sexta-feira, abril 23, 2010

O noso abril

Claro que tamén é noso o abril dos militares e do pobo portugués que puxo fin á ditadura máis antiga de Europa occidental. Aquel abril que tivo como sinal de inicio o "Grândola" do Zeca nas ondas de Radio Renacença, e encheu de esperanza aos antifascistas de toda a Península. Aquel abril que saudaron xa nas primeiras horas os nacionalistas galegos "O pobo galego con Portugal" e que deu apoio e acubillo a unha UPG perseguida polo franquismo. Aquel abril do Coronel Corbacho que desde a Comandancia Militar de Porto, nun revival de Fidel na outra beira do atlántico, vestido de uniforme verde olivo, chamaba as masas a construír o socialismo. Sí, este noso abril portugués, o das emisións para Galiza do Radio Clube de Porto, o da base segura fronte a represión franquista, o da presentación clandestina da AN-PG, o da delegación para o exterior, o dos exiliados e Moncho Reboiras...

Pero hoxe toca falar doutro abril, aquel que iniciou en Lugo, outro militar, o Comandante Solís e que rematou diante dun piquete de fusilamento no Camposanto de Santo Estevo de Paleo.

Algúns sectores da milicia e do pobo galego escribiron durante vinte e un días, unha das máis inesquecíbeis páxinas da nosa historia. Xa para sempre ficou no noso imaxinario Lugo, que é lugar de alzamento, Cacheiras, sitio para a derrota, San Martiño Pinario, onde un neno, Murguía, observou os estertores da resistencia, Carral, vila de mártires, Camiña, Porto e o Penal de Peniche, outra vez o exilio portugués. Non é casual que do axitado XIX galego, rico en alzamentos, motíns e revoltas, só este perdurase no tempo e chegase ata hoxe con tanta nitidez. A revolución de 1846 non foi unha asonada cuartelaria tan ao uso, senón un explosión dun movemento que levaba cocéndose ao longo da década como resposta a instauración da política centralizadora do Estado Liberal.

O provincialismo non foi arroutada, nin improvisación. Pensouse na Academia Literaria de Compostela, onde se estudaban os problemas de Galiza, debatíase sobre o socialismo utópico e impartíanse cursos sobre Fourier. Escribiuse en "El Idolatra de Galicia", onde se repasaba a historia do reino suevo, ou o pasado celta do País; nas páxinas de "El Porvenir" atentos ás doutrinas sociais máis avanzadas, e tamén en "El Recreo", "La Aurora" ou en "El Centinela". Defendeuse con voz e pluma, porque provincia era antítese, da provincia, como circuscripción administrativa inventada polo liberalismo de tradición francesa, porque provincialismo, era provincia, como unidade galega diferenciada e oposición ao sistema centralizador.

Rapaces feitos homes antes de tempo, o exilio salvoulles a vida. Uns morreron novos, Cociña, Faraldo, en terra allea; outros, Romero Ortiz, Rúa Figueroa, o noso Xoán do Porto, colleron camiños distintos; tamén houbo, Posada, Neira de Mosquera, con quen nos reencontramos en "El Álbum de la Claridad"; algúns seguiron a travesía, Vicceto ou Añón, e chegaron ao Rexurdimento. Iso sí, o seu pouso quedouse xa con nós, porque os movía a "gran idea" como adoitaba a dicir Faraldo, aquel betanceiro morto con 28 anos, que se sabía parte dun grupo que existía "para anunciar o que podemos ser, tentando dicir o que fomos. Nós, ao porvir ollámolo nacer do pasado"e que chegaron a asinar en o 16 de xuño de 1846 que "Galiza, por fin, está definitivamente perdida para a Corte". Pódeselle pór chatas, certamente, ao que este grupo foi e representou ao seu tempo, pero o que non cabe negarlle é a forza da intención, da entrega, e sobre todo de levar nos seus actos ata o remate o camiño trazado polo seu pensamento.

Terra e Tempo

Sem comentários: