segunda-feira, abril 05, 2010

Precisamos de novo a Castelao na Coruña

Cumpríronse nestes días 90 anos da primeira presentación pública do Álbum Nós. Corrían os anos 20 en Galiza e a Irmandade da Fala da Coruña ofrecérase para organizar esta primeira exposición. Foi no Círculo de Artesáns e a exposición estivo acompañada de conferencias do propio Castelao, Vicente Risco ou Xoán Vicente Viqueira.

Como Castelao di no prólogo da publicación 11 anos máis tarde, esta exposición do Álbum Nós foi a escusa con que estes nacionalistas difundiron as súas ideas con todo tipo de actos en diferentes vilas do país.

Só catro anos antes, tamén na Coruña, o 18 de maio de 1916, Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou seu irmán Ramón Vilar Ponte. A raíz desa xuntanza, criaríase a Irmandade dos Amigos da Fala. Xa en 1917, Lois Porteiro Garea deu un mitin no Casino Republicano da Coruña, que supuxo o paso á actividade política do grupo. O seu voceiro A Nosa Terra, déixase nese ano de imprimir na rotativa de La Voz de Galicia e convértese no inimigo público do voceiro nacionalista.

Na I Asemblea Nazonalista realizada en 1918, en que participan 16 agrupacións locais das Irmandades, representadas por unhas 60 persoas, a metade procedentes da cidade da Coruña, sae o "Manifesto Nazonalista", que constituiría as bases do nacionalismo galego até a Guerra Civil.

Unha destacada elite intelectual da cidade da Coruña estaba nese tempo ao servizo do país e tiña claro que a principal contradición estaba entre os que consideraban Galiza como unha nación cun idioma propio e os que a vían coma unha sucursal de Madrid. A Coruña convertiríase despois do levantamento fascista de 1936 no bastión do españolismo e da cultura cañí.

Aínda hoxe, estamos a sufrir as consecuencias da españolización que supuxo 40 anos de franquismo, aos que hai que lles engadir 20 anos de vazquismo. Neste tempo, a cidade esqueceu que fora vangarda deste país para se converter nunha mala imitación dunha cidade castiza. A súa clase dominante inventou festas taurinas e, a través dunha meditada estratexia, procurou que non quedase nela nada de galego. Incluso chegaron a se atreveren coa deturpación do topónimo. A todo isto foron alleas as clases populares, en que aínda se fala galego e que mantiveron algunha tradición popular nos diferentes barrios, a pesar da presión e a belixerancia que se exerceu.

Cómpre pois, recuperarmos a memoria, facermos valer o incansábel traballo dos Vilar Ponte e dos máis de 350 militantes nacionalistas que existían na Coruña á altura de 1918.

É preciso un traballo constante para seguir sendo vangarda que permita que os galegos e galegas sexamos conscientes da riqueza que supón posuírmos unha lingua e unha cultura, desfacérmonos de prexuízos e actuarmos como nacionalistas conscientes en todos os planos da vida e en todos os recunchos do país. Como di Castelao no prólogo da edición do Álbum Nós, "o pesimismo pode ser libertador cando desperta carraxes e cobizas".

A vindeira semana,e da man da AS-PG, o Concello da Coruña vai levar de novo aos salóns do Círculo de Artesáns os debuxos que fai 90 anos Castelao dera a coñecer e que suporían o impulso da súa carreira como artista mais tamén un dos acontecementos sociais máis comentados da época.

Este debuxos, que a día de hoxe por desgraza están de total actualidade, serán obxecto de análise, así como as Irmandades da Fala, nas conferencias que imos realizar ao longo do mes de abril. Son moitos os traballos que analizan a obra plástica de Castelao. Permitídenos propoñervos As mulleres en Castelao, da profesora María Pilar García Negro, para quen quixer profundar no tema.

terraetempo.com

Sem comentários: