terça-feira, maio 04, 2010

Máis de 4.000 rapaces percorren Compostela a prol da lingua

Arredor de 4.000 estudantes de todos os niveis educativos da comarca de Compostela participaron na primeira das carreiras do Correlingua 2010. Os estudantes percorreron varias das rúas do casco histórico da capital galega con moita animación e finalizaron o itinerario na Praza do Obradoiro onde se deu lectura ao manifesto desta edición.

Nesta primeira carreira os alumnos do CPI Fernández de Castro de Lousame recibiron o premio ao mellor grupo de animación. A festa da lingua contou cunha representación teatral da compañía Chévere e a actuación de Machina, gañador do Cantalingua 2010.

O Correlingua 2010 visitará dende hoxe e até o 14 de maio un total de 14 localidades galegas para promover o uso do galego na escola. Nesta edición está prevista a participación de 45.000 escolares galegos nestas actividades.

Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega (CIG), A Mesa pola Normalización Lingüística, e os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Santiago.

O lema desta edición é 'Galego: a forza do noso amor', en referencia ao autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Sem comentários: