unha desas empresas que se dan en chamar de capital de risco, que se adican ao negocio puro e duro e que non van pensar para nada no desenvolvemento do noso País”. “Esta venda vai supoñer un pelotazo para que alguén obteña pingües beneficios no seu momento”, expresou.

Nesta situación, “demandamos do Goberno galego que impida a venda de R” e afirmou estar seguro de que o Executivo galego era coñecedor do proceso, “polo que é lamentábel que, nin sequera, se emitise unha soa opinión sobre a venda”. Ademais, instou ao Goberno galego a desenvolver a Lei de Caixas, para que teña a capacidade de autorizar non só os investimentos, senón tamén os desinvestimentos, nomeadamente daqueles activos estratéxicos, así como o control público das operacións.

A FUSIÓN DEBE SER "TUTELADA" POLO GOBERNO GALEGO

O portavoz nacional enfatizou a necesidade de retirar o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas, de acordo coa resolución do Congreso dos Deputados, e subliñou que “o aforro galego ten que estar ao servizo do desenvolvemento económico deste País, non pode estar ao servizo dos intereses mercantís das caixas sen que o Goberno actúe”.

Neste sentido, dixo que o proceso de fusión “non pode estar dirixido polos intereses do Banco de España, debe estar tutelado polo Goberno galego e non compartimos que Feijóo deixe facer e deixe pasar”.

Guillerme Vázquez expuxo tamén datos desta operadora de comunicacións, e sinalou que “R contribuíu a reducir a fenda dixital que nos separaba do conxunto do Estado e de Europa”. “Conta con 1.700 empregos cualificados, constitúe o buque insignia da sociedade da información, ten orixe 100% galego, está ben posicionada no mercado e foi apoiada con 39 millóns de euros de investimento público nos últimos anos”.


Sem comentários: