segunda-feira, abril 26, 2010

Privatizacións: até onde?

Artigo de Xesús García Couso para o Terra e Tempo Dixital

No comezo da actual crise financeira algúns, confundindo o seu desexo coa realidade, lanzáronse a pronosticar o fin do sistema capitalista. Para a nosa desgracia semella que esta crise non é senón unha máis coas que o sistema acostuma a reafirmarse e facerse mais forte.


Despois de todas as crises o sistema sempre saíu máis reforzado e ao seu desenlace sempre houbo unha maior concentración de poder económico. Nesta as cousas seguen o mesmo guión.

A nivel económico o que está a pasar no noso país coa fusión das caixas é un bo exemplo disto último. Cando remate todo (a crise e a fusión) quedará afectado un dos piares do sistema capitalista: a libre competencia. Esta, en contra de todo o que os defensores do libre mercado predican, verase seriamente minorada pero, neste caso, ningún columnista prenderá fogueiras nos seus artigos en defensa de tan piar fundamental para o bo funcionamento dos mercados. Faltaría mais!

Semella que o capitalismo avanza cara ao seu triunfo definitivo: a implantación do mercado como único e xenuíno xeito de relación entre os pobos. Para conseguilo só lles queda prescindir do poder político. Xa fai tempo que o ten ao seu servizo pero semella que o seu actual estadio aínda non lle é suficiente.

Para proseguir coa súa evolución "natural" levan xa un tempo que todos os seus medios de comunicación están en campaña. Desde cando levamos escoitando que para xestionar ben as cousas non hai nada como as empresas privadas? Que a Administración é un atranco pesado e burocrático para o bo funcionamento do actual sistema económico. Que os seus traballadores e traballadoras só pretenden cobrar traballando coa lei do mínimo esforzo.

Polo tanto hai que alixeirar peso e deixar que a iniciativa privada, sempre mais "lixeira", se ocupe de xestionar aqueles servizos imprescindíbeis (e polo tanto mais rendíbeis) para os/as cidadáns.

Así imos vendo como, pouco a pouco, mentres as administracións van deixando de xestionar estes servizos, foron aparecendo empresas que se ocupaban de facer todos e cada un deles. Non é de estrañar que unha mesma empresa se adique a recollida de lixo nun territorio, noutro á xestión da auga, noutro das emerxencias, noutro da limpeza viaria, noutro...

Por non falar xa de sectores tan importantes para un pais como a enerxía ou as telecomunicacións onde, a día de hoxe, a renuncia é total e xa ninguén semella reclamar o control destes dou importantes sectores.

Este sistema foi que de converter en negocio os dereitos fundamentais que as persoas fomos conquistando século a século; e foi aínda mais alá, foi quen de, a través de asociar a idea de modernidade á xestión privada, convencer de que estaríamos mellor se as cousas importantes fosen xestionadas polo sector privado.

No campo da saúde laboral as mutuas fai tempo que sustituiron a Seguridade Social no control da saúde dos traballadores e traballadoras. Actualmente a loita xa está na saúde diaria. Para a zona sur do País a Xunta ten a intención de implantar un modelo de saúde que nos vai deixar en mans de empresas privadas a través dunha formula de xestión que xa demostrou o seu fracaso, e as súas graves consecuencias para a saúde, nos lugares onde xa está implantada.

No Morrazo acaban de presentar o estudo do desdobramento da súa vía rápida para convertela en autovía. A fórmula para financiar esta obra amosa, unha vez máis, cal é o seu estilo. Coa situación de crise que padecemos teñen a desculpa perfecta para sacar a concurso a obra e financiala dándolla en concesión á empresa que a constrúa. Esta empresa cobraralle despois á Xunta en función do número de vehículos diarios que pasen pola nova autovía. Para evitar que os condutores e condutoras caiamos na tentación de circular polas estradas comarcais idearon, como non, un seguro para disuadirnos de tal extremo. No mesmo paquete que vai a concesión da obra da autovía, ao parecer, vai tamén a concesión para a conservación das estradas comarcais no Morrazo. É sinxelo adiviñar que a empresa, que cobrará por vehículo diario que use a nova autovía, non vai ter moita gaña de gastar cartos en conservar en bo estado as estradas que lle fan competencia. E por si aínda así o lote non era o suficientemente atractivo engaden tamén unha área de servizo que vai ter as mellores vistas sobre a ría de toda a comarca. Aínda que para iso haxa que desmontar un outeiro. Pero xa se sabe, so é monte.

Hai uns anos que os profesionais das emerxencias veñen reclamando unha xestión pública dos Consorcios Provinciais de Bombeiros; tanto dos existentes como dos que nun futuro se teñen intención de crear.

Con un modelo único en todo o estado español o noso Pais destaca tamén neste campo. Excepto o Parque de Silleda, que se rexe por un modelo de xestión público, os demais Parques Comarcais existentes están xestionados por empresas privadas. Por suposto, a intención do goberno autonómico é continuar con este modelo. Un modelo que, na práctica, supón antepoñer o beneficio empresarial a nosa seguridade. E, ante esa contraposición, xa sabemos cal vai ser a opción das empresas.

Nunha das facetas que aínda teñen, os estados xa encomezaron tamén as privatizacións: a Defensa. O exemplo de empresas de seguridade privada na guerra do Iraque ou, no estado español, o emprego de vixiantes de seguridade armados nos atuneiros do Pacífico só son dous exemplos de cómo se vai evolucionando neste terreo. De feito as empresas armadoras (as dos barcos) xa empezaron a pedir cambios na lexislación para que estes vixiantes poidan usar armamento pesado. Que será o seguinte? Montar lanzamísiles nos atuneiros? Poñer aos patróns de pesca ao mando da VI flota?

Si queremos seguir poñendo exemplos aínda poderíamos seguir coa educación, o ensino, a seguridade aérea, a enerxía, as telecomunicacións,...

Hoxe calquera ámbito do servizo público está baixo o ollo do capital. As conquistas sociais que, á clase traballadora, nos levou tanto tempo, esforzo e sacrificio conquistar están sendo desmanteladas, unha a unha, a un ritmo cada vez máis acelerado.

Coas forzas políticas maioritarias (as que se din de esquerdas tamén) entregadas en corpo e alma ao capital, á súa linguaxe e plantexamento político, ao seu xogo bipartidista, pouca esperanza nos queda á clase traballadora.

Xa é hora de que comecemos a apostar por forzas políticas nosas, que teñan como única lealdade o servizo aos intereses dos homes e mulleres da nosa terra, defensoras do noso sistema produtivo, que crean en nóss como País e non que nos teñan como unha sucursal da metrópole.

Perder a nosa capacidade de influencia como pobo e como clase social xa se ve cara a onde nos conduce. Teremos pois que conservar, ou recuperar, a participación social e que seguir mobilizándonos. O día 25, ás 12 horas en Compostela, temos unha cita coa defensa do sector público. A nosa obriga como clase traballadora é participar.

Terra e Tempo dixital

Sem comentários: