quinta-feira, abril 08, 2010

O Consello Escolar emenda á totalidade o decreto do galego

Con 24 votos a favor e 16 en contra- os dos representantes da Administración, os empresarios e os colexios públicos e privados- o anteproxecto foi rexeitado

O pleno do Consello Escolar de Galicia rexeitou por maioría o anteproxecto de decreto do galego no ensino non universitario proposto pola Xunta, cuxo contido xa contou coa oposición dos sindicatos CIG-Ensino, FETE-UXT, CC.OO-Ensino e STEG durante a mesa sectorial de educación tras criticar a "ausencia" de vontade negociadora por parte da Consellería.

Os membros do Consello aprobaron unha emenda á totalidade impulsada por un total de sete organizacións -FETE-UXT, CC.OO. Ensino, CIG-Ensino e Confapa, entre elas-, con 24 votos a favor e 16 votacións en contra, que esixían a devolución do texto á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a súa reelaboración en distintos puntos.

Unha das funcións do Consello Escolar de Galicia é a emisión de ditames con carácter informativo e non vinculante sobre os diferentes proxectos de Lei, Decretos e programas educativos de relevancia. Así e tras pasar este trámite, o texto do decreto do plurilingüismo remitirase ao Consello Consultivo. O anterior decreto, o do bipartito de 2007, si foi aprobado polo Consello Escolar.

En declaracións aos medios tras disolverse o pleno unha vez prosperou a emenda á totalidade, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asegurou que a Consellería de Educación "acepta" a decisión do pleno do Consello Escolar de Galicia, que estimou en "unha maioría pequena" e en torno ao "60 por cento". Así mesmo, lamenta a "división" en dous partes daqueles dispostos "a seguir traballando" e os que votaron "en contra de seguir".

"Esta situación para nós non é nova, xa é coñecida", recordou Lorenzo tras atribuír o resultado a "determinas formacións" que ve "vinculadas aos partidos políticos da oposición".

Pola contra, referiuse ao proceso de consulta con diferentes entidades do ámbito educativo levado a cabo pola Xunta a comezos deste ano, para argumentar que o seu departamento si recolleu "achegas" á norma, que posteriormente se trasladará ao Consello Consultivo.

Lorenzo asegurou, ademais, que a Consellería incorporará ao proxecto de decreto "parte" de 17 indicacións do ditame elaborado pola permanente do Consello Escolar de Galicia. "Cuestións de matiz de moitos elementos", sinalou.


Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, destacou que "unha vez máis se demostra que "soamente o PP e Galicia Bilingüe" están "unidos en contra do galego", polo que considerou que ao titular de Educación, Jesús Vázquez Abad, "non lle queda máis remedio que dimitir" se non retira a súa proposta de decreto.

O portavoz sindical atribuíu os votos en contra aos "representantes da patronal" e dos centros de titularidade privada e concertada, ademais de puntualizar que outros "seis" foron de "persoal nomeado pola Consellería".

Doutra banda, criticou a "prepotencia e o autoritarismo" do Goberno galego neste campo, "desprezando absolutamente ao conxunto da comunidade escolar". "Todo o que fixemos ten a súa parte positiva", destacou Louzao, quen animou á sociedade a continuar "mobilizándose" para pedir a retirada do proxecto de decreto do idioma.

Nesta liña, CC.OO-Ensino pide á Xunta "que non faga oídos xordos" ante a decisión do Consello Escolar e que "representa a toda a comunidade educativa". Xa que logo, o sindicato esixiu que "den pasos cara á apertura de negociacións reais" e que leven "á procura dun amplo consenso" sobre a lingua no ensino.

Finalmente, o sindicato STEG considerou que a Consellería ten "un importante desafío", que é "atender as demandas da comunidade educativa e retirar o borrador".

Coincidindo coa reunión do plenario, unhas 300 persoas, convocadas pola plataforma Queremos Galego, concentráronse ante a sede do Consello Escolar, en Santiago de Compostela, para manifestar o seu rexeitamento ao borrador do decreto de plurilingüismo no ensino impulsado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O acto de protesta prolongouse durante máis de dúas horas, a partir das 16.15 horas e finalizou unha vez o secretario nacional da CIG-Ensino deu a coñecer o "éxito" da emenda á totalidade.

Xornal

Sem comentários: