sexta-feira, abril 23, 2010

O PP impide un acto de Queremos Galego en Arcade

Queremos Galego vén de denunciar publicamente a negativa do Concello, gobernado polo popular Agustín Reguera, a ceder as instalacións do Multiusos de Arcade (Soutomaior). A única razón ofrecida desde a Concellaría de Cultura é que este venres 23 ás 20 horas, data solicitada para a celebración do acto, as instalacións solicitadas estarán ocupadas “por mor da impartición dun curso de pilates”. Con todo, a plataforma tiña amosado a súa flexibilidade para celebrar a presentación ao rematar este curso.

Queremos Galego considera a actitude do Concello de Soutomaior e do seu goberno local como “moi negativa para a democracia, polo que ten de conculcación de dereitos básicos, e entende que detrás da negativa a ceder un espazo municipal está o intento de silenciar calquera iniciativa cívica en defensa do galego en Soutomaior”. Cómpre lembrar que este concello foi o primeiro de Galiza en normalizar o emprego da lingua na Administración.

Sen precedentes

A plataforma sinala, ademais, que non existen precedentes de impedimentos semellantes en ningún outro concello de Galiza, sexa cal for a cor política do goberno local correspondente, fóra do vivido en Camariñas este pasado 1 de abril, cando o alcalde socialista da localidade ordenou á Policía Local retirar da rúa unha mesa de recollida de apoios á ILP que Queremos Galego está a promover.

A Plataforma Cidadá, ante a negativa do Concello de Soutomaior a ceder o espazo, convoca a todas as veciñas e veciños para un acto, de iguais características ao que se pretendía facer no Multiusos de Arcade, entre as 20h00 e as 22h00 na Alameda de Talo Río, xunto á sede local do Partido Popular.

Será un acto reivindicativo mais tamén lúdico, no que participarán algunhas das persoas que promoven a constitución de Queremos Galego en Soutomaior xunto co deputado do BNG no Parlamento de Galiza e membro da plataforma cidadá Bieito Lobeira. Así mesmo, haberá actuacións musicais como a dos Trasnos de Moscoso, 2Bar2, O Xordo e O Caco (regueifeiros Josinho da Teixeira e Bieito Lobariñas) e Paco Represas e Dan.

Sem comentários: