sábado, abril 24, 2010

O país está chamado a manifestarse pola defensa dos servizos públicos

Este domingo en Compostela (12.00 horas, A Alameda) está convocada unha mobilización contra as "constantes agresións" que se están a perpetrar contra o noso Estado do Benestar por parte da Xunta de Galiza.

Segundo o BNG, o Goberno Feijóo ten dúas teimas: "avanzar cara á desaparición da lingua galega e desmantelar os servizos públicos de benestar e igualdade" dependentes da Administración autonómica. Fecharon 74 pontos de información ás mulleres, despediron 61 traballadoras das oficinas de I+B e están fechados 14 centros de día e 12 galescolas xa construídos.

A manifestación ten o apoio das seguintes organizacións: BNG, AS-PG, CIG, SLG, FRUGA, Nova Escola Galega e Esquerda Unida.

Avaliación primeiro "Ano Feijóo"

Para o BNG, o balance da xestión dos servizos sociais realizada polo PP neste primeiro ano Feijóo resúmese na paralización dun concurso público (só o tiñan que adxudicar) para a creación dunha rede de Kanguras (servizo de atención domiciliaria).

Ademais, pecharon 74 Puntos de Información ás Mulleres (27 na provincia de A Coruña, 20 en Ourense, 15 en Lugo e 12 pontevedra). No ano 2008 este servizo atendera 1254 consultas e organizara 358 actividades.

Nos orzamentos de 2010, nen un só euro para novos investimentos e para máis despiden 61 traballadoras das oficinas de I+B, que desenvolvían os programas de inclusión social, igualdade e familia e menores. No caso das equipas de igualdade eran 6 equipas, con 18 profesionais, que atendían 50 concellos (e que algunhas tamén traballaban no centro de emerxencia para vítimas de violencia de xénero en Vigo).

Respostas

Máis de 50 Concellos está á espera dunha resposta da Administración galega, con protocolos asinados co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar con terrenos xa cedidos, proxecto feito e/ou encargado para Galescolas ou Centros de Día.

Manteñen fechadas 4 residencias de SOGASERSO xa construídas (Ourense, Viveiro, Vimianzo, Monforte) desde hai un ano, á espera de que a Xunta venda a Caixanova e Caixagalicia a participación (45%) que ten nesta empresa mista.

Ademais, os nacionalistas critican que nos orzamentos do Consorcio para 2010 non se contempla nen un só euro no capítulo VI para novos investimentos. Así que todo o que se inaugure é obra que o BNG, desde as súas responsabilidades de goberno no bipartito, deixara feita ou iniciada.

Sem comentários: