domingo, maio 02, 2010

Queremos Galego prevé unha manifestación 'histórica' o 17 de maio

A marcha, que o ano pasado contou con máis de 20.000 manifestantes, aglutinará o próximo 17 de maio a representantes de máis de 500 entidades culturais, sociais e veciñais que se integran na plataforma cívica e contará, ademais, coa presenza da maioría da directiva do PSdeG.

O voceiro de Queremos Galego, Carlos Callón, reinvindicou en rolda de prensa a importancia de dar resposta á política da Xunta presidida por Alberte Núñez Feixóo. “Un presidente que non cree no país, nin na súa economía, a súa lingua e cultura”, lamentou.

Callón contrapuxo a posición do PPdeG “en contra” de que o galego sexa un “idioma utilizado no Senado” á da maioría dos cidadáns, “que defenden a súa lingua como galegos”. O voceiro da plataforma de defensa do galego vinculou os “procesos de recuperación” lingüística noutras comunidades autónomas cun progresivo “fortalecemento económico” para argumentar que a situación do idioma é “un termómetro” do desenvolvemento xeral dun territorio.

Callón esixíu a Feixóo “que cumpra a lexislación” vixente en materia idiomática e pediu ao Executiro que “deixe de malgastar o diñeiro público para atacar ao galego”, facendo unha alusión directa á posíbel campaña de promoción do decreto do plurilingüismo á que se destinaría preto dun millón de euros.

'O noso existir'

Sobre a manifestación do luns 17 de maio, Carlos Callón asegurou que será un acto que demostrará que “o galego une” e que “Feixóo, lamentabelmente, separa”, tras asegurar que despregarán un servizo de autobuses “dende diferentes puntos” e comarcas de Galiza.

O lema desta mobilización a prol do galego será 'O noso existir'. Durante a marcha haberá dous carteis diferentes nos que se mostrarán unha bola de pan e un corazón, coa idea, segundo explicou o voceiro da plataforma, de que “se quere e se demanda” o idioma.

A manifestación partirá a Alameda de Santiago e percorrerá diferentes rúas da capital para desembocar na Praza do Obradoiro, onde terá lugar o acto central.

Sem comentários: