segunda-feira, maio 31, 2010

A Galicola adozará os proxectos da Mocidade pola Língua

Serán un total de 356 euros, o 5% do total das vendas da Galicola no presente exercicio, o que ingrese a Mocidade pola Língua. Así o comunicou esta sexta feira a Asociación Cultural Fontaira que, desde novembro de 2009, distribúe o refresco, apartando tal e como prometera, unha parte das ganancias para o bautizado Fondo polo Galego.

Cinco propostas optaban ao concurso Angelo Casal nesta primeira edición, certame resolto por votación popular cos seguintes resultados: 1ºMocidade pola Língua (358 votos); 2ºEscola Popular Galega (149 votos); 3ºFoucelhas (92 votos); 4º Gentalha do Pichel (67 votos) e 5ºAGAL (55 votos). Xa que logo, será a Mocidade pola Língua a que bote man do cheque para axudar ao financiamento das súas actividades.

A Xunta colabora no reparto de La Voz en Barcelona

Os barceloneses que collían o metro na tarde deste sábado sorprendíanse ao ver como repartidores lles entregaban de balde exemplares dun diario galego, La Voz de Galicia.

O reparto gratuíto de milleiros de xornais da cabeceira coruñesa forma parte da estratexia de promoción pagada pola S.A. De Xestión do Xacobeo, dependente da Consellería de Cultura. E é que canda La Voz do sábado entregábase un suplemento dunhas 16 páxinas sobre o camiño de Santiago.

O suplemento, encartado separadamente, estaba redactado polos traballadores de La Voz. O seu deseño era o habitual dos suplementos do diario herculino, sen avisar que se trataba non de información senón de unha acción de propaganda institucional. Así, destacaba todas as vantaxes de facer o camiño e os concertos e actos programados pola Xunta.

O reparto masivo de exemplares de La Voz ten sido recentemente criticado polos quiosqueiros e polo seu gran rival en Pontevedra. O Faro de Vigo arremete recurrentemente contra o reparto de exemplares de La Voz, a miúdo financiado por institucións provinciais e locais.

Con todo, a lea polo reparto gratuíto, mesmo en bloque, de La Voz e doutros xornais vén de lonxe, como explica Marcos S. Pérez neste detallado artigo de Tempos Novos.

Trátase dunha estratexia que usan case todas as cabeceiras para enmascarar os seus datos do OJD, atoados ou en retroceso nos últimos anos ante o pulo da prensa dixital.

Galicia Confidencial

Brazilian Portuguese - Influences of the Tupi-Guarani

Dez mortos no ataque de Israel á flota humanitaria de axuda a Gaza

Polo menos dez persoas morreron e 30 resultaron feridas na madrugada do luns nun asalto israelí contra un dos barcos que forman parte da chamada “Flotilla da Liberdade”, un convoi humanitario integrado por seis barcos con 10 mil toneladas de axuda humanitaria para Gaza. O propio exército de Israel xa confirmou a cifra de dez mortos, porén outros medios xa falan de que o número de vítimas mortais podería ser maior.

Membros da flota humanitaria aseguraron que os soldados israelís abordaron os seus barcos dende helicópteros e lanzaron disparos para reprimir os tripulantes, se ben estes amosaban bandeiras brancas. Con todo, a versión israelí di que os comandos comezaron os disparos despois de seren atacados. O movemento palestino de Hamas denunciou que a armada israelí interceptou a flota en augas internacionais a máis de 150 quilómetros da costa de Gaza, unha versión que non foi confirmada polo goberno israelí.





Vieiros


domingo, maio 30, 2010

A RAE modifica a definición de 'nacionalidade'

A Real Academia da Lingua Española (RAE) modificará a definición de 'nacionalidade' que aparece no dicionario da súa páxina web, o que provocou as críticas nacionalistas por apreciar unha intencionalidade política, e asegurou que o corrixirá en breve.

De acordo coa actual edición do Dicionario da Lingua Española, como primeira definición de 'nacionalidade' figura ''condición e carácter peculiar dos pobos e habitantes dunha nación'', acepción que se suprime no avance da vixésimo terceira edición, aínda non impresa pero que si aparece na páxina web da RAE.

Ademais, na edición aínda vixente dise que 'nacionalidade' é tamén o ''Estado propio da persoa nada ou naturalizada nunha nación''; ''Comunidade Autónoma á que, no seu Estatuto, recoñéceselle unha especial identidade histórica e cultural''; e ''denominación oficial dalgunhas comunidades autónomas''.

Na emenda xa non figura a primeira acepción, e das tres que se poden ler, a primeira é ''condición de pertenza a un Estado por razón de nacemento ou naturalización''.

A segunda di que se trata do ''vínculo xurídico dunha persoa cun Estado, que lle atribúe a condición de cidadán dese Estado en función do lugar en que naceu, da nacionalidade dos seus pais ou do feito de habérselle concedido a naturalización''. E a última é ''comunidade autónoma á que, no seu Estatuto, recoñéceselle unha especial identidade histórica e cultural''.

Reaccións dos nacionalistas
As modificacións introducidas na versión electrónica non gustaron nada ás forzas políticas nacionalistas e así, o portavoz de CIU no Congreso, Josep Antoni Duran i Lleida, dixo que con este cambio o que está a facer a Real Academia ''é facer política''.

O portavoz de Educación e Cultura do PNV no Congreso, Aitor Esteban, lamentou o que para el é unha ''intencionalidade política'' por parte da Academia, a cal, ao seu xuízo, debería permanecer ''absolutamente inmune'' a calquera presión política. Segundo o deputado, ''todo o mundo sabe'' que Nación e Estado ''non é o mesmo'' e hai ''moitísimos'' exemplos no ámbito internacional que o corroboran.

Tampouco ERC está conforme co cambio, e para o seu portavoz parlamentario, Joan Ridao, a institución lingüística quere eliminar así calquera vestixio de ''concomitancia'' entre nación e nacionalidade.

Explicou que o vocábulo ''nacionalidade'' xorde como un ''híbrido'' na Constitución para non impedir a súa aprobación e en termos políticos expresa a idea de que existen nacións, que ''non son políticas porque non dispoñen de Estado'', pero que o son por razóns históricas, lingüísticas e culturais e manifestan a súa vontade de ''afirmarse e autogobernarse''.

A RAE inmíscese'' en debates constitucionais
Igualmente contraria foi a opinión do portavoz adxunto no Senado da Entesa Catalá de Progrés, Carles Bonet, quen dixo que a RAE volve inmiscirse'' en debates constitucionais, como, segundo o senador, xa fixo ao intentar que na Constitución definísese ao castelán como español e non como unha das linguas españolas.

Agora, sinalou, parece que a Real Academia ''toma partido'' e queira axudar aos que se opoñen a que no preámbulo do Estatuto catalán, pendente desde hai case catro anos da sentenza do Tribunal Constitucional, fálese de ''nación catalá''.

A presidenta do PP catalán e senadora, Alicia Sánchez Camacho, tampouco se mostrou favorable á modificación que figura na web e cre que se debería manter a primeira definición que se pode ler na edición actual.

Gaspar Llamazares, representante de IU, afirmou que a nova interpretación ''nega'' o feito plurinacional do Estado e asegurou, do mesmo xeito que Bonet, que este cambio ten que ver coa polémica en torno ao preámbulo do Estatut.

Con todo, o deputado máis veterano da Cámara Baixa, Alfonso Guerra, do PSOE, defendeu que a emenda é ''máis práctica'' e acorde co século XXI e non aprecia, en absoluto, que haxa intencionalidade política. E se alguén a ve, sinalou, ''será porque quere buscar dezaoito pés ao gato''.

EFE

Camilo

Artigo de Xose Manuel Beiras para GaliciaHoxe

Xa era así cando nos coñecimos, inda ben novos il e máis eu. No período da miña mocedade no que vivin e traballei en Vigo, para a editorial Galaxia e a recén constituída Fundación Penzol. Anos sesenta. Viñérame de Madrid no outono do sesenta e tres. Cando exiliaran por segunda vez na sua vida a Prados Arrarte, con quen traballaba eu de profesor axudante e andaba a facer a miña tese doutoral. Prados participara o curso anterior no famoso "contubernio de Munich", un frustrado intento de "movida" internacional contra o rexime franquista. Á volta nen o deixaran descer do avión, e foise pra Latinoamérica, onde xa traballara na CEPAL durante os seus anos de exilio republicán. Algúns poucos "profes" novos movilizáramos ao estudantado madrileño en protesta e solidariedade con il. Pouca cousa. Só conseguiramos desbaratar a intriga dun adxunto oportunista que pretendía facerse coa sua cátedra -e ficarmos estigmatizados nós para o noso futuro académico naquela universidade. Fora daquela cando Galaxia me propuxera facerme cárrego da Revista de Economía de Galicia, que dirixía Xaime Illa. Víñenme, coa tese sen rematar. Decidin casar, e aluguei un piso novo do trinque na rua Pizarro, cáseque na esquina cos Capuchinos, que ía ser a nosa morada até o sesenta e nove. O azar quixo que noutro andar do mesmo edificio establecese o seu fogar Camilo Nogueira, que casara tamén polo entón e traballaba de enxeñeiro na Citroën. Foi así como nos coñecimos e até fomos viciños durante unha presa de anos.

E xa vos era asi daquela -así mesmiño como foi sempre e segue a ser aínda: a encarnación mesma do optimismo da vontade. Porque -non sei se o sabedes- o Camilo évos un loitador nato que profesa e exerce o optimismo non por candidez, senón por vontade. Vontade de afirmarse e ser un mesmo, individual e colectivamente, como cidadán e como povo. Vontade de acadar o trunfo das suas arelas e o seu ideario, que consisten e resúmense na plena emancipación do povo galego, no libérrimo exercizo da sua soberanía decisoria. Ese optimismo da vontade faino enxergar decote calisquer situacións en percura das suas facianas positivas e os seus elementos potencialmente fecundos. E esa vontade de optimismo enxendra nil unha enerxía que o torna incansábelmente tenaz, cunha teimosía activa que ás veces mesmo semella obstinación obxetivamente infundada e pertinaz, mais que a fin de contas acha o seu fundamento naquela sabia sentencia popular de que "todo ten remedio menos a morte". O Camilo évos un apaixoado vitalista disfrazado na contención das maneiras que o revisten coa roupaxe da serenidade. Coido que xa temos il e máis eu anos abondo como pra que vos poida revelar sen incorrer en indiscreción algo que hai tempo me confiara un día: as suas tres paixóns inmarcesíbeis son Galiza, o idioma e Paz.

Naquiles anos de xestación da creba democrática co franquismo que non chegaría a nacer, Vigo era un fervedoiro da esquerda e do nacionalismo, daquela interconectados. Na dimensión social e na política, recíprocamente vencelladas. O movemento obreiro, liderado por "Comisións"; o frente cultural, as plataformas "tapadeira" do proselitismo e a axitación cívica -e as formacións políticas na clandestinidade: o PC e os recén fundados UPG e PSG. Dous mozos nacionalistas procedentes do "Brais Pinto" militan no comunismo: Cribeiro na procura dun PC galego que asuma as teses nacionalistas; Ferrin é o corazón e o cerebro da U no interior. Eu son "pexego". Tanto ten: os tres somos coma irmáns. Cribeiro monta o subversivo cine-club. "McFerrin" -Cribeiro dixit- promove, coa Queizán e o Leónides de Carlos, o combativo Colexio de licenciados e doutores. Xohana Torres e Franco Grande protagonizan o programa radiofónico "Raíz e Tempo". Até os cristiáns nacionalistas tentan orgaizárense en grupo político -Santiago Ximénez ha ser o máis esforzado nesa "impossible mission".

E niso todo está Camilo xa daquela: presidirá a Asociación Cultural de Vigo, fundada polo entón e nutrida de activos cidadáns antifascistas, fose cal for o prisma ideolóxico peculiar de cadaquen. Pouco máis logo promove Galicia Socialista, no eido estremeiro antre o PSG e a U -e en permanente simbiose con ámbolos dous grupos: todos eramos indispensábeis daquela, todos eramos camaradas con lentes e roles diferentes na mesma loita común, no teimoso esforzo por devolverlle a voz e o poder ao povo galego, no combate a prol dun auténtico poder popular. É mesmamente así como Camilo participa na elaboración dun breve documento que vai resultar premonitorio e marcar un fito na formulación estratéxica do nacionalismo galego finisecular: o famoso manifesto ou declaración conxunta UPG-PSG. Ese documento concíbese e redáctase a finais dos sesenta na morada de Camilo na rua Pizarro. Os redactores sómolo Ferrin, o pintor Xavier Pousa, Camilo e máis eu. Nesa enxoita declaración tracéxanse as coordenadas e séntanse os peares ideolóxico-políticos dun proxecto común frentista do nacionalismo popular galego, plural e recíprocamente solidário. Sen esa declaración, é dicir, sen a cultura política común que a enxendrou, non resultarían comprensíbeis nen a inicial AN-PG, nen o CFPG, nen o deseño e postulados básicos fundacionais do BNG no 1982. E Camilo estivo aí, non coma figurante, senón coma copartícipe da sua autoría. Nesa perspeitiva, a sua ulterior traxectoria política institucional e partidaria, deica a sua integración no BNG, xa nos noventa, se cadra ven ser un a xeito de periplo odiseico de "retorno ao Tagen Ata" primixenio.

Pasábanme estas remembranzas polo maxín o outro día, na casa rosalián da Matanza, durante a entrega do Pedrón de Ouro a Camilo Nogueira, mentras escoitaba a documentada "laudatio" de Justo Beramendi, a emotiva evocación de Manolo Caamaño -e o discurso en acción de grazas do proprio Camilo. O discurso do Camilo xenuino: xa era así cando nos coñecimos -pensei, e non puiden evitar sorrir por dentro, co sorriso que tenta eludir a emoción. E pensei tamén que, se Murguía estivese a escribir arestora "Os Precursores" cunha visión restrospeitiva do meio século que algúns levamos ao lombo, incluiría ao Camilo nesa rememoración.

Neste país "patas arriba" -discúlpame, Eduardo- só os cidadáns do común recoñecen e retribúen o meritorio esforzo de aquiles que máis xenerosamente levan loitado pola redención política da sua nación. Camilo foi o único deputado que tivo a nación galega no Parlamento europeu, a única voz insobornábel que alí bradou no noso idioma galego-portugués en sistemática defensa dos dereitos e liberdades sociais e nacionais do maltreito povo galego, o único cidadán que ali exerceu a nosa dignidade colectiva. Tamén foi o único euro-deputado que tivo o Bloque até agora mesmo. Pois na Matanza, a única ausencia estridente foina mesmamente a de calisquer membros de calisquer faccións da actual caste política institucional galega -con duas soas e únicas esceicións individuais. Ausencia precisamente dos que lle deben a cidadáns como Camilo a existencia das institucións políticas lexislativas ou executivas autonómicas -ou "autoanémicas"- nas que iles ocupan cárregos arestora. Pensei pra min que, á vista diso, se cadra o Camilo acabaría por asumir de vez que Galiza é unha colonia -e volvin sorrir por dentro, só que agora para escorrentar o noxo.

GaliciaHoxe

quarta-feira, maio 26, 2010

O Português de Castela

São infelizmente poucos os portugueses que conhecem que a raia leste de Portugal não é exatamente uma fronteira linguística, que a fronteira política deixou em Espanha territórios bem portugueses onde a nossa fala vive em estado de depauperação.

Estou-me referindo aos concelhos espanhois de Olivença e Tálega (a Olivença portuguesa) ocupados por Espanha em 1801, e que a pesar de ser mandato do tratado de Viena de 1815, o seu retorno à pátria, seguem ocupados e o português neles perseguido. Os territórios de Valência de Alcântara, Ferreira de Alcântara e Cedilho que cantou Pessoa, – e que bem se lembrou deles Afonso V ao assinar Portugal um tratado secreto com Filipe de Anjou, (neto de Luis XIV da França), intervindo Portugal a troca desses territórios, na longa guerra de sucessão em apoio do Bourbon, frente ao aspirante austríaco-; porém, obtida a vitória polo Bourbon (Filipe V da Espanha) este negou-se a cumprir o tratado –não tornando esses territórios bem portugueses a Portugal-, comportando-se assim dum jeito muito espanhol. Estão logo os territórios do vale do Xalma- concelhos espanhois de Valverde do Freixo, Sam Martim de Trevejo, e Eljas. Mais ao norte estão os concelhos de Almedilha e Calabor. Todos esses territórios são contíguos de Portugal e afastados geograficamente das falas galegas do português, ainda que a pressão do castelhano e a sua imposição, dá a estas falas uma farda muito galaica.

Um grupo de professores galegos membros do coletivo glu glu, realizaram um interessante filme sobre esta realidade, que pode ser adquirido na Loja on-line imperdível, e que estou seguro vai ser todo um descobrimento para o público português em geral, e para entender de jeito muito mais claro que as falas galegas são parte da sua própria língua.

O documental é acompanhado com outro DVD com dados, inclui uma entrevista -de muito interesse- com um professor da universidade de Vigo – Henrique Costas-, que seguindo as teses espanholas, defende que as falas galegas não são português e por tanto algumas das falas portuguesas da raia leste e pela mesma razão -são galegas- é dizer espanholas (e como é óbvio, para esta tese, não portuguesas)

A obra é uma pequena joia que vai servir para os portugueses recuperarmos algum aspecto da complexidade da nossa formação nacional, pois a fronteira do tratado de Alcanhizes não é exatamente uma fronteira linguística.

Só mais uma cousa, se o português destes territórios vive uma dura situação, onde pior está, é no mais recente território roubado de Portugal –Olivença-, onde se empregaram a fundo os espanhois com -jugo e vara- para apagar a nossa língua.

terça-feira, maio 25, 2010

Recurso ao TSXG contra o 'decretazo' de linguas

"Hoxe publícase no DOG o maior retroceso para a nosa lingua, un atentado ignominioso que pon en evidencia o desprezo ao profesorado do que fai gala esta Consellaría de Educación", expón a CIG-Ensino nunha comunicación aos medios na mañá desta terza feira. O propio executivo avanzou a súa intención de realizar as modificacións legais necesarias para turrar co 'decretazo' ao xeito en que orixinalmente foi presentado, mais este mesmo martes sae xa publicado no Diario Oficial de Galicia apenas uns días despois de recibir a beizón do Consello da Xunta. "O goberno de Feijoo ten présa, présa por atacar o galego", repróchanlle ao respecto desde a CIG-Ensino. A formación sindical lembra esa vontade de modificación xa expresada polo presidente da Xunta despois do último informe contrario ao texto, o do Consello Consultivo, coa fin de "impoñer todas e cada unha das premisas en que basearon este ataque á nosa lingua".

Nese contexto, a formación sindical confirma que presenta recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra o chamado 'Decreto do Plurilingüismo'. Ao fío, a CIG recorda outros informes desfavorábeis, como os elaborados pola Real Academia Galega ou polo Consello da Cultura e censura especialmente que a Xunta "desobedece" o último pau ao decretazo que arrebolou o informe do Consello Consultivo. Entenden os representantes dos traballadores do ensino que se "despreza" o traballo realizado polo profesorado e a súa capacidade e criterio pedagóxico. "Amais de desbotar que o alumnado teña competencia no noso idioma, tamén é un desprezo ao noso labor docente que o alumnado poida usar nas aulas de ensino en galego a lingua da súa preferencia", denuncian. Por este motivo, a CIG seguirá alentando o profesorado para que "continúe dando as clases na nosa lingua, contando con todo o noso apoio". Do mesmo xeito, o sindicato anuncia próximas iniciativas en contra do 'decretazo'.

segunda-feira, maio 24, 2010

Cerceda independízase da SGAE

Dende esta fin de semana, a SGAE ten un concello que xa lle pechou simbolicamente as portas. O Festival de Rock que se celebra neste municipio e que organiza a asociación local Lucerna converteuse nunha reivindicación da cultura libre. Nun ambiente festivo leuse o manifesto polo que se declaraba Cerceda “100% libre da SGAE”.

O núcleo central da xornada do sábado estivo centrado nunha mesa de debate sobre “Bens culturais de uso común”, na que participaron a xornalista María Yáñez; Francisco Alvarellos e Xaquín Riera (socios da Casa de Música); Uxío Broullón (creador da plataforma commonsbaby.com); Samuel L. Paris, autor do libro de poemas Manual da destrución, editado baixo licenza creative commons; o cantautor Leo i Arremecághona, que distribúe o seu traballo con licenza libre; e o cercedense Martín Loureiro, membro do grupo Machina.

A festa rematou cun concerto protagonizado por 12 Labirinto, Nao, Fracasados de Antemano, O Leo i Arremecághona e Selectah in Helicopta +Gendebeat. Unha das curiosidades da xornada é que os bares da vila só pincharon ao longo do día música libre de dereitos de autor.

quinta-feira, maio 20, 2010

Contra as medidas antisociais anunciadas polo goberno concentracións da CIG, nas sete cidades, o xoves 20 ás 19:00 horas

A pasada semana a CIG facía un chamamento ás organizacións sindicais para buscar a unidade de acción, co obxectivo de estender as mobilizacións previstas na área pública a todos os sectores e camiñar cara a convocatoria dunha folga xeral. O obxectivo: frear a aplicación das medidas regresivas e antisociais -que afondan aínda máis no modelo neoliberal-, anunciadas polo goberno español. Medidas coas que se pretende que sexa a clase traballadora quen pague a crise, mentres seguen a incrementarse os beneficios daqueles que a provocaron. Malia esa unidade non ser posíbel, a CIG reitera as súas posicións e fai un chamamento á mobilización “En defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos”.

A CIG convoca concentracións para este xoves día 20 de maio, ás 19:00 horas, en todas as cidades agás en Lugo, onde será ás 20:00 horas.

Compostela: Praza do Toural.

A Coruña: Delegación do Goberno

Lugo: Subdelegación do Goberno

Ourense: Subdelegación do Goberno

Vigo: Rúa do Príncipe

Pontevedra: Subdelegación do Goberno

Ferrol: Edficio Administrativo da Xunta de Galiza

Alén diso, está prevista unha concentración diante da Delegación do Goberno, na Coruña, o día no que se debata nas Cortes o decreto lei.

O día 2 de xuño, haberá concentracións diante dos diferentes centros de traballo e o día 8 de xuño, folga e manifestación en toda a área pública.

As federacións da área pública da CIG explican os resultados da xuntanza mantida con CCOO, UGT e CSIF

Ante o anuncio feito polo presidente do goberno español, Rodríguez Zapatero, de rebaixar nun 5% os salarios das empregadas/os públicos, na CIG confirmamos ,unha vez máis, que esta era unha das medidas que se ían aplicar no sector público para seguir coa campaña iniciada de precarización e desprestixio dos servizos públicos, é a xustificación perfecta para tomar medidas cada día máis regresivas no eido laboral.

Ante a gravidade destes feitos, desde a CIG, convocamos a todas as organizacións sindicais para que en pé de igualdade elaborásemos un calendario de mobilizacións co obxectivo de parar as medidas impulsadas polo goberno español. As organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF non responderon á convocatoria de reunión que a CIG lles fixera chegar, pero a pesares disto a CIG sí acudiu á convocatoria que estas organizacións sindicais nos fixeron chegar.

O día 18 de maio, ás 16,30 hs, iniciase a reunión das organizacións sindicais, desde a CIG, e sendo respectuosas/os co calendario de mobilizacións que eles tiñan convocadas en todo o Estado Español, propoñémoslles ampliar este calendario, dando participación nas mobilizacións as/os traballadoras/es , e que o calendario de mobilizacións non se convertera, unha vez máis, en medidas cara a galería para lavar a súa imaxe.

Despois de transcorridas 3 horas de reunión acadamos un acordo de calendario, onde a CIG en aras á unidade sindical deixamos para unha posterior reunión o resto de mobilizacións, que cremos debemos levar a cabo para parar a medidas do goberno.

O calendario pactado contiña as seguintes medidas:

- Concentracións o día 20 de maio nas sete cidades galegas chamando á participación das/os traballadoras.

- Anuncio da convocatoria de folga o día 8 de xuño.

- Comunicado conxunto das organizacións sindicais convocantes anunciando as mobilizacións acordadas.

- Manter unha próxima reunión o día 24 de maio, ás 16 hs, xa que o día 20 de maio está convocada a Mesa Xeral da Función Pública en Madrid. Este día coñeceremos o alcance das medidas .

Como CIG insistimos perante as organizacións sindicais que se o día 20 o goberno mantén as medidas anunciadas deberíamos recrudecer as mobilizacións, facendo un calendario conxunto.

Ás 9 da noite, e transcorridas máis de 4,30 horas de reunión, as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT, comunícannos que non queren manter a unidade sindical coa CIG, que se desdín do calendario pactado entre todas as organizacións e que eles van seguir co seu calendario.

Ante esta situación, como CIG, transmitímoslles que ante todo e entre persoas adultas hai que ter un mínimo de decencia e de vergonza. Se a súa intención é non pactar un calendario coa CIG, podíanolo dicir antes.

Valoración desta esta actitude

A CIG é una organización sindical incomoda para CCOO, UGT e CSIF. xa que o único que pretenden é dar una imaxe cara as/os traballadoras/es de que van a convocar mobilizacións para parar as medidas do goberno, mentres os seu dirixentes pactan en Madrid co goberno as devanditas medidas.

Lamentamos que non estiveran dispostos a aceptar a unidade sindical para paralizar as medidas do goberno e encamiñar as mobilizacións cara unha convocatoria dunha folga xeral extensiva a todos os sectores, dado o carácter regresivo e antisocial e non limitarse unicamente á área pública.

Como poden xustificar CCOO e UGT a continuación da mesa de “Diálogo” mentres a clase traballadora está a recibir recortes gravísimos e está anunciando unha reforma laboral que provoca abaratar o despedimento, flexibilizar e precarizar aínda máis o mercado laboral?

Non abonda, polo tanto, a non ser que exclusivamente se pretenda cubrir o expediente, fixar só un día de folga e non ter en perspectiva a convocatoria dunha folga xeral, única maneira de frear as políticas neoliberais deseñadas polo goberno Zapatero para que os traballadores paguemos unha crise que non orixinamos e cuxos causantes continúan acumulando riqueza e dirixen a política económica dos estados, é dicir, o capital financeiro especulativo dun neoliberalismo extremo.

Se non paramos isto, non só rebaixarán os nosos salarios, desaparecerá e emprego público e os servizos públicos continuarán deteriorándose, senón que será o preludio de recortes laborais a todos/as os/as traballadores/as e de maiores recortes sociais.

Neste momento as/os traballadoras/es públicos somos a moeda de cambio de CCOO, UGT e CSIF para conseguir do goberno medidas que non sabemos a quén van beneficiar.

A CIG seguirá adiante co seu calendario de mobilizacións, informando puntualmente a toas/os das medidas que pretende adoptar o goberno, así mesmo informaremos do que acontece na Mesa Xeral da Función Pública en Madrid. Para que todo o persoal coa información suficiente poida tomar as súas decisións.

Non te deixes enganar por quen, unha vez máis, antepón o seu interese aos intereses das traballadoras e traballadores. Que estraños intereses teñen para que a presenza da CIG lles moleste tanto?

A Xunta aproba o decreto do plurilingüismo para o ensino

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou na rolda de prensa ao Consello a aprobación do decreto do plurilingüismo para o ensino. "A Xunta acaba de aprobar o decreto para o plurilingüismo, que estará en vigor o próximo curso. "Cumprimos a palabra dada, coa coherencia de ter en conta o informe do Consello Consultivo e en segundo lugar, cumprimos os compromisos electorais", asegurou o xefe do Executivo, que engade tamén que o Goberno garante "o equilibrio entre galego e castelán na escola, o dereito de introducir progresivamente unha lingua estranxeira dentro dos idiomas do ensino e o compromiso da liberdade dos alumnos para poder dirixirse ao profesor en calquera lingua e facer os exames en calquera das dúas". No entanto, manifestou: "É evidente que non podemos consensuar este decreto", ao tempo que responsabilizou a PSdeG e BNG da imposibilidade de chegar a este pacto.

Ademais, Feijóo aclara que a norma "garantirá a participación máxima posible das familias na educación dos seus fillos", pero suprime a consulta prevista aos pais, que intentará regular cunha lei posterior que "resolva a situación de alegalidade e de ausencia de regulación" que marca o Consultivo. O Parlamento "terá que decidir se autoriza ao Goberno para facer preguntas aos pais sobre este asunto ou calquera outro", aclarou o presidente da Xunta, que engadiu: "Seremos consecuentes e imos tentar cumprir e tomar en consideración o Consultivo sen esquecer os compromisos electorais que están refrendados nas urnas. Como saben, o Consultivo cuestionaba a consulta dos pais en infantil, tal e como se recollía no decreto, e advertía de que non había cobertura legal suficiente para plantexala sobre a asignación das materias troncais en primaria e secundaria".

O xefe do Executivo asegurou que a Xunta intentará adecuarse á legalidade a respecto da participación dos pais na educación, polo que ten previsto aprobar no Parlamente e "nesta lexislatura" unha lei 'ad hoc' para que se permitan as devanditas consultas. Respecto á consulta en infantil, a Xunta entende "que se axusta á sentenza do Supremo e á do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña refrendada polo Supremo", sentenciou.

Así as cousas, non existirá consulta aos pais mentres non sexa aprobada unha lei que, de maneira específica, así o permita e, polo tanto, dea sustento ao que actualmente o propio Feijóo recoñece que tería carácter "alegal", tal e como se pode comprobar en diversas sentenzas xudiciais. Mentres, o sistema de educación infantil será moi semellante ao do decreto de 1995, cunha "casilla" que, na matrícula "pregunte" pola "lingua materna" dos nenos.

En canto á consulta en primaria e secundaria, Feijóo di que o Goberno será "consecuente co Consultivo e cos compromisos" e decide suprimila. "Consecuentemente a Xunta fará con criterio pedagóxico o equilibrio no 50% entre asignaturas en castelán e galego, e así constará", manifesta.

Ademais, Núñez Feijóo asegura que "é evidente" que non pode "consensuar o decreto", aínda que bota a culpa desa falta de acordo á oposición. "Pecháronse, empezaron a facer manifestacións antes de que este Gobenro aprobase o decreto e a última fíxose antes de que se propuxese o texto definitivo", di. "O BNG considera que o seu sistema é o da inmersión e o PSOE, aquí en Galicia, di que o seu sistema é do BNG. O da Xunta é este. Se non é posible chegar a un acordo no decreto, nós tentaremos chegar a un acordo noutras áreas da lingua", sentenciou.

Jesús Vázquez, excluído da presentación

Feijóo deu conta aos xornalistas do contido do decreto en presenza da práctica totalidade do equipo de comunicación consellería de Educación e tamén da secretaría xeral de Política Lingüística, incluído o propio secretario xeral, Anxo Lorenzo. Quen non estivo presente no anuncio da aprobación do seu ‘proxecto estrela’ foi o propio conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. Ao contrario do que sucede nas presentacións dos diversos proxectos sectoriais das consellerías, Alberto Núñez Feijóo optou por presentar en solitario e, polo tanto, por respostar sen compaña ás preguntas dos informadores.

Como xa acontecera na presentación do bosquexo do decreto, o Goberno galego decidiu aprobar na mesma xuntanza e, polo tanto, facer público ao mesmo tempo, unha medida destacada en materia de ordenación terrtorial. O pasado 30 de decembro, o avanzado foi o Plan do Litoral e, desta volta, as Directrices de Ordenación do Territorio.

Lamatumbá pon en órbita o seu novo traballo: Logo chega o día!

Logo chega o día! Ese é o nome do primeiro single do novo disco de Lamatumbá, “A Órbita da Banda Hipnótica”. E chegar... chegou o día da súa estrea mundial: será este xoves en Compostela, na sala Capitol. Xa o adiantaban as murmuracións: o novo álbum dos ourensáns ten un lagarto pintado e cando a Carolina move o rabo... o lagarto ponse en órbita! A orbita comezou, a nave despegou e promete unha xira ben completa.

Segundo adiantan os músicos ourensáns, a presentación do disco será unha celebración por todo o grande, na que haberá discos, camisolas, carteis, festa e, por suposto... sorpresas! A Axencia Espacial Ourensá xa fixo o seu anuncio: o lanzamento está en órbita e o foguete cargado con 15 novas cancións botará fora festa e verbena, mais tamén algún que outro burato negro de carraxe. O novo traballo de Lamatumbá xa está en órbita!

Velaquí as datas xa confirmadas para a súa próxima xira:

  • Concerto de presentación.- Xoves 20 de Maio as 21:30h. SALA CAPITOL - Santiago d.C.
  • ORBITATUR 2010"
Maio
V14 Bar de Fredi - Espasante (Ortigueira)
S15 Festa da Marosa - Burela (Lugo)
D16 Clandestino Bar - A Ramallosa (Nigrán)
X20 Sala Capitol - Santiago d.C.

Xuño
V4 Sala The Star - Carral (A Coruña)
S5 Sala 600 - Melide
S19 FAX Festival - Ourense

Ligazóns

terça-feira, maio 18, 2010

Exito total o 17 de Maio

Evo Morales asegura que o PP financiou un intento golpista en Bolivia en 2007

Evo Morales non reparou este martes en acusar ao PP español de colaborar activamente nun intento de golpe de estado no seu país. O presidente boliviano, nun encontro con xornalistas, asegurou que os conservadores “mediante unha fundación” (Fundación Iberoamérica Europa) respaldou a grupos opositores que promoveron a intentona enviando 250 mil euros para pagar mercenarios e asasinalo a el mesmo.

Aínda así, Morales responsabilizou principalmente do acontecido ao embaixador de EUA en Bolivia ao que cualificou de “primeiro instigador”. A este respecto, o presidente boliviano tirou da retranca para afirmar que en EUA non houbo golpes de estado “porque non hai embaixador de Estados Unidos”.

Vieiros

quarta-feira, maio 12, 2010

Anuncios da Xunta en castelán días antes do 17 de maio

"Ahora Galicia conecta contigo". Ese podería pasar á historia como o primeiro lema promovido pola Xunta en castelán. É o escollido para a campaña de publicidade da Administración electrónica, en concreto a factura e a licitación electrónica, que se pode tramitar en xunta.es.

"Sin papeles. Sin desplazamientos" é o outro eslogan dunha ampla campaña de comunicación en valados e outros medios menos dunha semana antes do Día das Letras. Ademais, a Xunta nestes cartaces faille publicidade á casa Apple, cuxo logotipo vese claramente no punteiro do ordenador que ilustra o anuncio.

Até agora, a Xunta usara sempre o galego como vehículo da súa publicidade institucional cando os destinatarios eran galegos e incluso optou por palabras galegas en campañas de difusión internacional, caso do Xacobeo (en troques do español Jacobeo) ou o xa mítico Galicia Calidade, que recibira varios premios.

A publicidade en castelán forma parte do programa de goberno de Alberte Núñez Feixóo e seguramente seguirá facéndose en vindeiras campañas.

O galego perde un dos poucos espazos que dominaba en exclusiva. Arestora, só se usa galego integramente nos medios de comunicación públicos, agás nos espazos publicitarios da TVG. Na Radio Galega conseguírase a emisión publicitaria cento por cento en galego. Algunhas fontes aseguran que se a Xunta emite en castelán, as empresas privadas rapidamente tomarán exemplo para desistir na normalización.


A nosa terra

"Zapatero elixiu o camiño da rendición da Democracia ante a Mercadocracia", di Jorquera no Congreso



O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, criticou duramente as medidas anunciadas polo Presidente do Goberno español na súa comparecencia na Cámara xa que “son os sectores populares os que van pagar unha crise que non xeraron” e deixou claro que “por ese camiño non terá o noso apoio”.

“Onde están as medidas para reformar os mercados financeiros?”

Ademáis, o portavoz do BNG reprochou ao Presidente do Goberno a falla de medidas para reformar o sistema financeiro. “Onde están as medidas? Vosté renunciou a aproveitar a Presidencia de turno da UE para impulsar un programa ambicioso de reformas. Onde están os mecanismos de supervisión? Onde a nova regulación? Que se fixo para combater os movementos especulativos do capital? Onde os impostos á banca?” O deputado nacionalista afirmou “esta crise exixía unha regulación máis estrita dos mercados financeiros”.

O deputado nacionalista demandou unha Axencia Europea de calificación que “poña fin á influencia das axencias, nada neutras nin independentes xa que a maioría pertencen a grupos financeiros norteamericanos”. Puxo enriba da mesa a necesidade de revisar as bases da converxencia europea. “Non se pode converxer en políticas monetarias e fiscais se non se converxe tamén en desenvolvemento humano”.

Máis, subliñou, “nada se fixo ao respeito. O camiño elexido foi outro: a rendición da democracia á mercadocracia”.
Neste sentido, Jorquera criticou o inmovilismo dos Gobernos como español na cuestión financeira: “esta crise ía desembocar na refundación do capitalismo, e agora nos atopamos coa pretensión de aplicar as mesmas políticas de axuste duro que o FMI dictou para Sudamérica nas décadas dos 80 e 90”.

Puxo de manifesto que “primeiro, se movilizaron en todo o mundo inxentes cantidades de recursos públicos para salvar ao sector financeiro. Agora son os grandes poderes financeiros os que ditan o que hai que facer e lanzan ataques especulativos contra as economías máis débiles”.

A redución do gasto de 15.000 millóns afectará sobre todo ás CC.AA

E no que atinxe ao Estado español, criticou o Plan anunciado hoxe por Zapatero e a aprobación dunha “redución adicional do gasto de 15.000 millóns que xa se dixo que afectará sobre todo ás CC.AA en ámbitos como a educación e sanidade”.

Para Jorquera isto significa “precarizar servizos públicos básicos”. Criticou que non se reduza o gasto “suprimindo Ministerios, que sería un sinal inequívoco do seu compromiso coa austeridade onde é exixíbel, sen tocar o investimento produtivo, as políticas sociais ou servizos públicos básicos”.
Tamén dixo a Zapatero que se poden reducir gastos en defensa “reconsiderando a presenza militar en Afganistán”.

Por que non se exixe maior esforzo fiscal ás rendas mais altas?”

Asemade, preguntou ao Presidente do Goberno por que razón non aborda “dunha vez a reforma fiscal que exixa maior esforzo fiscal ás rendas máis altas”. Pero “o camiño elexido é outro: transferir renda aos sectores populares para pagar unha crise que non xeneraron”.

Aludiu tamén á LORCA e reprochou que “a grande reestructuración do sector financeiro consistiu en pactar co Señor Rajoy unha reforma da LORCA que é a base para privatizar e bancarizar as Caixas”.

Rematou a súa intervención mencionando ao economista Paul Krugman, quen dixo que os Goberno deben escoller entre a prioridade da loita contra o desemprego ou a redución drástica do défice, pero, lamentou, “vostés elexiron o segundo, e por ese camiño non terá o noso apoio”.

segunda-feira, maio 10, 2010

Desenvolven un fármaco para a extrema dereita

EXPERIMENTOUSE CON RATAS FASCISTAS DE LABORATORIO

Xavi Puig./El Mundo Today.

As persoas que sofren as consecuencias dunha ideoloxía de extrema dereita están de parabén. Un equipo de investigadores de farmacoloxía da Universidade de California desenvolveu un composto que mitiga -e nalgúns casos erradica por completo- os efectos desta alteración do pensamento e da conduta. “Experimentando con ratas fascistas comprobamos que o fármaco corrixe a disfunción que esaxera a alerta ante as ameazas, reprimindo as agresións contra ratas marróns e demais síntomas típicos como berrar levantando a patiña”, explica o doutor Lovén. “As ratas son unha puta merda e o noso non é unha enfermidade” declarou Jeremy Guishe, portavoz da asociación americana “Puños pola paz”.

Anticipándose ás reticencias dos afectados, o Goberno español está preparando a campaña “Ponte tranquilo” mediante a cal intentarase “concienciar aos falanxistas e demais cidadáns nerviosos para que comprendan que a súa calidade de vida está en xogo”, en palabras da ministra de Sanidade, Trindade Jiménez. Para os casos máis difíciles, estase estudando a posibilidade de incorporar o medicamento nas hostias consagradas que moitos dos afectados inxiren cando van á igrexa.

Margarita Donaire, presidenta da asociación malagueña “Mulleres de armas tomar”, puxo en dúbida o criterio dos científicos californianos apuntando a “unha conspiración xudía orquestrada xunto ás grandes farmacéuticas”. Segundo Donaire, “o conservadorismo extremo é un xeito de estar no mundo e de vivir as relacións cos demais, en ningún caso trátase de algo que poida ou deba curarse mediante pastilliñas ou electroshocks, como sería o caso dos maricóns de merda. Só pedimos que se respecte unha opción de vida que, encima, é mellor que as demais”.

Completada a primeira fase da súa investigación, os expertos da Universidade de California centraranse agora en desenvolver un medicamento contra o “perroflautismo” e as afeccións “new age”.


Queremos Galego consegue a adhesión de 4.530 profesoras e profesores á campaña “Dou e darei as clases en galego”

Carlos Callón: “Son 4.530 alegatos contra a prohibición de impartir algunhas materias en galego e contra a posibilidade de que este goberno expediente ao profesorado por dar as aulas no idioma do país”


Queremos Galego advirte á Xunta de que “se expedienta a algún profesora ou a algunha profesora por dar as aulas en galego, todo o ensino se porá en pé”

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2010.- Representantes de Queremos Galego fixeron entrega esta mañá, no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza, de 4.530 sinaturas de profesores e profesoras que se adheriron á campaña para manifestar a súa intención de continuar a impartir as aulas en galego. Coa súa sinatura o profesorado tamén manifesta explicitamente o seu rexeitamento ao decretazo contra o galego.

Desde a plataforma cidadá púxose en marcha unha campaña de recollida de pronunciamentos a través dos que o profesorado declara explicitamente que está impartindo aulas en lingua galega e que se compromete a continuar exercendo ese dereito a prol da normalización lingüística.

A campaña púxose en marcha por mor do ataque, sen precedentes, contra o noso idioma ao incluír o mal chamado ‘decreto de plurilingüismo’ a prohibición -que por vez primeira se recolle na lexislación galega- de impartir materias en lingua galega, nomeadamente as de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, ademais de proscribir o galego na práctica en toda a educación infantil das cidades e principais vilas do país.

Para Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, “estes son 4.530 alegatos contra a prohibición do galego e en defensa da aplicación dos consensos a que chegamos entre todas e todos” e “4.530 protestas contra o feito de que Galiza sexa a única autonomía do Estado onde se poderá expedientar a unha profesora ou a un profesor por impartir as aulgas no idioma propio, algo que non acontece en ningunha outra, nin tan sequera nas gobernadas polo PP, como Valencia”. Ademais, preguntouse “se o presidente da Xunta di que non fai nada máis que aplicar o seu programa, que nos explique en que punto dixo que ía prohibir que se poidan impartir aulas no noso idioma, en que punto lle dixo aos electores que se gobernaba ía expedientar a profesorado por dar as aulas en galego”.

Para Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, “estamos ante as materias de ámbito científico-técnico e coa prohibición de impartilas en galego preténdese trasladar a imaxe de que o noso é un idioma de segunda, que non pode ser vehículo normal para impartir nas aulas materias relacionadas co mundo da ciencia, aumentando así os prexuízos, os complexos e o autoodio cara o noso idioma, que é o que pretende a Consellaría de Educación e a Xunta de Galiza”.

Louzao e Callón tamén quixeron recoñecer a implicación das profesoras e dos profesores, ao que deron os seus parabéns, pola súa rápida reacción contra o decretazo, e porque foron “sumamente receptivos” a esta campaña, que aínda non está rematada, de recollida de sinaturas.

Para a Plataforma Queremos Galego, co apoio a esta iniciativa, o profesorado está a enviar á Consellaría de Educación a mensaxe de que só impartindo as aulas en galego será posíbel superar a situación de diglosia en que aínda nos atopamos e na que o galego segue a ser a lingua desfavorecida e a que está a perder falantes.

De feito, o profesorado que máis se implicou nesta campaña é precisamente o que tivo que procurar a súa formación para poder impartir as materias científico-técnicas en galego e que agora “vai sufrir en propia carne as consecuencias deste decreto porque se lle obriga a impartir a súa materia en lingua castelá”. Profesorado que en moitos casos, desafiou, no seu día, á ditadura franquista dando as aulas en galego ou cos que padeceron sancións, nos anos 80, por transmitir os seus coñecementos na nosa lingua.

“Este profesorado non vai aceptar expulsar, marxinar o noso idioma das aulas”, aseguraron e lembraron que o ensino está moi lonxe de que o 50% das súas materias se impartan en galego e “malia iso temos un decreto que pretende que o alumnado nin sequera remate os seus estudos con competencia para podela usar”.

Por iso, a Plataforma exixiu a retirada do decretazo contra o galego,a aplicación do actual decreto consensuado e aceptado pola comunidade educativa e o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística. Ademais, acusou ao conselleiro de Educación e ao propio Goberno galego, no seu conxunto, de “insubmisión” por negarse a aplicar a lexislación vixente. “O que se pretende é alén de atacalo e marxinalo, promover unha sensación, aos pais, nais e alumnos de que o noso idioma só vale para andar pola casa pero que non ten futuro, cando as obrigas de calquera gobernante, porque así se recolle na propia lexislación de Galiza, é promover, potenciar o uso do noso idioma”.

Os representantes da Plataforma concluíron que “ou ben rectifica ou non lle queda máis remedio que dimitir porque o profesorado estalle a dicir que non só rexeita a súa política lingüística senón que mesmo está disposto a non acatala”.

domingo, maio 09, 2010

Continúa o stríptease

Mentres se anda ou desanda na fusión das caixas galegas, cando xa ninguén discute que o SIP é unha fusión fría que significa a bancarización e a deslocalización da entidade resultante, ao mesmo tempo que o Banco de España nos di que a fusión galega é solvente e que a auditoría de KPM non está trucada, nun momento que xa podemos facer balanzo para retratar o que se agochaba tras cada unha das posturas, continúa o striptease sobre a situación das nosas caixas.

Á información que esta semana se recollía na memoria corporativa remitida por Caixanova e Caixa Galicia ao Banco de España, onde se documentaba como no último exercicio aumentara o crédito nun 243% aos directivos das mesmas mentres se reducía nun 44% ao resto dos clientes, ás novas que adiantaba a totalidade da prensa económica onde ficaba acreditada que sen a venda das participacións de GALP ou R as entidades galegas entrarían en perdas no primeiro trimestre deste ano, sumase agora, Carlos Príncipe, dando conta da súa política de inversións e do control caciquil das mesmas por parte das súas equipas directivas.

As declaración do ex rexedor vigués non fan máis que poñer negro sobre branco, o que era un segredo a voces sobre o control caciquil das nosas entidades de crédito polas equipas directivas, ou a utilización das caixas por parte dos seus dirixentes para os seus negocios particulares, ou o nepotismo que as rodea, concretado na presenza nas súas cúpulas ou nas sociedades participadas de apelidos que se repiten. Non se trata dun tema novo, posto que foi obxecto de denuncia desde fai máis dun ano desde o campo do nacionalismo e tamén desde certos sectores académicos. Así e todo debemos reparar nesa sorte de manto de silencio que permitiu e permite aos directivos dunha e outra entidade seguir a agochar unha xestión que provocou a debilidade e a insolvencia na que se atopan as nosas entidades de crédito.

A situación ao que chegaron as caixas galegas, e particularmente a causalidade que se atopa atrás da mesma, obríganos neste momento a facer unha defensa, sen permitir ningún tipo de rebaixa, da lei de caixas aprobada polo Parlamento, a fin de reverter o que foi a súa función até hoxe, pero tamén para evitar que no futuro teñamos que volver enfrontar unha problemática como a actual. Isto é, tratase de garantir a existencia en Galiza de entidades financeiras de orientación pública, suxeitas ao control dos galegos, comprometidas co desenvolvemento do País e cunha política de crédito que non responda a lóxica da banca privada.

Nada lle debe Galiza a Méndez e a Gayoso, ao contrario, ambos os dous, fixeron dos aforros dos galegos o seu particular negocio. Toca tamén, polo tanto, esixir responsabilidades, ou sexa, nin o un nin o outro poden capitanear unha nave que eles mesmos levaron a pique. O nacionalismo galego ten que dar a batalla para que a equipa directiva da caixa resultante estea sometida a tutela pública a fin de diminuír o papel de centralidade que as entidades de crédito xogaban/xogan na estrutura de poder no País. Só nos estamos interesados nesta batalla, porque non temos vocación de capataces do capital, só nos podemos dar esa batalla porque non temos ningunha peaxe co capital financeiro.

Terra e Tempo Dixital

Impresionantes fotos da Guerra do Vietnam

Dende Galiza Sosego queremos achegar estas imaxes os nosos visitantes, pero antes tamen queremos dicer, que o contido destas imaxes poden ferir a sensivilidade de algunhas persoas.

Para ver as fotos picha aqui.

O Foro Social de Cangas leva os responsábeis do desdobramento do Corredor do Morrazo á Fiscalía

Nos últimos meses, o Corredor do Morrazo está a ocupar tristemente as primeiras planas informativas do país a causa da súa alta sinistralidade. Con cinco anos de historia e 20 mil vehículos diarios, o seu trazado é xa coñecido polo alto índice de accidentes mortais que leva soportado: no que levamos de ano producíronse sete sinistros mortais, cun balance de oito mortos, sete feridos graves e catro leves. A resposta gobernamental foi, até o de agora, a de apostar pola sinalización, colocar bandas rugosas e adiantar o desdobramento da vía, que está agora previsto para 2013.

Porén, dende o Foro Social de Cangas entenden que esta celeridade en procurar unha resposta non pode conculcar a propia lexislación. Ademais de recordar o irreversíbel impacto que xa causou o corredor actual, que "non solucionou os problemas de colapso nin seguridade vial senón que mesmo aumentou a sinistralidade", consideran que "o desdobramento non será a solución" e solicitan a retirada do proxecto pola súa falla de axuste á legalidade vixente".

Denuncia ante a Fiscalía
Os membros do Foro Social de Cangas denuncian que para este desdobramento non existe avaliación ambiental estratéxica algunha. A obra non foi nin será sometida a ningún estudo de impacto ambiental, segundo reza na propia memoria do proxecto, por mor dunha resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Argumenta que no anterior proxecto do actual trazado xa se preveía un futuro desdobramento e mesmo chega a afirmar sen ningún tipo de estudo técnico que "da realización do proxecto non se prevén efectos adversos significativos sobre o medio ambiente".

Pois ben, ademais de denunciar a falsidade desta afirmación, o Foro Social considera os responsábeis directos desta resolución "prevaricaron ao ditala", polo que presentaron unha denuncia ante a Fiscalía de Pontevedra. En concreto, formúlana contra Xusto de Benito Basanta, daquela secretario Xeral de Calidade Ambiental e Avaliación Ambiental da Consellaría de Medio Ambiente. Asemade, fana extensiva ás demais persoas, "cargos públicos e funcionarios da Xunta, cuxa participación nos feitos poida ser demostrada".

Alegacións contra o desdobramento
Doutra banda, o Foro Social tamén vén de presentar as súas alegacións ao proxecto de desdobramento do Corredor. No apartado ambiental, explican que as obras afectarán "de forma apreciábel ao Lugar de Interese Comunitario (LIC) San Simón, pertencente á Rede Natura 2000, xa que modificarán o decurso natural das augas que van a dar á Ría de Vigo dende a Punta de Bestia -en Rande- até a Punta Domaio". Tamén incidirán no chan rústico de protección de espazos naturais, nos espazos Montes do Morrazo e a Carballeira de Coiro. Ademais, o proxecto, duns 15 quilómetros, "contempla demontes de case 1.400.000 metros cadrados con impactos críticos sobre o patrimonio e as augas".

Asemade, aseguran que o proxecto conculca as disposicións da lexislación vixente en materia de ordenación do territorio. Na memoria afírmase que as obras nel definidas están incluídas no "Plan de Mobilidade e ordenación Viaria Estratéxica", o chamado Plan Move, mais este plan nunca foi tramitado nin aprobado. Tamén está aínda pendente de completar a preceptiva tramitación e de aprobación do Plan Director de Estradas de Galiza, que se supón que é a base do devandito Plan Move.

Estudo en profundidade
Finalmente, o colectivo lembra "o enorme e irreversíbel impacto que causou o corredor actual" e "o considerábel aumento de tráfico que supuxo", ademais de aumentar o número de accidentes, "os niveis de contaminación atmosférica, acústica, hídrica e a dependencia do vehículo privado e a infiltración da especulación na comarca". Entende que o desdobramento non é a solución e solicitan a retirada do proxecto.

En consecuencia, solicitan que "os cartos públicos destinados a esta obra se invirtan nun estudo en profundidade das deficiencias do actual vial e na súa corrección, mesmo con medidas drásticas como a instalación dunha mediana continua, na mellora da rede comarcal, na potenciación do transporte público (especialmente o marítimo) e en vías e carrís para vehículos non motorizados".

  • Podes ler aquí a denuncia feita polo Foro Social de Cangas perante a Fiscalía
  • Podes ler aquí as alegacións presentadas polo Foro Social ante o proxecto de desdobramento do Corredor do Morrazo

Ligazóns


Vieiros

sábado, maio 08, 2010

Chega o Festival de Cans máis rompedor

O 18 de maio arranca a sétima edición do Festival de Cans. Durante catro xornadas, a parroquia porriñesa volverase converter na meca galega do cine. Segundo o director do certame, Alfonso Pato, esta edición será a "máis intensa" e a que teña "máis novidades da historia".

Así, ampliará a oferta musical, cunha nova sección chamada Jaliñeiro Unplugged e máis concertos na estrada, co Rock'n Road. O 'jaliñeiro' será un complemento á programación da sala Multiusos e consistirá en concertos de pequeno formato nun galiñeiro. Haberá regueifas co Caruncho e Benito Lobariñas e estarán presentes Roger de Flor e o Sr. Anido. Pola súa banda, o Rock'n Road protagonizarano grupos novos da comarca na mesma estrada de Cans: Baldosa Amarilla e Santos Morcegos inaugurarán a sección.

Non serán os únicos concertos que se vexan en Cans. As actuacións estelares de The Ellas e de Coque Malla, ademais das sesións vermú coa Banda Municipal de Música, as procesións de chimpibuses amenizadas pol'Os Veraneantes e pol'Os Zés Pereiras de Fragoso, o concerto pop de Los Chavales, a sesión DJ do xoves con Florent de Los Planetas e a actuación das pandeireteiras de Cans e a banda de Anxo.

O xurado deste ano estará composto por María Tasende, Carlos Blanco, Sara Casasnovas, Suso de Toro, Patricia Ferreira, Xosé Touriñán e Araceli Gonda, que terán a responsabilidade de seleccionar as curtas. Ademais, por primeira vez, o Festival de Cans terá un xurado composto por veciños da parroquia, que lle darán unha nova perspectiva ao certame.

Outra das novidades é a "Mirada de Cans" achegada polos arquitectos Creus e Carrasco, e a mirada do premio nacional de cómic, David Rubín. Un canteiro local inaugurará un monumento ao festival e abrirase un particular paseo da fama, ao xeito do Hollywood Boulevard. Luís Tosar e Ernesto Chao serán os primeiros en deixar a súa marca no Torreiro das Estrelas, deseñado por Paco Candán.

O sétimo festival de Cans foi escollido pola Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España para formar parte dos certames que entran na preselección para os premios Goya. Así, concorren máis dun cento de curtas, das que 12 de ficción, sete de animación e 14 videoclips chegarán ás pantallas do concurso. Ao Jalpón Friki chegarán outras 14 propostas rompedoras.

Alfonso Pato salientou a calidade das curtas e a presenza nelas de "actores que se meteron a directores, como Coté Soler, Rubén Riós ou Víctor Pedreira, con grande éxito, por certo". Tamén destacou a calidade dos videoclips, con presenza de grupos emerxentes do pop, do rock e do punk do país. Tamén cualificou a programación do Jalpón Friki como "máis friki ca nunca", con erotismo, bizarrismo e salvaxismo nos camiños.

Por último, o Festival de Cans acollerá dúas estreas mundiais: a do documental O mono Paco, o xoves, dirixido por Piño Prego e Guillermo Souto, baseado na vida do famoso mono adicto ao sexo, e o venres, o primeiro grelos-western da historia, Naipe de Sangue. Esta última estrea está chamada a ser todo un espectáculo.

O galego a chave do plurilingüismo

Na Galiza máis de 1657 maniféstanse con Galiza co Galego en favor da competencia lingüística na linguas romances.

Levan tempo a promocionar, dende abril do pasado ano, no movemento Galiza co Galego, unha rede de ensino na Galiza que prestixie a lingua, que visualice a nivel popular a importancia de falar, aprender, e escribir en galego.

Unha rede popular de ensino que “busque a consecución por medio do ensino en galego, con métodos científicos a competencia lingüística nas linguas romances de tronco común como o portugués, catalán, castelán, francés, italiano,...” (punto 4 da definición). Máis información na páxina de Galiza co Galego

Os galego falantes, temos unhas posibilidades óptimas no dominio das linguas romances, xa que ademais do noso idioma, coñecemos e dominamos o castelán, entendemos o portugués, e dispoñemos dunha enorme facilidade de lectura e comprensión do italiano e do francés.

Isto sosteñen os autores da versión galega do EuroComRom do método “Sete peneiras. Unha entrada plurilingüe no mundo das linguas románicas”, os profesores universitarios: Sabela Labraña (de filoloxía galega) , Ignacio Vázquez (de filoloxía portuguesa), Tilbert D. Stegmann (de filoloxía románica) e Esteva Clua (de filoloxía catalá). Máis información en EuroCom.

Fai falla que os escépticos convénzanse e resolvan as súas dúbidas, e poñamos tod@s as mans a obra para conseguir a rede popular de ensino en galego. Axudando tod@s poderemos, sumando faremos posíbel o dereito a educación.

Máis de 1657 persoas teñen asinado o seu compromiso en Galiza co Galego, cada día engádense novos apoios, ....

Francisco de Limiar

Hai alternativa?

Artigo de Xavier Vence para Xornal.com

Quen dixera que estamos saíndo da crise? Vendo as bolsas mundiais en caída libre –non só a española senón de todas as demais– e vendo mesmo a ameaza de creba da débeda soberana dalgún país da zona euro, non cabe moita dúbida de que seguimos instalados nunha profunda crise. Non se trata dunha nova crise; trátase dunha nova ronda da que estourou hai xa tres anos, que segue desbocada. E iso é o máis serio e preocupante porque significa que todos os sacrificios endosados ao sector público e á poboación até agora non serviron para atallala. A algúns non nos pilla de sorpresa porque xa dixemos desde o primeiro momento que non se diagnosticara correctamente e, en consecuencia, non se adoptaron as medidas para corrixir a raíz do problema. Non era só un problema sectorial ou de malas prácticas no sector financeiro de xeito que un esforzo temporal do sector público puidese bastar para soster a actividade económica até que se corrixisen os desaxuste e todo volse ao rego dos negocios coma decote. Non, o problema era inicialmente de débeda e de débeda segue a ser neste momento. A única diferenza –non pequena– é que a burbulla de débeda inicial foi creada polo sector financeiro e estaba nos seus balances e agora, despois de todos os programas de rescate dos gobernos e, sobre todo, dos bancos centrais, a débeda está ao lombo do sector público e da sociedade no seu conxunto; pero segue a estar aí e mesmo agravada polos efectos da caída dos ingresos públicos provocados pola profunda recesión que deixou tras de si o estourido da burbulla.

Polo tanto, a débeda era e segue a ser o problema. Por iso a solución non era endosarlla ao sector público e deixar que o sistema financeiro unha vez saneado seguise funcionando do mesmo xeito; do único xeito que sabe cando funciona con total libertade que é movendo anotacións e especulando. Tampouco era solución baixar impostos como propugna a dereita porque, nun contexto de crise, só podía significar un aumento do déficit público e da débeda pública –e máis aínda despois de sufragar o rescate da débeda da banca. O certo é que ese despropósito foi feito polo goberno central, en consonancia co PP, cando suprimiu o imposto de patrimonio, reduciu o de transmisións e doazóns e o de sociedades en plena crise; ou cando se permite a alegría dos regalos fiscais dos 400 euros lineais. Pero a solución tampouco podía ser disparar o gasto público despreocupándose da queda radical dos ingresos e recorrendo con alegría ao endebedamento público como se iso non tivera límites. Esta última posición defendida polos neokeynesianos americanos –como Krugman e outros– só ten consistencia para o caso deles, para os Estados Unidos. Efectivamente, o seu poder político e financeiro e o monopolio de fabricar dólares, dálles a capacidade para acabar endosando ao resto do mundo grande parte da súa débeda e, por iso, poden tomala como un problema dixeríbel; pero ese é o seu privilexio, que ningún outro país do mundo temos. Polo tanto, non é ser ortodoxo, senón simplemente realista asumir, que nin España nin ningún outro país europeo pode lanzarse a grandes programas de gasto sen pensar ao mesmo tempo de onde saca os recursos. Agora ben, iso non significa que non poida aumentar o gasto senón que ten que poñer en marcha os mecanismos que lle permitan recadar máis. E aquí é onde está o nó da cuestión neste momento.

Así pois, é posible aumentar o gasto e reducir a débeda? Si, aumentando os impostos. A quen? Non poden aumentarse impostos que afonden a recesión, polo tanto non é o momento de gravar máis o consumo. O aumento do IVE resultará contraproducente desde o punto de vista da demanda e regresivo sobre a redistribución da renda.

Cales poderían ser os impostos que non gravasen o consumo? Témolo dito moitas veces: a) Imposto do Patrimonio e Grandes Fortunas, que non sexa meramente simbólico, senón que permita devolver á sociedade parte das vizosas fortunas acumuladas durante as burbullas especulativas; b) Imposto extra sobre os beneficios de banca, que seguen a ser importantes; c) Suprimir o réxime especial que bonifica nun 99% os beneficios das Sicav e outras sociedades de investimento puramente financeiro; d) Imposto ás transaccións monetarias e financeiras internacionais de curto prazo (especulativas), a famosa taxa Tobin que moitos gobernos e o FMI están a considerar agora pero... parece que non lle resulta simpática aos fondos e á gran banca internacional; e) Elevación do Imposto sobre as rendas do capital e do aforro, sería razonable unha taxa semellante á das rendas do traballo, ou non? ; f) Tipo marxinal do 60% para os bonus e os salarios dos altos executivos superiores a 200.000 euros anuais; g) E para rematala non estaría mal que nuns mercados movidos pola fibra óptica e internet fosemos quen de controlar a evasión fiscal e eliminar os paraísos fiscais. Cal sería a magnitude de ingresos fiscais recadábeis por todas esas vías sen que a capacidade de compra do 99% da poboación se resentise? Outro día podemos facer os números, pero non se asuste se lle digo que poderiamos axustar bastante rápido as contas públicas. Xa sei que un pequeno grupo de economistas podería facer os cálculos pero nin todos os economistas xuntos poderían convencer a ese 1% de que merecería a pena un sacrificio para salvar o sistema. Non sei se os gregos, que xa inventaran o famoso cabalo de Troia, serán quen de asaltar a muralla, pero o certo é que as boas razóns non parecen abrandar as conciencias dese 1%. Certo tamén que as murallas de hoxe son moito máis sibilinas e insidiosas que as dos tempos de Homero porque están construídas cos tixolos invisíbeis que codifican a información e amoblan os cerebros.

Pero non todo vai ser aumentar os impostos, tamén se pode reducir o gasto público. Pois claro que si. Pero non podemos deixar envolvernos por palabras lindas como austeridade, que todos apreciamos e nos gustaría ver en todos os gobernos e institucións, aumentando a eficiencia e mellorando a calidade dos servizos. Gustaríanos que a austeridade comezase por erradicar as comisións nos contratos coas empresas amigas, eliminar o despilfarro que representan as marxes e beneficios das empresas concesionarias de servizos públicos privatizados, erradicar as rendas de monopolio derivadas das concesións graciosas para a explotación das grandes infraestuturas –con prórrogas de automáticas do período de vixencia mesmo unha vez amortecidas... O que non podemos aceptar é que as verbas se revirichen até o punto que a austeridade se traduza por reducción dos comedores escolares, das axudas aos dependentes, do persoal nos centros de saúde, do número de profesores ou do número de investigadores. En definitiva, non podemos admitir a fraude intelectual e moral de que alguén circule a idea de que detrás da austeridade está a eficiencia cando realmente está o recorte dos servizos públicos.

Pero, se non existise a muralla da comunicación, si poderiamos suxerir capítulos de que axudarían a reducir o gasto público de xeito notable, ao tempo que podían contribuír a outras nobles causas. Non é demagóxico recordar neste momento que o gasto militar español absorbe o 1,8% do PIB e preto do 5% do gasto público total, que o noso acompañamento á guerra imperial en Afganistán absorbe –o recoñecido– uns 500 millóns de euros por ano. Tampouco son baladí os 170 millóns de euros que van vía IRPF á Igrexa Católica que xuntoa coas demais axudas, bonificacións e subvencións se valoran nuns 5.000 millóns de euros. Por suposto, as Administracións Públicas poderían aforrar moitísimo en publicidade e axudas para aloumiñar a prensa. E diante da imperiosa necesidade de aforrar, cabe preguntarse por que malgastamos os 99.000 millóns de euros habilitados para un FROB que ten esencialmente a vontade política de forzar a remuda e bancarización do sistema de caixas e non o deixamos reducido ao mínimo necesario para afrontar aquelas situacións que realmente precisen de rescate. Tamén é certo que podemos aproveitar para facer unha racionalización dunha administración central e periférica do estado que resulta hoxe disfuncional e redundante co estado das autonomías.

En fin, claro que se pode falar de reducción do gasto público pero o que non é admisible nunha sociedade que se di plural e democrática é que os únicos argumentos que están sobre a mesa do medios de adoutrinamento sexan os da dereita. Que calidade de democracia padecemos que opaca e invisibiliza as propostas alternativas de forzas que representan a unha porción moi significativa da sociedade? Que mesmo o goberno central, dito socialdemócrata, non sexa quen de facer un catálogo de medidas fronte á crise que se saian do guión neoliberal tanto polo lado do gasto coma do ingreso resulta descorazonador. E igualmente o feito de non ser quen de verbalizar algunha medida para meter en cintura o sistema financeiro, que non sexa esborrallar xustamente a parte máis social deste.

Non creo que sexa alarmismo afirmar que estamos nun deses momentos en que ou o sistema democrático se vigoriza para ter a flexibilidade suficiente e incorporar novas propostas –aínda que sexan algo heterodoxas– ou corre o risco de enrocarse na defensa numantina dun modelo que representa os intereses dunha pequena minoría económico-financeira pero que é inviábel, como os feitos teimudos nos fan ver máis unha vez. Ou a sociedade democrática regula e domestica o sistema financeiro e os chamados mercados ou o caos –primeiro financeiro e logo social– apoderarase destas sociedades que se crían moi maduras e sólidas. Pero para iso cómpre dar voz e escoitar as alternativas de verdade, porque non é que non as haxa. Hainas e, desde logo, a alternativa ás políticas neoliberais non é máis neoliberalismo senón outra cousa.

terça-feira, maio 04, 2010

Grecia como antesala dunha nova vitoria do neoliberalismo

Ruben Cela para Terra e Tempo Dixital

A situación grega é tremendamente preocupante. Un exemplo palpábel das causas da actual crise, das súas consecuencias prácticas, pero sobre todo, para os galegos e galegas, un bo espello onde ollar cales serán as medidas que o capital ten deseñadas para o noso país no curto prazo.

Grecia non fixo ben as cousas. É evidente, incluso chegou a tunear as súas contas públicas para ocultalo. O déficit chegou a un punto que crea dúbidas a respecto da súa capacidade de pagamento. Canto maior sexa o risco de impago menor será a demanda, o que lle obrigou a Grecia a ofrecer os seus bonos cunha maior rendibilidade. Ese sobrecusto hipoteca os ingresos do estado e as medidas de política económica que podería empregar para reactivar a súa economía nacional. O problema non radica en se Grecia fixo as cousas ben ou mal, senón o que o gran capital lle vai a impor de penitencia, non só como saída a unha espiral que remata na bancarrota dun estado de Europa occidental, senón como novo campo de probas do receitario neoliberal máis ortodoxo e duro. Unha situación crítica que permitirá a imposición de medidas tremendamente lesivas para as clases populares gregas e para o país no seu conxunto, e que se aplicarán sen ningún tipo de pano quente, con independencia da impopularidade e contestación social que teñan as mesmas.

O guieiro leva tempo marcado e hoxe ponse a andar. Acábase de conceder a Grecia unha "axuda" para o período 2010-2012 que ascenderá a 110.000 millóns de euros dos cales 80.000 serán aportados polos estados da zona euro. Yorgos Papandreu, primeiro ministro grego, vaticina "os gregos deben de elixir entre a catástrofe ou o sacrificio" trátase de "supervivencia nacional". Non deixa moita opción Papandreu. Cales serán eses sacrificios e por que?

Grecia terá que subir os impostos e reducir os seus gastos. Terán que reducir o seu déficit en 30.000 millóns de euros nos vindeiros tres anos. Para conseguilo Grecia subirá o seu IVE até un 23%, un aumento do 10% sobre gasolina e alcohol, unha baixada do 16% dos salarios públicos, baixada das pensións, etc. Isto só acaba de comezar para Grecia, pero como di o refrán "Cando as barbas do veciño vexas cortar, pon as túas a remollar"...

Non querías caldo? Sete cuncas

Toda a estratexia do capital pasa por facer ver como inevitábeis e inaprazábeis as súas propostas económicas. Para iso contan con institucións académicas, think-tanks variopintos, os máis importantes grupos mediáticos do planeta, as grandes institucións económicas e políticas internacionais e as grandes multinacionais.

Todo está preparado para cambiar as cartas do tapete. Deixemos de falar de transparentar os fluxos de capital, de eliminar os paraísos fiscais, de controlar as retribucións dos directivos das multinacionais, do maior peso do estado na regulación da economía, etc. e comecemos a falar doutros temas: a sostibilidade do sistema público de pensións, da suba do IVE, do abaratamento do despido, ampliación da xornada laboral até 65 horas, supresión da negociación colectiva, conxelación dos salarios, adelgazamento do estado a redución do déficit público a costa das prestacións sociais.

A idea a transmitir é clara: se na crise os fogares teñen que apertarse o cinto, os estados tamén. Baixo o paraugas da crise é coa pantalla da austeridade é o momento perfecto para facer moitas cousas que hai tan só dous anos serían impensábeis.

É un momento perfecto para experimentar a introdución de capital privado en zonas nas que antes non interviña directamente como estamos a ver coas propostas do PP galego para a financiación dos novos hospitais ao estilo Esperanza Aguirre ou como está a facer o insigne Pepe Blanco coas grandes obras públicas que impulsará o Ministerio de Fomento.

Este é un momento boísimo para as liñas discursivas máis xenófobas e antisociais da dereita española: introducirase o debate do co-pago na sanidade e ensino como preludio de maiores cotas de privatización baixo a escusa de que non hai cartos e o importante é garantir o servizo e non como se dá o mesmo. Recrudecerase o discurso contra a inmigración e casos como os de Vic deixarán de ser anécdotas mediáticas para se converter en norma en moitas partes do estado. Reabriranse debates sobre expulsións masivas e escoitaremos todo tipo de voces populistas "como lle imos pagar a sanidade aos marroquís cando non a temos garantida para nós?" ou "os presos están nas cadeas a pensión completa", etc. Haberá un ataque á función pública sen precedentes -como xa comezou en Grecia- no que no fundo non se busca pór en dúbida a eficacia das e dos funcionarios, o seu número ou as cuestións a mellorar, senón a música de fondo que soará será a do adelgazamento do sector público e polo tanto o da súa menor presenza na organización da economía e da sociedade.

Tamén se aproveitará a conxuntura -como non!- para arremeter na cuestión nacional: é gasto superfluo ter unha administración galega forte, ter representación internacional (o PP acaba de lanzar unha campaña contra as "embaixadas catalás" e as oficinas da Xunta no exterior), e estou convencido que antes ou despois chegará o debate de que a coexistencia de dous idiomas oficiais en Galiza é un despilfarro económico e que con facer as cousas só en español abarataríanse custes e permitiría economía de escala, etc. e incluso aproveitar a inviabilidade económica de moitos concellos non só para xustificar fusións, senón para enunciar un novo modelo de municipalismo que baleire de contido por baixo ás Comunidades Autónomas...

É un bo momento -e con moita aceptación social- para facer demagoxia sen ruborizarse e demandar liquidar todo o que non guste por aforro. Mágoa que os partidos españois non falen de meterlle man ao exército, á Casa Real, ao CESID, ao Tribunal Constitucional, á Política Nuclear, ás Deputacións Provinciais, as Delegacións do Goberno, ou a todos os departamentos estatais que sistematicamente invaden competencias exclusivas de Galiza.

Pero no curto prazo, haberá un obxectivo que primará por riba de todos e que contará non só co beneplacito, senón co impulso do PSOE: a reforma laboral.

A reforma laboral como primeiro chanzo da escaleira que tentarán facer subir a Galiza

Un novo bandazo á dereita do PSOE. No verán pasado era o ministro de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho quen respondía as presións do Banco de España para correxir a "rixidez" do actual sistema de negociación colectiva, "No hay ninguna reforma laboral en la agenda del Gobierno". Non só está na axenda, senón que será a prioridade do PSOE universalizar un contrato con despedimento máis barato.

No fondo non hai nada de novo. Foi o PSOE o que no ano 1984 liquida o contrato estábel como o único contrato ordinario en dereito laboral. Foi o PSOE quen crea neses anos até 14 modalidades de contratos temporais. Dez anos despois, en 1994 liberalizaría as condicións de traballo en xornada, horario, sistemas retributivos, ERES, etc. No 1997 pactando cos principais sindicatos españois CCOO e UGT crease un novo contrato de fomento do emprego, abaratando o despedimento deste tipo de contrato de 33 días por ano e cun máximo de 24 mensualidades, crean unha nova causa de despedimento "por razóns de competitividade", etc. Non ten precisamente o PSOE un historial virxinal no ámbito do recorte dos dereitos laborais.

Pode alguén crer que o problema do estado español é o alto custo do despido cando dos máis de 16 millóns de contratos realizados en 2008, 4,7 millóns tiveron unha duración inferior a un mes e deles 2,7 millóns duraron menos dunha semana e no que a duración media dun contrato é de 78 días... Vimos de coñecer os últimos datos oficiais de paro no estado español, onde por primeira vez desde o ano 1997, o estado español supera chega a unhas porcentaxes de paro tan elevadas, con 4.612.700 parados e paradas, e precisamente é en Galiza onde máis postos de traballo se destruíron no primeiro trimestre deste ano: 41.800 é dicir, de xaneiro a marzo destruíronse no noso país case que 500 traballos ao día. Menos mal que é difícil e caro despedir... porque se chegar a ser doado e barato...

Que diría alguén que chegue a urxencias cunha intoxicación etílica, se o seu médico para curarlle a borracheira o que lle receitase fose que se tomase un par de cubalibres máis?

Que debería facer o acompañante dese borracho ante tal escena? Pois se verdadeiramente é amigo do paciente, rachar a receita, e denunciar o que acontece e buscar a un profesional preocupado realmente pola saúde do paciente disposto a facer un lavado de estómago e seguimento ao paciente.

É aquí onde radica a responsabilidade inmediata do nacionalismo galego: en como xa se está a facer, responder con contundencia ás políticas regresivas do PP e do PSOE, facer un esforzo de explicación social das causas da crise e xogar un papel proactivo na definición de propostas concretas para saír da crise sen rebaixar as prestacións sociais e os servizos públicos.

Máis de 4.000 rapaces percorren Compostela a prol da lingua

Arredor de 4.000 estudantes de todos os niveis educativos da comarca de Compostela participaron na primeira das carreiras do Correlingua 2010. Os estudantes percorreron varias das rúas do casco histórico da capital galega con moita animación e finalizaron o itinerario na Praza do Obradoiro onde se deu lectura ao manifesto desta edición.

Nesta primeira carreira os alumnos do CPI Fernández de Castro de Lousame recibiron o premio ao mellor grupo de animación. A festa da lingua contou cunha representación teatral da compañía Chévere e a actuación de Machina, gañador do Cantalingua 2010.

O Correlingua 2010 visitará dende hoxe e até o 14 de maio un total de 14 localidades galegas para promover o uso do galego na escola. Nesta edición está prevista a participación de 45.000 escolares galegos nestas actividades.

Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega (CIG), A Mesa pola Normalización Lingüística, e os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Santiago.

O lema desta edición é 'Galego: a forza do noso amor', en referencia ao autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.