sábado, maio 08, 2010

Hai alternativa?

Artigo de Xavier Vence para Xornal.com

Quen dixera que estamos saíndo da crise? Vendo as bolsas mundiais en caída libre –non só a española senón de todas as demais– e vendo mesmo a ameaza de creba da débeda soberana dalgún país da zona euro, non cabe moita dúbida de que seguimos instalados nunha profunda crise. Non se trata dunha nova crise; trátase dunha nova ronda da que estourou hai xa tres anos, que segue desbocada. E iso é o máis serio e preocupante porque significa que todos os sacrificios endosados ao sector público e á poboación até agora non serviron para atallala. A algúns non nos pilla de sorpresa porque xa dixemos desde o primeiro momento que non se diagnosticara correctamente e, en consecuencia, non se adoptaron as medidas para corrixir a raíz do problema. Non era só un problema sectorial ou de malas prácticas no sector financeiro de xeito que un esforzo temporal do sector público puidese bastar para soster a actividade económica até que se corrixisen os desaxuste e todo volse ao rego dos negocios coma decote. Non, o problema era inicialmente de débeda e de débeda segue a ser neste momento. A única diferenza –non pequena– é que a burbulla de débeda inicial foi creada polo sector financeiro e estaba nos seus balances e agora, despois de todos os programas de rescate dos gobernos e, sobre todo, dos bancos centrais, a débeda está ao lombo do sector público e da sociedade no seu conxunto; pero segue a estar aí e mesmo agravada polos efectos da caída dos ingresos públicos provocados pola profunda recesión que deixou tras de si o estourido da burbulla.

Polo tanto, a débeda era e segue a ser o problema. Por iso a solución non era endosarlla ao sector público e deixar que o sistema financeiro unha vez saneado seguise funcionando do mesmo xeito; do único xeito que sabe cando funciona con total libertade que é movendo anotacións e especulando. Tampouco era solución baixar impostos como propugna a dereita porque, nun contexto de crise, só podía significar un aumento do déficit público e da débeda pública –e máis aínda despois de sufragar o rescate da débeda da banca. O certo é que ese despropósito foi feito polo goberno central, en consonancia co PP, cando suprimiu o imposto de patrimonio, reduciu o de transmisións e doazóns e o de sociedades en plena crise; ou cando se permite a alegría dos regalos fiscais dos 400 euros lineais. Pero a solución tampouco podía ser disparar o gasto público despreocupándose da queda radical dos ingresos e recorrendo con alegría ao endebedamento público como se iso non tivera límites. Esta última posición defendida polos neokeynesianos americanos –como Krugman e outros– só ten consistencia para o caso deles, para os Estados Unidos. Efectivamente, o seu poder político e financeiro e o monopolio de fabricar dólares, dálles a capacidade para acabar endosando ao resto do mundo grande parte da súa débeda e, por iso, poden tomala como un problema dixeríbel; pero ese é o seu privilexio, que ningún outro país do mundo temos. Polo tanto, non é ser ortodoxo, senón simplemente realista asumir, que nin España nin ningún outro país europeo pode lanzarse a grandes programas de gasto sen pensar ao mesmo tempo de onde saca os recursos. Agora ben, iso non significa que non poida aumentar o gasto senón que ten que poñer en marcha os mecanismos que lle permitan recadar máis. E aquí é onde está o nó da cuestión neste momento.

Así pois, é posible aumentar o gasto e reducir a débeda? Si, aumentando os impostos. A quen? Non poden aumentarse impostos que afonden a recesión, polo tanto non é o momento de gravar máis o consumo. O aumento do IVE resultará contraproducente desde o punto de vista da demanda e regresivo sobre a redistribución da renda.

Cales poderían ser os impostos que non gravasen o consumo? Témolo dito moitas veces: a) Imposto do Patrimonio e Grandes Fortunas, que non sexa meramente simbólico, senón que permita devolver á sociedade parte das vizosas fortunas acumuladas durante as burbullas especulativas; b) Imposto extra sobre os beneficios de banca, que seguen a ser importantes; c) Suprimir o réxime especial que bonifica nun 99% os beneficios das Sicav e outras sociedades de investimento puramente financeiro; d) Imposto ás transaccións monetarias e financeiras internacionais de curto prazo (especulativas), a famosa taxa Tobin que moitos gobernos e o FMI están a considerar agora pero... parece que non lle resulta simpática aos fondos e á gran banca internacional; e) Elevación do Imposto sobre as rendas do capital e do aforro, sería razonable unha taxa semellante á das rendas do traballo, ou non? ; f) Tipo marxinal do 60% para os bonus e os salarios dos altos executivos superiores a 200.000 euros anuais; g) E para rematala non estaría mal que nuns mercados movidos pola fibra óptica e internet fosemos quen de controlar a evasión fiscal e eliminar os paraísos fiscais. Cal sería a magnitude de ingresos fiscais recadábeis por todas esas vías sen que a capacidade de compra do 99% da poboación se resentise? Outro día podemos facer os números, pero non se asuste se lle digo que poderiamos axustar bastante rápido as contas públicas. Xa sei que un pequeno grupo de economistas podería facer os cálculos pero nin todos os economistas xuntos poderían convencer a ese 1% de que merecería a pena un sacrificio para salvar o sistema. Non sei se os gregos, que xa inventaran o famoso cabalo de Troia, serán quen de asaltar a muralla, pero o certo é que as boas razóns non parecen abrandar as conciencias dese 1%. Certo tamén que as murallas de hoxe son moito máis sibilinas e insidiosas que as dos tempos de Homero porque están construídas cos tixolos invisíbeis que codifican a información e amoblan os cerebros.

Pero non todo vai ser aumentar os impostos, tamén se pode reducir o gasto público. Pois claro que si. Pero non podemos deixar envolvernos por palabras lindas como austeridade, que todos apreciamos e nos gustaría ver en todos os gobernos e institucións, aumentando a eficiencia e mellorando a calidade dos servizos. Gustaríanos que a austeridade comezase por erradicar as comisións nos contratos coas empresas amigas, eliminar o despilfarro que representan as marxes e beneficios das empresas concesionarias de servizos públicos privatizados, erradicar as rendas de monopolio derivadas das concesións graciosas para a explotación das grandes infraestuturas –con prórrogas de automáticas do período de vixencia mesmo unha vez amortecidas... O que non podemos aceptar é que as verbas se revirichen até o punto que a austeridade se traduza por reducción dos comedores escolares, das axudas aos dependentes, do persoal nos centros de saúde, do número de profesores ou do número de investigadores. En definitiva, non podemos admitir a fraude intelectual e moral de que alguén circule a idea de que detrás da austeridade está a eficiencia cando realmente está o recorte dos servizos públicos.

Pero, se non existise a muralla da comunicación, si poderiamos suxerir capítulos de que axudarían a reducir o gasto público de xeito notable, ao tempo que podían contribuír a outras nobles causas. Non é demagóxico recordar neste momento que o gasto militar español absorbe o 1,8% do PIB e preto do 5% do gasto público total, que o noso acompañamento á guerra imperial en Afganistán absorbe –o recoñecido– uns 500 millóns de euros por ano. Tampouco son baladí os 170 millóns de euros que van vía IRPF á Igrexa Católica que xuntoa coas demais axudas, bonificacións e subvencións se valoran nuns 5.000 millóns de euros. Por suposto, as Administracións Públicas poderían aforrar moitísimo en publicidade e axudas para aloumiñar a prensa. E diante da imperiosa necesidade de aforrar, cabe preguntarse por que malgastamos os 99.000 millóns de euros habilitados para un FROB que ten esencialmente a vontade política de forzar a remuda e bancarización do sistema de caixas e non o deixamos reducido ao mínimo necesario para afrontar aquelas situacións que realmente precisen de rescate. Tamén é certo que podemos aproveitar para facer unha racionalización dunha administración central e periférica do estado que resulta hoxe disfuncional e redundante co estado das autonomías.

En fin, claro que se pode falar de reducción do gasto público pero o que non é admisible nunha sociedade que se di plural e democrática é que os únicos argumentos que están sobre a mesa do medios de adoutrinamento sexan os da dereita. Que calidade de democracia padecemos que opaca e invisibiliza as propostas alternativas de forzas que representan a unha porción moi significativa da sociedade? Que mesmo o goberno central, dito socialdemócrata, non sexa quen de facer un catálogo de medidas fronte á crise que se saian do guión neoliberal tanto polo lado do gasto coma do ingreso resulta descorazonador. E igualmente o feito de non ser quen de verbalizar algunha medida para meter en cintura o sistema financeiro, que non sexa esborrallar xustamente a parte máis social deste.

Non creo que sexa alarmismo afirmar que estamos nun deses momentos en que ou o sistema democrático se vigoriza para ter a flexibilidade suficiente e incorporar novas propostas –aínda que sexan algo heterodoxas– ou corre o risco de enrocarse na defensa numantina dun modelo que representa os intereses dunha pequena minoría económico-financeira pero que é inviábel, como os feitos teimudos nos fan ver máis unha vez. Ou a sociedade democrática regula e domestica o sistema financeiro e os chamados mercados ou o caos –primeiro financeiro e logo social– apoderarase destas sociedades que se crían moi maduras e sólidas. Pero para iso cómpre dar voz e escoitar as alternativas de verdade, porque non é que non as haxa. Hainas e, desde logo, a alternativa ás políticas neoliberais non é máis neoliberalismo senón outra cousa.

Sem comentários: