segunda-feira, abril 26, 2010

O BNG esixe reformar a Lei de Amnistía

En rolda de prensa, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, definiu como "inaudito" que a xustiza española fose capaz de investigar os crimes da ditadura arxentina ou de Augusto Pinochet, e "con todo agora abra un proceso a un xuíz –en referencia a Baltasar Garzón– acusándoo de presunta prevaricación a instancias de organizacións de marcado carácter fascista".

Neste sentido, o portavoz do BNG, Guillerme Vázquez, mostrou as súas reticencias polo feito de que se abra un proceso "a un determinado xuíz por atreverse a xulgar o franquismo".

Por iso, Francisco Jorquera demandou "unha reforma legal" para que se poidan xulgar os crimes de "lesa humanidade" cometidos pola ditadura franquista, "un deber", que segundo remarcou, "está amparado" polo Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos de Nacións Unidas.

Así, Jorquera fixo fincapé en que a xustiza española "é competente para abrir unha causa contra os crimes do franquismo". Desta maneira, destacou que "unha democracia non se pode construír sobre a base do esquecemento e a desprotección das vítimas".

Ademais, resaltou que a Lei de Amnistía do ano 1977 tiña o obxectivo de defender aquelas persoas que fosen perseguidas ou condenadas en aplicación das leis franquistas. Por iso, criticou que se modificase o seu sentido inicial para convertela en "unha lei de punto final".

Desaparecidos en Galiza

Desta maneira, Vázquez resaltou que "fronte ao lugar común de que en Galiza a represión foi menor" durante a Guerra Civil, en total foron 4.396 os desaparecidos, unha cifra que, segundo afirmou, "é superior" á que tivo lugar en Madrid e Barcelona.

Nesta liña, na exposición de motivos da proposición de lei presentada no Congreso demándase a reparación dos máis de 100.000 desaparecidos en todo o Estado para que os actos criminais "non queden impunes".

A nosa terra

Sem comentários: