sábado, abril 10, 2010

Sen novas de Galiza na axenda da Presidencia Europea

Atravesamos o ecuador da Presidencia da Unión Europea que, por quenda, lle corresponde neste semestre ao Estado español, sen que se atinxise ningún dos obxectivos propugnados polo Goberno presidido por Zapatero, e tampouco sen vermos sequera incluídos na axenda europea os asuntos que afectan dun xeito especial a Galiza.

O Goberno español asumiu en xaneiro de 2010 a Presidencia da Unión Europea brandindo un amplo programa, ao tempo que vago na formulación de obxectivos concretos e medidas tanxíbeis destinadas a superar as causas e os efectos da crise económica, moitas delas relacionadas directamente coas políticas económicas impulsadas desde as institucións comunitarias co alento da doutrina ideolóxica neoliberal. O documento político é un exemplo paradigmático do xeito de gobernar de Zapatero: lugares comúns tanto á hora de analizar as causas como á de paliar os seus efectos, sucesión de lemas amábeis para ofrecer solucións á crise mais sen capacidade para proporcionar unha alternativa real, e escasa profundización naqueles temas que esixen dunha intervención pública máis decisiva e que suporían apostar claramente por unha mudanza nas relacións de poder e económicas dominantes ao longo das últimas décadas, como é o caso do control público do sector financeiro a nivel europeo e dunha regulación que o sitúe nidiamente ao servizo da economía produtiva e do emprego.

Con estes vimbios, o cesto non demorou en presentar fendas. Era evidente ademais que o Goberno asiu a Presidencia española da Unión Europea como a oportunidade para darlle azos a un Presidente do Goberno español en horas baixas, que está a soportar unha forte contestación á súa negación, logo vacilación, e finalmente articulación de medidas antisociais fronte á crise económica. Aínda que a asunción da Presidencia se produce nun momento relevante, pola fondura da crise económica e as súas consecuencias sociais, que podía aventurar incluso un protagonismo maior que noutras ocasións, precisamente nesta delicada situación é cando se demostrou a verdadeira faciana da construción europea, capitaneada polo eixo franco-alemán, cegada pola ansia da acumulación transnacional e o predominio do capital financieiro expresado na defensa férrea do euro. O consello informal de febreiro, previsto inicialmente para abordar o seguimento da situación económica e informar sobre os traballos da "Nova Estratexia Económica", foi transformado, obviamente por mandato da actualidade sobre a situación das finanzas e da débeda soberana de Grecia, na escenificación do apoio dos "grandes europeos" ao devandito país. A foto final foi ilustrativa: o máximo mandatario grego arroupado pola chanceler alemá, o Presidente francés e o Presidente do Banco Central Europeo. Ulo titular da Presidencia da Unión Europea?

Alén da relegación nos asuntos da axenda política europea con maiúsculas, tampouco se produciron avances noutros temas obxecto de debate político no ámbito europeo durante o primeiro semestre de 2010. O máis salientábel é o nulo avance na directiva que pretende harmonizar a regulación dos "hegde funds", que xogan un papel importante para favorecer a desregulación e especulación financeira. Unha volta máis os intereses en xogo, espoleados por potentes lobbies, están a torcer a vontade democrática e a necesidade de comezar a sentar bases mínimas para que sexan aplicados acaídamente, isto é, en beneficio das maiorías sociais e non só do beneficio desmedido ao servizo da acumulación de capital e de reforzar a posición privilexiada de elites minoritarias. O descafeínado papel da Presidencia española pode provocar que o proxecto, ben sexa bloqueado, ben sexa aprobado cunha rebaixa considerábel das pretensións iniciais, por mor da súa falta de convición nunha mudanza a fondo das regras que rexen a desregulación financeira, común a toda a socialdemocracia europea.

Desde a perspectiva de Galiza, a preocupación é maior, xa que a Presidencia española nin sequera está a ser aproveitada para achegar solucións definitivas á problemática que atravesan determinados sectores estratéxicos na economía de Galiza ao non ser quen, desde o Goberno central, de introducilos na axenda europea. Agás quen practique un confeso e militante papanatismo da actual construción europea, ninguén pode dubidar a estas alturas, que as políticas da Unión Europea tiveron e aínda teñen fondas e negativas consecuencias na economía de Galiza, interferindo nas potencialidades dun desenvolvemento económico autocentrado e mesmo impondo trabas inxustas e discriminatorias a respecto doutros territorios europeos. Por iso, o comportamento do Goberno español de desbotar o actual período da Presidencia do Estado español na Unión Europea para impulsar e afrontar un debate sobre, por exemplo, o veto ao sector naval galego ou a delicada situación do sector lácteo supón unha irresponsabilidade co noso país, e mesmo cando os acordos poderían, por unha banda, beneficiar tamén a amplos sectores doutros países de Europa, ou por outra, reparar inxustizas históricas que lastran as oportunidades de xeración de actividade económica, riqueza e emprego en Galiza.

Partamos dos exemplos citados. No caso do sector lácteo, malia atravesar unha situación que pode arrastrar á ruína á maioría das explotacións agrarias de Galiza, durante a Presidencia Europea, o Goberno central só foi quen de organizar unha reunión de "Expertos de Alto Nivel sobre o sector lácteo", e un Consello de Agricultura o pasado 29 de marzo, co gallo de abordar a mellora no funcionamento da cadea alimentaria, onde non houbo ningún acordo satisfactorio, só avances presentados a xeito de conclusións mediáticas sen ningún efecto executivo ou práctico salientábel -isto é, que axudase desde agora a aliviar a agónica situación económica dos produtores lácteos-, e mesmo algún retroceso destacábel, como por exemplo a insistencia en recomendar a "eliminación dos obstáculos para acabar coas prácticas que fragmentan o mercado interior". Que llo digan ás nosas gandeiras e gandeiros, que cada día constatan as dificultades que os produtos lácteos franceses teñen para penetrar no mercado español. Ou aos consumidores que cada vez atopan máis produtos alimentarios foráneos nas cadeas de distribución comercial. Todo un exemplo de fragmentación do mercado alimentario! Non será precisamente ese afán desregulador o que aboca á unha desvertebración cada vez maior do sector agrario e, en concreto, á desprotección dos produtores agrarios.

No caso do sector naval, o Goberno español nin puxo enriba da mesa o levantamento do inxusto do veto que sufre un dos maiores centros de produción peninsular: as instalacións do antigo estaleiro de ASTANO en Fene. Unha proba de desidia máis absoluta, mesmo nun intre no que podería constituír un importante polo de reactivación económica nunha das principais comarcas demográficas de Galiza. Nin se molestan en propiciar argumentos solventes, coñecedores da conivencia das sucursais estatais en Galiza dos partidos políticos e sindicatos de implantación maioritaria no Estado español. Como se pode a estas alturas esgrimir a incompatibilidade coa normativa da competencia europea ou de axudas de Estado, cando a Memoria Anual da SEPI de 2008 (organismo estatal) reflicte o arquivo, ratificado oficialmente por escrito de 22 de outubro de 2008, do expediente incoado no seu día pola Comisión Europea ?

Tampouco se está a cumprir co desenvolvemento de asuntos propostos na axenda da Presidencia Española da Unión Europea polo propio Presidente do Goberno, explicitados por el mesmo en decembro de 2009 no Congreso dos Deputados, e algúns con especial incidencia en Galiza. Cales son, polo de agora, os resultados da orientación do debate nas institucións europeas sobre o orzamento comunitario que se plasmará no novo marco financeiro para o período 2014-2020 e con iso do mantemento de fondos para o sector pesqueiro, agrario ou de cohesión? Como pretende agora, en tres meses escasos que restan de ostentación da Presidencia europea, iniciar un debate que non tivo a valentía de introducir no ámbito comunitario e situalo nunha situación favorábel aos intereses de Galiza?

O paso do ecuador da Presidencia Europea sáldase cun rotundo suspenso, máis acusado naqueles asuntos que directamente afectan a Galiza, e co que podemos constatar, unha vez máis, que o Executivo presidido por Zapatero sigue fiando a súa acción de goberno á publicidade no canto da política, ao pretender que a quenda da Presidencia Europea contribúa máis a súa proxección mediática que a procurar solucións para corrixir o inxusto tratamento que determinadas políticas comunitarias someteron a Galiza, particularmente aos seus sectores económicos con maior vinculación co emprego en Galiza.

Terraetempo

Sem comentários: