quinta-feira, abril 15, 2010

O PP empurra o cambio

Artigo de Manuel Mera para GzNacion:

Son dos que pensa que será moi difícil que o PP manteña o Governo en Galiza nas vindeiras eleicións, se temos en consideración como o fixo no primeiro ano, a menos que os partidos da oposición o fagan tan mal que non constitúan unha alternativa críbel. Sei que son moito máis optimista que a maioría dos militantes nacionalistas, porén hai unha morea de medidas tomadas pola Xunta de Galiza que son moi negativas pra extensos sectores sociais do país, mesmo algúns que son parte da base votante dos conservadores. E resulta tan válido o argumento, tan repetido e mecanicista, de que ao seren decisións tomadas ao comezo do mandato teñen moito tempo pra restar o mal sabor de boca con outras medidas populistas, como argumentar que a resposta da xente en materia eleitoral ten unha dixestión moi de vagar, polo que o lonxano das vindeiras eleicións xogaría a prol da oposición.

O certo é que neste intre as dúas principais fontes de preocupación que ten a xente no país son: a económica e laboral, e todo o relativo á defensa da identidade nacional. Aínda que non se trata problemas que atinxan a todas as clases sociais subalternas na mesma medida, o certo é que ambos temas afectan especialmente á clase obreira. No recuar das condicións laborais e a desfeita económica a responsabilidade está compartida polo PSOE e máis o PP, xa que os dous poñen en práctica medidas neoliberais contra a crise (favorecedoras do gran capital), aínda que o segundo alente unha postura máis negativa pra os intereses das clases populares. Neste enfrontamento de intereses de clase o nacionalismo non ten aliados, fica só, e iso condiciona calquera alternativa futura. Asemade, un novo governo bipartito non se fará baixo as mesmas regras da etapa anterior en materia fiscal e na utilización de fundos públicos, pra cubrir así algunhas das carencias sociais (que alentou daquela o paternalismo político); nesta etapa non existe esa marxe de manobra.

No relativo á defensa da identidade nacional galega a situación non é moi diferente á anterior, aínda que neste caso o PSOE dá unha de cal e outra de area, polo que aínda é posíbel manter unha fronte común contra algunhas das medidas do PP máis prexudiciais neste eido. Pra o PSOE esta actitude ambigua é vital, porque necesita marcar algunhas diferenzas co PP. Porén tampouco o nacionalismo pode rexeitar por principio esas coincidencias co PSOE, porque que nesas loitas compre de todos os aliados posíbeis, e ademais debe evitar romper as pontes cun partido co que, no futuro, sen acordos non habería alternativa á dereita.

O Partido Popular abriu nun ano moitas confrontacións, non só co nacionalismo, como quixo vender nun primeiro intre, senón cunha boa parte da povoación. Por exemplo, no tema da lingua galega no ensino, na que se atopou coa oposición dos sindicatos, as asociacións de pais, e as institucións representativas da lingua e a cultura. Podemos engadir ademais: a nova normativa urbanística (que legaliza unha morea de ilegalidades); a modificación do concurso eólico (poñendo o sector ao servizo das grandes eléctricas do Estado); a privatización de parte da sanidade pública (en beneficio de empresas privadas do sector, bancos e promotoras da construción); a conxelación das prazas vacantes na administración autonómica. Son decisións que atinxen a sectores moi sensíbeis, como son os funcionarios públicos e aqueles relacionados co eido da cultura, que se suman así á secular protesta da clase obreira, labregos e mariñeiros. Non son buratos doados de tapar. Ademais, non se pode ignorar, as moitas saídas de ton en relación aos temas identitarios, que amosan a actitude do colonizado, o resaibo das clases dominantes neste tema, e ofenden a calquera que se sinta galego; porén tamén amósase soberbia no cargo ao reflectir decote incapacidade pra negociar e buscar consensos.

Sen dúbida ningunha as áreas máis afectadas pola enxurrada reformadora do PP son as que dirixiu o BNG durante a etapa do Goveno bipartito, o que é demostrativo do moito que lle mancaron (ás clases dominantes) as medidas que se tomaron daquela. Medidas que moitas veces non foron ben explicadas e divulgadas entre a povoación, e deron lugar a oposicións ou falta de apoio nas mesmas bases do nacionalismo. O tema eólico, vivenda de aluguer e normativa, o Consorcio, banco de terras, etc. foron iniciativas que o PP está revalorizando mediante a súa anulación e substitución por outras medidas retrógradas, tomadas á feitura dos grandes grupos económicos. Mesmo o PSOE, que daquela cuestionou estas iniciativas do BNG, e fixo o imposíbel por atrancalas, agora ten que reivindicalas e mesmo defendelas decote (con evidente desgusto) ou deixar as bandeiras da oposición só en mans do nacionalismo.

En resumo, hai moito tempo por diante, porén non está a favor do PP se o nacionalismo galego afina o discurso parlamentar e nos concellos (seguindo o ton e os modos do que practica hoxe desde a direción da organización frontista e o sindicalismo). Isto debe ir unido a mobilizar ao povo, apoiar a protesta laboral e social, e manter como nos últimos meses a iniciativa política (como no tema das caixas e da lingua, por poñer dous exemplos).

Esta xeira na oposición debe servir pra recuperar as complicidades coa base social e o conxunto da sociedade, porén tamén pra afortalar a organización e os meios pra se comunicar coa xente. Porque, non se trata só de que o PP non siga na Xunta, senón ademais que un futuro governo se constrúa sobre alicerces máis sólidos e un proxecto cando menos progresista no económico e social, e claramente defensor da identidade do país. Este cambio non é imposíbel conseguilo, malia que a dereita conte cun enorme poder económico e o control dos meios de información,... se obxectivan os erros propios, e aproveitamos que o lobo deixou a bulir a pel de cordeiro.

Non creo que sexa nas vindeiras eleicións municipais onde se note esta mudanza na tendencia dominante nos últimos anos (aínda que seguramente se freará o descenso). Nas eleicións dos concellos xogan factores moi localistas, e, pra alén da direción non todo o corpo organizado do nacionalismo esta facendo os deberes pra esta etapa, e ademais as mudanzas inseridas na última asembleia e as propostas e posturas da direción non chegan a toda a sociedade coa forza necesaria (faltan meios propios acaidos pra comunicación co povo). Por outra banda, tanto o xeito de axer como o de relacionar a política nos concellos co proxecto global aínda non está maduro no nacionalismo, e polo tanto non se tomaron todas as medidas necesarias pra endereitar o rumbo e aproveitar axeitadamente o moito traballo desenvolvido neste eido. E, malia que na política municipal desenvolvida polo nacionalismo hai unha grande pluralidade de métodos e propostas, esta é a tendencia dominante. Tampouco se pode ignorar que falta debate e autocrítica encol do tema, e resulta fundamental que o traballo local non se vexa só como un celeiro de votos senón esencialmente como un lugar pra construción do poder popular e a liberación nacional.

Sem comentários: