sábado, abril 24, 2010

Visión sobre o que lle acontece a Suso de Toro

Fonte: De Paso

Entre as gratificacións de cando o meu oficio X estivo poder editar A carreira do salmón de Suso de Toro. O feito despoeirase agora na memoria cando farto, definitivamente canso, de Toro anuncia a súa retirada da escrita profesional e (semella que tamén) da literatura. Volve ao Instituto. Vanno pasar en grande os alumnos. Cando lle expliquen a historia da nosa literatura máis actual, e máis valiosa, resultaralles choqueiro saber que moitas das súas páxinas llas deben ao profesor que está na aula do lado. Promete explicacións máis demoradas. Infinita tristeza que as súas razóns dificilmente farán recuar. Todo indica que ao salmón venceuno a forza da canseira.

A mala nova chega nas vésperas do Día do libro e cando aínda está viva nos andeis libreiros a súa última novidade editorial. Ven acompañada nos xornais do día por un parrafeo de Roberto Saviano: «A miña vida en detención constante demostra que as palabras teñen moito poder.» As palabras son as nosas aliadas pero pesan e cargar con elas de xeito honesto cansa, e moito. Sospeito que o fardel de palabras xusticieiras de Suso de Toro pesa de moito carallo.

Ademais Suso sabe perfectamente o que é ser Saviano. Sabe o que é ser condenado polos poderosos e as súas inapelábeis fatwas. Michele Isgró, a bestaparda do fiscal fascista que acusaba a Antonio Gramsci, dixo que había que impedir que o seu cerebro deixase de funcionar por vinte anos. Sen conseguilo, en Galiza moitos desexaban que outro tanto lle acontecese a Suso de Toro. Tardoulles quince anos o gusto.

Vetado por moitos e ninguneado como poucos, afixémonos a ler as opinións de Suso de Toro en diarios editados fóra de Galiza e no acubillo que, entre nós, lle prestou ANT até a chegada de El País Galicia. Un sinal da nosa normal anormalidade consistía en acudir ao quiosco a mercar La Vanguardia para saber que dicía Suso sobre a deleiba do Prestige. A diferenza de Saviano, a súa vida nunca correu perigo (que saibamos) pero a súa vida intelectual e literaria desenvolveuse nun réxime de ameaza permanente, coma se dun fuxido se tratase.

Dinos o amigo Calidonia que quen lle dera a este país ver a Suso «non só adicado ao ensino senón tamén á política activa». Sospeito que esa dedicación activa á política é o que nunca se lle perdoou. O compromiso político é o seu pecado orixinal. Coñecín a Suso de Toro como activísimo sindicalista e entusiasta militante da Esquerda Galega. Logo chegou o seu tempo como escritor. Mais creo que boa parte do mal trato recibido (é un eufemismo debería dicir «castigo») por Suso de Toro se debeu a que nunca deixou de ser un escritor de políticas activas. Case que sempre se tivo que defender só. E tanta autodefensa cansa.

Logo pesará a crise larvada das nosas industrias culturais. E a ausencia de compromisos duradoiros das nosas institucións. Tamén a fraqueza do noso sistema literario. O mercado minimalista das letras e a nosa apatía lectora que pon moi difícil (ou imposíbel) que mesmo uns poucos poidan vivir da escrita no noso país. O triunfo da dereita cínica e a derrota do goberno do cambio fráxil, e o retorno dos fiscais culturais bestapardas tampouco animará moito. E a canseira de imaxinar e fabular. E as moitas derrotas da intelixencia. Supoño que todo isto é unha gravosa pexa para remontar unha e outra vez o río.

E, como non, prexudica a saúde o noso particular ecosistema nacional de ingratitudes. En Galiza, as máis das veces, o recoñecemento chega (se chega) cando estás morto… ou uns vinte segundos antes de levar unha tremenda patada nos collóns ou nos ovarios. É unha sorte de compensación para viúvas e viúvos e para cidadáns prexubilados ou desfiuzados polas rudezas destes tempos. Se te anuncian unha homenaxe, vaite preparando. RIP.

Dixo Saviano no Congreso Internacional de Periodismo de Investigación que «todas as mafias do mundo están obsesionadas co silencio, con impoñer o silencio sexa como sexa, o último que queren é atención.» Sábeo ben Suso de Toro. Por iso, dubido que permaneza moito tempo en silente actitude intelectual. A min encántame fracasar facendo prediccións: estou convencido de que Suso de Toro volverá axiña á literatura. Superará a síndrome Atxaga, e como fixo Bernardo, retornará coas novas letras de políticas activas. Para o noso ben, para desgraza da nosa novísima dereita e dos nosos mafiosi, que habelos hailos.

Sem comentários: