segunda-feira, abril 12, 2010

'Prisciliano está nos piares da cultura galega'

Victorino Pérez Prieto (Hospital de Órbigo, León, 1954) vén de publicar 'Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario' (Galaxia), no que propón un achegamento científico á figura deste bispo, rachando algúns dos tópicos creados ao seu redor.

Quen foi Prisciliano?

Aínda que pasou a historia por bispo foi ante todo un leigo cristián comprometido coa doutrina de Xesús. As súas formulacións renovadoras e críticas cunha institución corrupta entendéronse como perigosas e acusárono de herexe. O cristianismo pasara de ser perseguido a converterse na relixión do imperio, polo que ademais de postos xogábase que a Igrexa acadase un papel de preponderancia. As intrigas dos bispos antipriscilianistas conseguiron que Clemente Máximo o condenase a morte en Tréveris, lonxe da Gallaecia onde pasara toda a súa vida. Resulta rechamante que o movemento creado por este home, que puido ter pasado desapercibido como outros herexes, permaneceu vivo 200 anos despois da súa morte e que 1600 anos despois se segue reivindicando.

Por que é un símbolo necesario para a cultura galega?

Porque os pobos necesitan símbolos para constituírse máis alá das realidades históricas. Castelao manifestou que Prisciliano constitúe a expresión da consolidación da conciencia mística de Galiza. Está nos piares da cultura e da identidade galega, polo que Galiza non pode ser considerada unha realidade inventada polos románticos. Converteuse nun símbolo, a pesares da represión e da erradicación da súa memoria, que o Romanticismo, e especialmente a Xeración Nós con Otero e Castelao, reivindicou como necesario para a vida do país.

Que queda de Prisciliano?

Foi un home reprimido por ser libre ao igual que os irmandiños, os mártires de Carral e todos os que loitaron porque Galiza fose pobo de seu, ademais de mobilizador dun cristianismo lexitimamente galego. O cristianismo en Galiza debe beber da realidade do pobo, non só participar da súa lingua senón tamén da súa realidade antropolóxica. Se Prisciliano prendeu foi porque conectou con eses substratos que quería un cristianismo máis seu.

Como encaixaría actualmente Prisciliano na xerarquía eclesiástica?

Estamos en ano Xacobeo e aínda se mantén a confrontación Santiago versus Prisciliano. Probabelmente os ósos de Prisciliano non estean enterrados en Compostela pero dende logo é imposíbel que sexan os do Apóstolo, porque a súa presenza aquí historicamente non se sostén. Prisciliano foi venerado en Galiza até o século VI e a historia Xacobea comeza no século VIII. O camiño que fixeron os seus seguidores traendo o cadáver dende Alemaña coincide coa actual ruta Xacobea francesa. Dalgunha maneira a memoria priscilianista sumiuse na Xacobea porque Xacobe foi un santo con máis capacidade de congregar xente. Con iso non quero criticar o camiño, que abriu Galiza a Europa e trouxo unha riqueza, pero a súa importancia non reside na identidade dos restos senón na experiencia espiritual dos peregrinos.

A nosa terra

Sem comentários: