sexta-feira, abril 09, 2010

O xuíz do Gürtel interroga á Xunta polas concesións a oito empresas

Cinco construtoras (Begar SA, Tecnología de la Construcción SA TECONSA, Construcciones Hispánica, UFC e FCC) e tres empresas de servizos (Acualia, Sufi SA e Persontrade). Estas son as oito compañías no punto de mira do xuíz do caso Gürtel en Galicia.

Así o proba un requirimento xudicial enviado polo Tribunal Superior de Justicia de Madrid á Consellería de Facenda. O documento forma parte do sumario do caso de corrupción que foi desclasificado este martes. É publicado en primicia por Galicia Confidencial este xoves.

No oficio de xuño, o xuíz Pedreira ordena á Xunta que lle informe das adxudicacións ás citadas empresas. Varias delas estaban dirixidas por empresarios imputados no preito do Gürtel e, nalgúns casos, moi relacionados historicamente PP galego.

O escuro intento de asasinato de Cuíña

Tal é o caso de TECONSA, propiedade do polémico José Martínez Núñez. TECONSA e a súa filial Proinsa sufrion suspesión de pagos e EREs en 2010 tras o escándalo. Unha década antes foron dúas das construtoras con máis éxitos nas adxudicacións da era Fraga.

Iso malia que Martínez Nuñez tivo que declarar na Xustiza por presuntamente contratar un sicario para asasinar en 2002 ao defunto Xosé Cuíña, conselleiro de Política Territorial e mentor político de Pablo Crespo, número dous da trama presuntamente corrupta, hoxe na cadea.

Malia este escuro episodio na traxectoria do empresario leonés, TECONSA logrou máis de 4,8 millóns en contratos da Xunta entre 2003 e 2005. Os socialistas de Lugo tamén acusaron á Deputación, que daquela dirixía Cacharro Pardo, de ter a Teconsa como o seu "adxudicatario de referencia".

Soutelo, Casares e os parquímetros virtuais de Cangas

Sufi SA é outra vella coñecida das hemerotecas da prensa galega. A súa relación co Gürtel é polo presunto pago de comisións a varios alcaldes de Madrid. A Xustiza tamén investiga un contrato que logrou para os parquímetros da capital do Estado

Ese contrato logrouno nunha Unión Temporal de Empresas coa pontevedresa Hixiene's, empresa de servizos da que foi directivo o ex-deputado do PPdeG Juan Casares. Para lograr a concesión a UTE presentou un certificado do Concello de Cangas (daquela gobernado polo conservador José Enrique Soutelo) no que se acreditaba a experiencia de Hixiene's na xestión da zona azul, malia que naquel intre en Cangas non había aparcamento regulado algún.


GaliciaConfidencial

Sem comentários: