quinta-feira, abril 22, 2010

O conflito lingüístico entre flamengos e francófonos tomba o goberno belga

O primeiro ministro belga, o democristián flamengo Yves Leterme, presentou esta quinta feira a dimisión ao xefe do Estado, o rei Alberto II, logo de que o Open VLD (liberais nacionalistas de Flandres) abandonasen o goberno de coalición de tan só cinco meses de vida, informaron os medios locais. O monarca deixou "en suspenso" a súa decisión sobre se aceptar ou non a dimisión.

"O rei e o primeiro ministro subliñaron, nas circunstancias actuais, o inoportuno que sería unha crise política, que provocaría un gran prexuízo ao benestar económico e social dos cidadáns, así como ao papel de Bélxica no plano europeo", informou a Casa Real nunha nota. Cómpre lembrar que o Estado belga substitúe o español á fronte da Presidencia rotatoria da UE a partir do 1 de xullo.

As tensións entre francófonos e flamengos debido a discrepancias insalvábeis sobre o réxime lingüístico na periferia de Bruxelas (BHV) provocaron esta nova crise de goberno. É a quinta vez que Leterme presenta a súa dimisión ao rei desde que gañou as eleccións en xuño de 2007. Ese ano renunciou dúas veces a formar goberno, ante a imposibilidade de reunir unha maioría cos partidos francófonos.

Excepcións francófonas en Flandres
Os flamengos exixen acabar coa excepción que representan as poboacións de Ache e Vilvoorde, ambas as dúas situadas en Flandres mais onde reside unha maioría francófona. Até o de agora, os francófonos desas localidades, aínda que viven en Flandres, puideron votar por listas francófonas nas eleccións, como os residentes en Bruxelas, única rexión bilingüe do país onde hai esa posibilidade.

Sem comentários: