sábado, maio 08, 2010

Chega o Festival de Cans máis rompedor

O 18 de maio arranca a sétima edición do Festival de Cans. Durante catro xornadas, a parroquia porriñesa volverase converter na meca galega do cine. Segundo o director do certame, Alfonso Pato, esta edición será a "máis intensa" e a que teña "máis novidades da historia".

Así, ampliará a oferta musical, cunha nova sección chamada Jaliñeiro Unplugged e máis concertos na estrada, co Rock'n Road. O 'jaliñeiro' será un complemento á programación da sala Multiusos e consistirá en concertos de pequeno formato nun galiñeiro. Haberá regueifas co Caruncho e Benito Lobariñas e estarán presentes Roger de Flor e o Sr. Anido. Pola súa banda, o Rock'n Road protagonizarano grupos novos da comarca na mesma estrada de Cans: Baldosa Amarilla e Santos Morcegos inaugurarán a sección.

Non serán os únicos concertos que se vexan en Cans. As actuacións estelares de The Ellas e de Coque Malla, ademais das sesións vermú coa Banda Municipal de Música, as procesións de chimpibuses amenizadas pol'Os Veraneantes e pol'Os Zés Pereiras de Fragoso, o concerto pop de Los Chavales, a sesión DJ do xoves con Florent de Los Planetas e a actuación das pandeireteiras de Cans e a banda de Anxo.

O xurado deste ano estará composto por María Tasende, Carlos Blanco, Sara Casasnovas, Suso de Toro, Patricia Ferreira, Xosé Touriñán e Araceli Gonda, que terán a responsabilidade de seleccionar as curtas. Ademais, por primeira vez, o Festival de Cans terá un xurado composto por veciños da parroquia, que lle darán unha nova perspectiva ao certame.

Outra das novidades é a "Mirada de Cans" achegada polos arquitectos Creus e Carrasco, e a mirada do premio nacional de cómic, David Rubín. Un canteiro local inaugurará un monumento ao festival e abrirase un particular paseo da fama, ao xeito do Hollywood Boulevard. Luís Tosar e Ernesto Chao serán os primeiros en deixar a súa marca no Torreiro das Estrelas, deseñado por Paco Candán.

O sétimo festival de Cans foi escollido pola Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España para formar parte dos certames que entran na preselección para os premios Goya. Así, concorren máis dun cento de curtas, das que 12 de ficción, sete de animación e 14 videoclips chegarán ás pantallas do concurso. Ao Jalpón Friki chegarán outras 14 propostas rompedoras.

Alfonso Pato salientou a calidade das curtas e a presenza nelas de "actores que se meteron a directores, como Coté Soler, Rubén Riós ou Víctor Pedreira, con grande éxito, por certo". Tamén destacou a calidade dos videoclips, con presenza de grupos emerxentes do pop, do rock e do punk do país. Tamén cualificou a programación do Jalpón Friki como "máis friki ca nunca", con erotismo, bizarrismo e salvaxismo nos camiños.

Por último, o Festival de Cans acollerá dúas estreas mundiais: a do documental O mono Paco, o xoves, dirixido por Piño Prego e Guillermo Souto, baseado na vida do famoso mono adicto ao sexo, e o venres, o primeiro grelos-western da historia, Naipe de Sangue. Esta última estrea está chamada a ser todo un espectáculo.

Sem comentários: