domingo, abril 11, 2010

Unha estratexia distinta

Maurício Castro propón aplicar en Galiza o modelo de oficialidade única do Quebec, respectando os dereitos dos falantes doutros idiomas

O profesor na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol e sociolingüista Maurício Castro ofreceu onte un relatorio nas I Jornadas de Cultura, Língua e Ensino, organizadas pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Universidade da Coruña. A partir dunha comparación entre o caso de Porto Rico e Galiza, propuxo para o noso país un modelo no que o idioma propio sexa o único oficial, ou polo menos a lingua preferente, garantindo os dereitos dos falantes doutros idiomas, como o castelán. Ao seu ver, as estratexias adoptadas ata o momento en política lingüística non deixaron de amosar o seu fracaso, polo que chegou o momento de mudalas, ollando a modelos "que non son unha utopía", senón unha realidade en lugares como o Quebec ou Flandres.

Castro pon de relevo a incoherencia que supón defender, para Galiza, o "bilingüismo cordial" mentres as mesmas persoas apoiaron, nos anos 90, a reivindicación do goberno de Porto Rico de que o castelán fose a única lingua oficial, sen renunciar á aprendizaxe do inglés nas escolas. A súa proposta afástase tanto da do actual Executivo galego como, en boa medida, da sostida pola oposición e o movemento normalizador, que reclaman o cumprimento da lexislación vixente para que o galego acade unha posición de igualdade respecto do castelán e a volta ao consenso lingüístico no marco da cooficialidade e as políticas activas de protección da lingua propia do país.

Comezaches a túa intervención aclarando os conceptos de lingua e dialecto. Que querías subliñar? En contra do que se di habitualmente, o concepto de lingua non é estritamente lingüístico, senón que se decide que é lingua ou que é dialecto segundo criterios políticos. O galego foi considerado un dialecto ata que unhas elites culturais, no XIX, comezaron a defender que era unha lingua. As consideradas linguas non son máis que unha variedade, é dicir, un dialecto, escollido para ser o estándar. Así pasou co castelán, o francés, o inglés...

A padronización consiste, daquela, na escolla dese estándar. O artigo de Andrés Freire publicado pola FAES parecía esquecer que o castelán tamén viviu ese proceso, cuxo resultado é a uniformidade, relativa, do actual castelán...

Si. Nos estados-nación europeos decídese cal é a variedade estándar tras o xurdimento da imprenta de Gutenberg. Ao galego faltoulle, daquela, un aparello de poder detrás que impulsase este proceso. Cando Galiza acadou a autonomía, decidiuse ademais que o galego era unha lingua autónoma do portugués, contra o que demostra a filoloxía románica e toda a nosa tradición anterior, que considera o galego parte da lusofonía.

Monolingüismo, bilingüismo... son conceptos que están a xerar moita confusión polo seu mal uso. O monolingüismo social foi o obxectivo tradicional do nacionalismo, pero agora está a ser cuestionado, por exemplo por sociolingüistas como Henrique Monteagudo, que defenden un bilingüismo sen diglosia...

As persoas, individualmente, deben dominar cantas máis linguas mellor. Pero se queremos que o galego se normalice, na miña opinión debe ser a única lingua oficial no noso territorio. E iso non exclúe que se fale tamén castelán, inglés..., pois os dous aprenderíanse como materias na escola. O Estado español deulle o premio Príncipe de Asturias nos 90 ao gobernador de Porto Rico por facer do castelán a única lingua oficial co obxectivo de deter a súa substitución polo inglés. Pouco despois, tras as seguintes eleccións, restaurouse a cooficialidade. Pero a cuestión é que as elites españolas defenden unha cousa distinta en Galiza e en Porto Rico. O modelo de cooficialidade que se aplica en Galiza ao que está a levar é a que o galego sexa a lingua minoritaria. Por iso é necesario mudalo. E hai modelos que funcionan, como o de Quebec ou Flandres. No Quebec, en Canadá, o francés é a única lingua oficial, pero garántense os dereitos dos angloparlantes.... O bilingüismo equilibrado ese do que se fala non existe en ningún sitio.

DETALLES

"A gran falacia de G.B. é a imposición do galego"

Din os de Galicia Bilingüe que os dereitos son das persoas e non dos territorios. Pero a propia Constitución española establece un principio de territorialidade...

Si, pero para o castelán, que é obrigatorio en todo o territorio do Estado. O galego, porén, é só persoal, individualmente voluntario en Galiza, pois os cidadáns teñen dereito a utilizalo. Só para Galiza se propón, por exemplo, consultar os pais sobre a lingua das materias. Non defenden o mesmo para Valladolid ou Madrid, onde hai minorías que falan outros idiomas. A gran falacia de Galicia Bilingüe é o discurso da imposición. Ninguén discute que se impoña o castelán. E eu creo que a igualdade entre o galego e o castelán só se conseguiría sendo o galego o único idioma oficial.

A túa proposta non sería apoiada polas elites, nin hai nos galegos se cadra un nivel de compromiso real coa lingua axeitado para iso...

Tamén as mulleres tenden a reproducir a ideoloxía imposta polo patriarcado. E se vas a Valladolid tampouco atoparás un gran nivel de conciencia lingüística. O que temos que conseguir é que o galego sexa unha lingua útil e necesaria, para non ter que depender só do voluntarismo, a militancia, o sentimentalismo...

EXEMPLOS

"O que defendo é o que pasa en Suíza, no Quebec ou en Flandres"

A túa proposta tamén chocaría coa lei, pois non é legal darlle ao galego un status de lingua única, senón só preferencial...

Iso é certo, pero o que esquecemos moitas veces é que a lei española é antidemocrática niso. O que propoño aplícase en Suíza: cada lingua é oficial no seu cantón, e as outras linguas apréndense tamén na escola. É tamén o modelo de Bélxica ou Canadá. Non é unha utopía, pero aquí parece que non pode nin abrirse ese debate. Se os galegos puidésemos decidir que o galego fose a única lingua oficial, ou polo menos a preferencial a todos os efectos, e ademais se considerase o galego parte do tronco lusófono, mudando a ortografía, si que conseguiriamos normalizalo. O galego ten que ser a lingua prioritaria, a primeira lingua, e o castelán podería ser a segunda. Hoxe non só a burguesía urbana, senón tamén as elites nacionalistas defenden a volta a un consenso que o único que conseguiu foi o dominio do castelán. Tampouco existe o monolingüismo social.

GaliciaHoxe

Sem comentários: