terça-feira, abril 06, 2010

Xerusalén

Artigo de Pedro Gómez Valadés para Galicia Confidencial

A visita de Joe Biden, vicepresidente estadounidense, a Israel; de Catherine Ashton, quen seica dirixe a diplomacia europea; a reunión do Cuarteto en Moscú; a visita do Primeiro Ministro israelí Benjamin Netanyahu a Washington...

Asistimos estas últimas semanas a un continuo ir e vir de novas cruzadas co epicentro posto entre Xerusalén e Washington. O detonante parece ser a construcción de vivendas no barrio de Ramat Shlomo en Xerusalén a a súa pertinente e natural autorización administrativa. Polos titulares aparecidos nos diferentes medios de comunicación, poderíamos deducir que a política urbanística –a mesma desde hai 43 anos- aplicada na capital de Israel é o freo que impide o reinicio das conversas entre Israel e a Autoridade Palestina. Mais é isto certo?

Na miña opinión non. Evidentemente certo é, que a Autoridade Palestina aduce a construcción en Xerusalen e Cisxordania como o motivo fulcral para non sentarse –nin directa nin indirectamente – a negociar con Israel. Loxicamente Mahmud Abbas non pode aparecer diante da opinión pública –e de Hamas- como menos “prol palestino” que o propio presidente Barack Obama, e así, mentres a diplomacia americana insista –na miña opinión torpemente- na suposta necesidade da paralización da construcción en diversos barrios de Xerusalén, a AP seguirá dicindo o mesmo.

Mais o certo é que o affaire Xerusalén ben podía a estas alturas de 2010 ficar en vías de resolución, e que foron os propios líderes palestinos – Yaser Arafat no seu momento e agora Mahmud Abbas- os que coa súa postura, a todas luces irresponsábel, pecharon a porta un acordo dificil, si, mais posíbel.

Desde a proposta de Ehud Barak en Camp David -sob o auspicio de Bill Clinton- no ano 2000. Ate a última iniciativa presentada por Israel durante o mandato do Primeiro Ministro Ehud Olmert,. Quen puxo enriba da mesa de negociacións -a Mahmud Abbas- un plano detallado para un acordo final que, nas súas concesións ás demandas palestinas, ia máis alá de todo o que Israel tiña presentado ate entón. Isto é: o mandato dun Estado palestino con capital en Xerusalén, a retirada israelí da práctica totalidade de Cisxordania e a compensación a Autoridade Palestina cun intercambio de terras polos enclaves israelís que ficarían dentro de Cisxordania, e a apertura dunha canle directa de comunicación terrestre entre a Faixa de Gaza e Cisxordania

A resposta tanto en Camp David, na boca de Arafat, como máis recentemente por boca do actual presidente palestino foi negativa. Isto amosa claramente que o que impide o reinicio das conversas e bloquea un posíbel acordo, en realidade é a carencia dunha dirección política palestina valente e disposta asumir con pragmatismo e na súa integridade que Israel existe e que a convivencia entre os dous estados debe ser posíbel. Mais posíbel desde o mutuo e recíproco recoñecemento do caracter nacional árabe do Estado palestino, e do caracter nacional xudeu do Estado de Israel. Dous Estados para dous pobos.

Aparentemente esta concesión, o recoñecemento formal do Estado de Israel, foi xa feita pola OLP hai anos. Mais só aparentemente xa que o “recoñecemento” ten truco... a negativa a aceptar o caracter nacional xudeu do Estado de Israel, o que agocha a pretensión palestina de dous estados, certo, mais un estado árabe e outro árabe-xudeu. Ou o que ven sendo un estado e medio por medio estado.

A estas alturas de 2010 esta negativa palestina é un exercicio de irresponsabilidade suicida, xa que a todas luces é máis que evidente que após 62 anos desde a constitución do Estado e a declaración de independencia, o Estado de Israel non vai facerse o harakiri por moito que no máis profundo –e non tanto- do imaxinario árabe nunca teñan renunciado a botar aos xudeus ao mar.

Sem comentários: