terça-feira, abril 06, 2010

Queremos Galego convoca concentración de urxencia contra o decretazo este mércores 7 de abril



Este mércores 7 de abril ás 16.15 diante da sede do Consello Escolar de Galiza (Rúa San Roque, 2), en Santiago de Compostela


Coincidindo coa reunión do máximo órgano consultivo da comunidade educativa, na que se debaterá o proxecto do goberno


A Plataforma cidadá Queremos Galego convoca de urxencia unha concentración contra o decretazo lingüicida no ensino para este mércores 7 de abril ás 16.15, coincidindo coa sesión do Consello Escolar de Galiza na que se debaterá o proxecto do mal chamado decreto de plurilingüismo no ensino non universitario, o decretazo que acaba co uso normal da nosa lingua propia nas aulas.

O paso do proxecto de decretazo polo máximo organismo representativo da comunidade educativa galega é un trámite preceptivo antes da súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta e publicación no DOG, como tamén acontece no caso da Mesa Sectorial e do Consello Consultivo.

Queremos Galego chama especialmente á comunidade educativa a se facer escoitar "dentro e fóra" da reunión do Consello Escolar deste mércores para que á sociedade galega "non teña dúbida" de que o decretazo non conta con apoios no ámbito do ensino, "fóra dos que debuxan na súa imaxinación o Partido Popular, o Conselleiro de Educación e o Secretario Xeral de Política Lingüística".

Sem comentários: