quinta-feira, maio 20, 2010

Contra as medidas antisociais anunciadas polo goberno concentracións da CIG, nas sete cidades, o xoves 20 ás 19:00 horas

A pasada semana a CIG facía un chamamento ás organizacións sindicais para buscar a unidade de acción, co obxectivo de estender as mobilizacións previstas na área pública a todos os sectores e camiñar cara a convocatoria dunha folga xeral. O obxectivo: frear a aplicación das medidas regresivas e antisociais -que afondan aínda máis no modelo neoliberal-, anunciadas polo goberno español. Medidas coas que se pretende que sexa a clase traballadora quen pague a crise, mentres seguen a incrementarse os beneficios daqueles que a provocaron. Malia esa unidade non ser posíbel, a CIG reitera as súas posicións e fai un chamamento á mobilización “En defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos”.

A CIG convoca concentracións para este xoves día 20 de maio, ás 19:00 horas, en todas as cidades agás en Lugo, onde será ás 20:00 horas.

Compostela: Praza do Toural.

A Coruña: Delegación do Goberno

Lugo: Subdelegación do Goberno

Ourense: Subdelegación do Goberno

Vigo: Rúa do Príncipe

Pontevedra: Subdelegación do Goberno

Ferrol: Edficio Administrativo da Xunta de Galiza

Alén diso, está prevista unha concentración diante da Delegación do Goberno, na Coruña, o día no que se debata nas Cortes o decreto lei.

O día 2 de xuño, haberá concentracións diante dos diferentes centros de traballo e o día 8 de xuño, folga e manifestación en toda a área pública.

As federacións da área pública da CIG explican os resultados da xuntanza mantida con CCOO, UGT e CSIF

Ante o anuncio feito polo presidente do goberno español, Rodríguez Zapatero, de rebaixar nun 5% os salarios das empregadas/os públicos, na CIG confirmamos ,unha vez máis, que esta era unha das medidas que se ían aplicar no sector público para seguir coa campaña iniciada de precarización e desprestixio dos servizos públicos, é a xustificación perfecta para tomar medidas cada día máis regresivas no eido laboral.

Ante a gravidade destes feitos, desde a CIG, convocamos a todas as organizacións sindicais para que en pé de igualdade elaborásemos un calendario de mobilizacións co obxectivo de parar as medidas impulsadas polo goberno español. As organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF non responderon á convocatoria de reunión que a CIG lles fixera chegar, pero a pesares disto a CIG sí acudiu á convocatoria que estas organizacións sindicais nos fixeron chegar.

O día 18 de maio, ás 16,30 hs, iniciase a reunión das organizacións sindicais, desde a CIG, e sendo respectuosas/os co calendario de mobilizacións que eles tiñan convocadas en todo o Estado Español, propoñémoslles ampliar este calendario, dando participación nas mobilizacións as/os traballadoras/es , e que o calendario de mobilizacións non se convertera, unha vez máis, en medidas cara a galería para lavar a súa imaxe.

Despois de transcorridas 3 horas de reunión acadamos un acordo de calendario, onde a CIG en aras á unidade sindical deixamos para unha posterior reunión o resto de mobilizacións, que cremos debemos levar a cabo para parar a medidas do goberno.

O calendario pactado contiña as seguintes medidas:

- Concentracións o día 20 de maio nas sete cidades galegas chamando á participación das/os traballadoras.

- Anuncio da convocatoria de folga o día 8 de xuño.

- Comunicado conxunto das organizacións sindicais convocantes anunciando as mobilizacións acordadas.

- Manter unha próxima reunión o día 24 de maio, ás 16 hs, xa que o día 20 de maio está convocada a Mesa Xeral da Función Pública en Madrid. Este día coñeceremos o alcance das medidas .

Como CIG insistimos perante as organizacións sindicais que se o día 20 o goberno mantén as medidas anunciadas deberíamos recrudecer as mobilizacións, facendo un calendario conxunto.

Ás 9 da noite, e transcorridas máis de 4,30 horas de reunión, as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT, comunícannos que non queren manter a unidade sindical coa CIG, que se desdín do calendario pactado entre todas as organizacións e que eles van seguir co seu calendario.

Ante esta situación, como CIG, transmitímoslles que ante todo e entre persoas adultas hai que ter un mínimo de decencia e de vergonza. Se a súa intención é non pactar un calendario coa CIG, podíanolo dicir antes.

Valoración desta esta actitude

A CIG é una organización sindical incomoda para CCOO, UGT e CSIF. xa que o único que pretenden é dar una imaxe cara as/os traballadoras/es de que van a convocar mobilizacións para parar as medidas do goberno, mentres os seu dirixentes pactan en Madrid co goberno as devanditas medidas.

Lamentamos que non estiveran dispostos a aceptar a unidade sindical para paralizar as medidas do goberno e encamiñar as mobilizacións cara unha convocatoria dunha folga xeral extensiva a todos os sectores, dado o carácter regresivo e antisocial e non limitarse unicamente á área pública.

Como poden xustificar CCOO e UGT a continuación da mesa de “Diálogo” mentres a clase traballadora está a recibir recortes gravísimos e está anunciando unha reforma laboral que provoca abaratar o despedimento, flexibilizar e precarizar aínda máis o mercado laboral?

Non abonda, polo tanto, a non ser que exclusivamente se pretenda cubrir o expediente, fixar só un día de folga e non ter en perspectiva a convocatoria dunha folga xeral, única maneira de frear as políticas neoliberais deseñadas polo goberno Zapatero para que os traballadores paguemos unha crise que non orixinamos e cuxos causantes continúan acumulando riqueza e dirixen a política económica dos estados, é dicir, o capital financeiro especulativo dun neoliberalismo extremo.

Se non paramos isto, non só rebaixarán os nosos salarios, desaparecerá e emprego público e os servizos públicos continuarán deteriorándose, senón que será o preludio de recortes laborais a todos/as os/as traballadores/as e de maiores recortes sociais.

Neste momento as/os traballadoras/es públicos somos a moeda de cambio de CCOO, UGT e CSIF para conseguir do goberno medidas que non sabemos a quén van beneficiar.

A CIG seguirá adiante co seu calendario de mobilizacións, informando puntualmente a toas/os das medidas que pretende adoptar o goberno, así mesmo informaremos do que acontece na Mesa Xeral da Función Pública en Madrid. Para que todo o persoal coa información suficiente poida tomar as súas decisións.

Non te deixes enganar por quen, unha vez máis, antepón o seu interese aos intereses das traballadoras e traballadores. Que estraños intereses teñen para que a presenza da CIG lles moleste tanto?

Sem comentários: