domingo, maio 09, 2010

O Foro Social de Cangas leva os responsábeis do desdobramento do Corredor do Morrazo á Fiscalía

Nos últimos meses, o Corredor do Morrazo está a ocupar tristemente as primeiras planas informativas do país a causa da súa alta sinistralidade. Con cinco anos de historia e 20 mil vehículos diarios, o seu trazado é xa coñecido polo alto índice de accidentes mortais que leva soportado: no que levamos de ano producíronse sete sinistros mortais, cun balance de oito mortos, sete feridos graves e catro leves. A resposta gobernamental foi, até o de agora, a de apostar pola sinalización, colocar bandas rugosas e adiantar o desdobramento da vía, que está agora previsto para 2013.

Porén, dende o Foro Social de Cangas entenden que esta celeridade en procurar unha resposta non pode conculcar a propia lexislación. Ademais de recordar o irreversíbel impacto que xa causou o corredor actual, que "non solucionou os problemas de colapso nin seguridade vial senón que mesmo aumentou a sinistralidade", consideran que "o desdobramento non será a solución" e solicitan a retirada do proxecto pola súa falla de axuste á legalidade vixente".

Denuncia ante a Fiscalía
Os membros do Foro Social de Cangas denuncian que para este desdobramento non existe avaliación ambiental estratéxica algunha. A obra non foi nin será sometida a ningún estudo de impacto ambiental, segundo reza na propia memoria do proxecto, por mor dunha resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Argumenta que no anterior proxecto do actual trazado xa se preveía un futuro desdobramento e mesmo chega a afirmar sen ningún tipo de estudo técnico que "da realización do proxecto non se prevén efectos adversos significativos sobre o medio ambiente".

Pois ben, ademais de denunciar a falsidade desta afirmación, o Foro Social considera os responsábeis directos desta resolución "prevaricaron ao ditala", polo que presentaron unha denuncia ante a Fiscalía de Pontevedra. En concreto, formúlana contra Xusto de Benito Basanta, daquela secretario Xeral de Calidade Ambiental e Avaliación Ambiental da Consellaría de Medio Ambiente. Asemade, fana extensiva ás demais persoas, "cargos públicos e funcionarios da Xunta, cuxa participación nos feitos poida ser demostrada".

Alegacións contra o desdobramento
Doutra banda, o Foro Social tamén vén de presentar as súas alegacións ao proxecto de desdobramento do Corredor. No apartado ambiental, explican que as obras afectarán "de forma apreciábel ao Lugar de Interese Comunitario (LIC) San Simón, pertencente á Rede Natura 2000, xa que modificarán o decurso natural das augas que van a dar á Ría de Vigo dende a Punta de Bestia -en Rande- até a Punta Domaio". Tamén incidirán no chan rústico de protección de espazos naturais, nos espazos Montes do Morrazo e a Carballeira de Coiro. Ademais, o proxecto, duns 15 quilómetros, "contempla demontes de case 1.400.000 metros cadrados con impactos críticos sobre o patrimonio e as augas".

Asemade, aseguran que o proxecto conculca as disposicións da lexislación vixente en materia de ordenación do territorio. Na memoria afírmase que as obras nel definidas están incluídas no "Plan de Mobilidade e ordenación Viaria Estratéxica", o chamado Plan Move, mais este plan nunca foi tramitado nin aprobado. Tamén está aínda pendente de completar a preceptiva tramitación e de aprobación do Plan Director de Estradas de Galiza, que se supón que é a base do devandito Plan Move.

Estudo en profundidade
Finalmente, o colectivo lembra "o enorme e irreversíbel impacto que causou o corredor actual" e "o considerábel aumento de tráfico que supuxo", ademais de aumentar o número de accidentes, "os niveis de contaminación atmosférica, acústica, hídrica e a dependencia do vehículo privado e a infiltración da especulación na comarca". Entende que o desdobramento non é a solución e solicitan a retirada do proxecto.

En consecuencia, solicitan que "os cartos públicos destinados a esta obra se invirtan nun estudo en profundidade das deficiencias do actual vial e na súa corrección, mesmo con medidas drásticas como a instalación dunha mediana continua, na mellora da rede comarcal, na potenciación do transporte público (especialmente o marítimo) e en vías e carrís para vehículos non motorizados".

  • Podes ler aquí a denuncia feita polo Foro Social de Cangas perante a Fiscalía
  • Podes ler aquí as alegacións presentadas polo Foro Social ante o proxecto de desdobramento do Corredor do Morrazo

Ligazóns


Vieiros

Sem comentários: