quinta-feira, abril 08, 2010

O goberno confirma o escaso peso de Galiza e Xacobeo na presidencia española da UE

En resposta a unha iniciativa do portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, o Goberno confirma o escaso peso que terá Galiza e o Xacobeo na presidencia española da Unión Europea.

O deputado nacionalista dirixíase ao Goberno para que explicase por qué decidiu suprimir a reunión de ministros de cultura da UE que estaba previsto que se celebrase na Coruña e en Santiago os pasados 30 e 31 de marzo e a trasladou a Barcelona. Ademais, criticaba que o Goberno Central non aproveitase a presidencia española da Unión Europea para promocionar o Ano Xacobeo.

Neste sentido, Francisco Jorquera critica que a resposta do Goberno "son vaguidades e xeneralidades, sen dar explicacións, e informando de que as reunión a máis alto nivel será unha reunión de ministros de pesca da UE, pero de carácter informal, é dicir non se van adoptar decisións de carácter vinculante".

En concreto, o Goberno informa na súa resposta de que os días 12 e 13 de febreiro A Coruña Albergou unha reunión de directores de seguridade marítima e unha reunión de ministerial informal de transportes coa presenza dos responsábeis departamentais dos 27 estados membros da UE.

A este respecto, Francisco Jorquera corrixe a información gobernamental xa que dos 27 ministros finalmente só asistiron á reunión 11. Ademais, o Goberno asegura na súa resposta ao BNG que os días 2 e 3 de maio terá tamén lugar na Coruña a conferencia para a reforma da política pesqueira común. Continúa a resposta informando de que "a cidade de Vigo acollerá os días 4 e 5 de maio unha reunión dos directores xerais de pesca da UE, así como unha reunión informal dos ministros de pesca".

"No mes de xuño, en Vilagarcía de Arousa celebrarase unha reunión de expertos sobre prevención e protección social do traballo marítimo pesqueiro, e en Santiago de Compostela, celebrarase a reunión de organismos competentes e do comité do denominado Regulamento ESMAS, do 16 ao 18 de xuño; o segundo encontro internacional de CIMA "As mulleres do audiovisual ante o futuro", na primeira semana de abril; ou a conferencia "A universidade emprendedora.

Novos modelos", do 22 ao 23 de marzo.Falla de concreción dos actos do XacobeoNo tocante ás actuacións previstas pola Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais para o Xacobeo 2010, o deputado do BNG considera que a resposta do Goberno "revela a pouca entidade das actuacións previstas, unha eiva que en boa parte é responsabilidade tamén da Xunta de Galiza".

Neste sentido, as grandes actuacións previstas son unha actividade de contacontos; a edición dun CD; unha exposición sobre o centenario do nacemento de Gonzalo Torrente Ballester; a publicación dun libro sobre o Camiño de Santiago e un ciclo de concertos nas Comunidades Autónomas polas que discorre a ruta xacobea e que no caso de Galiza o Goberno asegura que aínda non se sabe onde se vai celebrar.

"Discriminación do Goberno Central pero tamén falla de ambición e planificación da Xunta de Galiza"Francisco Jorquera considera que a resposta "confirma a clara discriminación de Galiza nos actos da presidencia española da UE pero tamén a falla de ambición e peso da Xunta de Galiza; e no caso do Xacobeo unha programación de segunda por parte do Goberno Central, que en gran medida se debe a clara falta de planificación do Goberno de Feijóo".

GzNacion

Sem comentários: