sábado, abril 24, 2010

O gasto corrente subiu en 400 millóns na Xunta

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, criticou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por "ficar de brazos cruzados ante a crise" e "limitarse a presentar programas propagandísticos baleiros de contido" como a "suposta redución de departamentos gubernamentais". Así, asegurou que durante os nove meses que leva gobernando, "o gasto corrente se incrementou en 400 millóns de euros a respecto de 2008".

"A austeridade de Feijóo non é tal, é pura propaganda", asegurou Vázquez nun acto en Vigo para presentar as medidas dos nacionalistas contra a crise, e reclamou que se reduza o gasto corrente e improdutivo e non, "como fai o Goberno PP", o gasto social e produtivo.

O líder do BNG proclamou que as políticas para saír da crise non poden pasar "nen por abaratar o despedimento como propón Zapatero nen por privatizar a xestión dos servizos públicos como fai Feijóo". Así, proclamou que carece de lóxica querer saír dunha crise "producida pola aplicación do neoliberalismo con novas doses de neoliberalismo", polo que instou a "cambiar de tocata" con políticas favorables ás maiorías sociais.

"Non é con máis do mesmo como sairemos desta situación. É con políticas alternativas, as que observa defender o Bloque Nacionalista Galego", defendeu Guillerme Vázquez, quen avogou pola necesaria "aplicación en todos os seus termos da Lei de Caixas galega" para que o sistema financeiro galego "se poña verdadeiramente ao servizo da súa economía produtiva, das pemes e dos particulares".

Sem comentários: