segunda-feira, maio 03, 2010

Liberdade de información en Galiza? "Utopía" para a maioría...


Un feixe de reclamacións enriba da mesa neste 3 de maio, Día Internacional da Liberdade da Prensa, no que entre as tradicionais reivindicacións salientan este ano varias directamente vencelladas á situación causada pola conxuntura de crise económica.

Desde o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) aproveitaron xa o Primeiro de Maio para, coincidindo co Día do Traballador, transmitirlle á cidadanía a idea de que a calidade das noticias, "e polo tanto a saúde da democracia", é a "primeira vítima" da crise no sector da prensa. Ao fío un dato: nas listas do desemprego na altura de outubro de 2009 aparecía xa o dobre de xornalistas respecto á mesma data do ano anterior.

Desaparición de cabeceiras, atrasos nos pagamentos, despedimentos encubertos, contratos en precario, explotación de bolseiros... Neste Día Mundial da Liberdade de Prensa o SXG aproveita para reiterar as queixas e advertir da grave crise do sector. "A obxectividade e a calidade das noticias son as primeiras vítimas da precariedade na que traballan gran parte dos informadores galegos", avisan. "É case imposíbel publicar información independente cando o salario está ameazado por intereses económicos e políticos", denuncian.

Feixe de axudas públicas "sen control""Por que non cumpren o que aprobaron no Parlamento de Galiza?", pregúntalle o SXG á Xunta, lembrando que moitos medios de comunicación seguen a recibir "enormes" axudas e contratos publicitarios de todas as administracións sen apenas control. "O xornalismo é o único sector económico que pode recibir subvencións públicas sen que a cambio as empresas teñan que garantir sequera o mantemento dos postos de traballo", láianse os representantes dos xornalistas. A xeito de exemplo: a Xunta xa concedeu convenios ás empresas (que son subvencións á marxe do DOG, a dedo e sen control) ás empresas por máis de 2,4 millóns. A xeito de exemplo do paradoxal contexto, recordan que mesmo parte desas axudas foron concedidas a unha empresa, La Región, ao mesmo tempo que esta lanzaba un ERE.

Vieiros

Sem comentários: