quarta-feira, abril 28, 2010

Un Primeiro de Maio para que a crise non a sigan a pagar os traballadores

Un ano máis, os sindicatos celebrarán por separado a xornada do Primeiro de Maio, este sábado. Dunha banda, a CIG chama os traballadores a manifestárense a partir das 12 do mediodía en Vigo, baixo os lemas: “Emprego e salarios dignos” e “O déficit público que o pague o capital, reforma fiscal xa”. E da outra, UXT e CCOO programan as súas protestas de xeito conxunto pedindo aos gobernos que “non se precipiten ao acometer recortes no gasto social”.

A CIG “contra a economía especulativa”
Ademais da manifestación central, que se celebrará en Vigo, a CIG convoca protestas en Santiago, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Lugo, Ourense e Ribadeo. Contraria á “política de pacto social” que seguen CCOO e UXT coa súa presenza nas mesas de diálogo abertas coa administración e a patronal, a central nacionalista aproveitará o Día Internacional do Traballo para denunciar “a redución de salarios, a precarización das condicións laborais e o recorte dos dereitos dos traballadores”.

O secretario xeral, Suso Seixo, censurou que “se está a introducir un debate equivocado e falso” sobre a “contención da política salarial”. Avogou por “reactivar a capacidade de consumo, cousa que pasa por mellorar os salarios”. Asemade subliñou que a reforma laboral non traerá “de xeito automático unha recuperación do emprego” e que “é preciso combater as causas que xeraron a crise e non recortar o gasto social”.

Nesa liña, lamentou que "nada se fale de mellorar o control" dos sectores estratéxicos, de potenciar a economía produtiva, de eliminar os paraísos fiscais ou de crear un modelo de banca pública para permitir que os recursos económicos cheguen ás familias e ás empresas necesitadas". Asemade, Seixo defendeu unha reforma fiscal que grave as rendas máis altas, en troques de que o Estado busque un aumento dos ingresos a través dos impostos indirectos.

UXT e CCO contra os recortes sociais
Pola súa parte, UXT e CCOO manifestaranse conxuntamente en Vigo, no seu acto central, mais tamén terán protestas en A Coruña, Santiago, Ferrol, Vilagarcía, Lugo e Ourense. O secretario xeral de UXT, Xosé Antonio Gómez, considera que “os gobernos se precipitan coas medidas de recorte de gasto público e de austeridade fiscal” e oponse a que se aplique “de xeito dogmático o plan para reducir o déficit público”.

Neste punto coincidiu tamén o máximo responsábel de CCOO en Galiza, Xosé Manuel Sánchez Aguión, quen apuntou a que “é fundamental manter as medidas públicas de estímulo da economía e de protección dos desempregados”. Asemade, incidiu na necesidade “de aplicar os acordos do diálogo social” e pediu “urxencia para pechar pactos”. “Temos alternativas e queremos que se abra o camiño de xeito urxente”, proclamaron ao tempo que pediron que se asenten as bases para unha necesaria mudanza de modelo económico.

Outros Primeiro de Maio en Vieiros:

Sem comentários: