domingo, maio 09, 2010

Continúa o stríptease

Mentres se anda ou desanda na fusión das caixas galegas, cando xa ninguén discute que o SIP é unha fusión fría que significa a bancarización e a deslocalización da entidade resultante, ao mesmo tempo que o Banco de España nos di que a fusión galega é solvente e que a auditoría de KPM non está trucada, nun momento que xa podemos facer balanzo para retratar o que se agochaba tras cada unha das posturas, continúa o striptease sobre a situación das nosas caixas.

Á información que esta semana se recollía na memoria corporativa remitida por Caixanova e Caixa Galicia ao Banco de España, onde se documentaba como no último exercicio aumentara o crédito nun 243% aos directivos das mesmas mentres se reducía nun 44% ao resto dos clientes, ás novas que adiantaba a totalidade da prensa económica onde ficaba acreditada que sen a venda das participacións de GALP ou R as entidades galegas entrarían en perdas no primeiro trimestre deste ano, sumase agora, Carlos Príncipe, dando conta da súa política de inversións e do control caciquil das mesmas por parte das súas equipas directivas.

As declaración do ex rexedor vigués non fan máis que poñer negro sobre branco, o que era un segredo a voces sobre o control caciquil das nosas entidades de crédito polas equipas directivas, ou a utilización das caixas por parte dos seus dirixentes para os seus negocios particulares, ou o nepotismo que as rodea, concretado na presenza nas súas cúpulas ou nas sociedades participadas de apelidos que se repiten. Non se trata dun tema novo, posto que foi obxecto de denuncia desde fai máis dun ano desde o campo do nacionalismo e tamén desde certos sectores académicos. Así e todo debemos reparar nesa sorte de manto de silencio que permitiu e permite aos directivos dunha e outra entidade seguir a agochar unha xestión que provocou a debilidade e a insolvencia na que se atopan as nosas entidades de crédito.

A situación ao que chegaron as caixas galegas, e particularmente a causalidade que se atopa atrás da mesma, obríganos neste momento a facer unha defensa, sen permitir ningún tipo de rebaixa, da lei de caixas aprobada polo Parlamento, a fin de reverter o que foi a súa función até hoxe, pero tamén para evitar que no futuro teñamos que volver enfrontar unha problemática como a actual. Isto é, tratase de garantir a existencia en Galiza de entidades financeiras de orientación pública, suxeitas ao control dos galegos, comprometidas co desenvolvemento do País e cunha política de crédito que non responda a lóxica da banca privada.

Nada lle debe Galiza a Méndez e a Gayoso, ao contrario, ambos os dous, fixeron dos aforros dos galegos o seu particular negocio. Toca tamén, polo tanto, esixir responsabilidades, ou sexa, nin o un nin o outro poden capitanear unha nave que eles mesmos levaron a pique. O nacionalismo galego ten que dar a batalla para que a equipa directiva da caixa resultante estea sometida a tutela pública a fin de diminuír o papel de centralidade que as entidades de crédito xogaban/xogan na estrutura de poder no País. Só nos estamos interesados nesta batalla, porque non temos vocación de capataces do capital, só nos podemos dar esa batalla porque non temos ningunha peaxe co capital financeiro.

Terra e Tempo Dixital

Sem comentários: