quinta-feira, abril 29, 2010

O PP defende que as campañas da Xunta se fagan en español

Bieito Lobeira preguntáballe ao Goberno por qué motivo a Xunta de Galiza emitiu no mes de abril unha campaña sobre o apagamento analóxico e a transición á TDT nas radios de Galiza en español.

"Seica o galego non lles vale? Comprométense a que esta situación non se volva repetir?", preguntou o deputado do BNG.

Porén, na súa resposta o Conselleiro de Educación, lonxe de rectificar e comprometerse a cumprir a legalidade en materia lingüística defendeu o emprego do español na publicidade institucional da Secretaría Xeral de Medios da Xunta en Galiza baixo o argumento do "bilingüismo". Así, recoñece que as cuñas radiofónicas sobre o apagamento analóxico pagadas pola Xunta de Galiza emitíronse nas emisoras privadas do país en castelán, nun 50% dos casos.

"Está moi ben que lle pidan ao PP que fale galego, pero empecen aplicándose o conto"

Para Bieito Lobeira a resposta do conselleira "é unha mostra mais do desprezo do Goberno de Feijóo pola lingua galega". O deputado nacionalista subliñou que "tanto na Lei de Normalización Lingüística como no Estatuto de Galiza establécese claramente a obriga da Xunta de defender e potenciar o galego, a lingua que se atopa en inferioridade de condicións e que foi secularmente perseguida".

"Iso de que a Xunta teña que defender o bilingüismo non aparece por ningures, é un invento do PP e da súa flatulencia ideolóxica que é Galicia Bilingüe. Que a Xunta de Galiza faga anuncios en Galiza en español non sucedeu nunca, nin sequera nos Gobernos de Fraga", denunciou o deputado do BNG.

Por último, Bieito Lobeira puxo como exemplo da "hipocrisía" do Partido Popular respecto á lingua galega a solicitude presentada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para que durante a súa visita a Galiza con motivo do Xacobeo o Papa tamén se exprese en Galiza.

"Parécenos moi ben que lle pidan a un señor de Baviera que fale en galego, pero empecen aplicándose o conto; que os deputados e os conselleiros do Partido Popular falen en galego, que a sinaléctica do Xacobeo no país tamén estea en galego, que as campañas de Galicia Calidade tamén se fagan na nosa lingua e que a Xunta de Galiza cumpra a legalidade e faga as súas campañas institucionais en galego", concluíu o deputado do BNG.

GzNacion

Sem comentários: