domingo, maio 02, 2010

Violencia es ti

Iso de non publicitar a TDT na lingua galega porque é violencia contra os galegos e as galegas soa moi mal. Xa sei que os políticos defenden ás veces cousas coas que o pobo -ese ente etéreo- nunca comungaría. Como esta, don Jesús, como esta. A quen se lle diga isto en serio é que morre do riso, ou do noxo.

Non sei que terá que ver unha lingua calquera, e menos a propia e nosa, coa violencia. O que si sei é que o PP está a se poñer pesado con ese tema. E como dixo a presidencia do senado cando Leire Pajín falaba en éuscaro, catalán/valencián e galego, aquí ninguén os obriga a vir e quen non queira estar que colla a porta e marche. Porque dá a impresión de que gobernan para outro pobo diferente do que o elixiu. Ou quizais este non debera votar a quen non o representa visto o visto na campaña electoral. Aínda e todo, o mal está feito, que é vostede e os seus subordinados e o seu xefe, e ninguén o obriga a vincular linguas ou culturas con actos vandálicos. Así que fágase cargo do que dixo e recúe ou para a próxima cale porque para dicir isto mellor calar. Dálle que dálle con que cómpre elixir unha lingua para toda a comunidade escolar. Non será que o que queren é que non sexa elixida a que a constitución e o estatuto lle obrigan a promocionar. E se non elixen a correcta, vailles dicir que exercen violencia sobre o resto? No que non é política lingüística. Feijóo e os seus prosélitos están a copiar de dona Espe. Seica é Madrid o espello onde se ollan cada mañá. Que fago hoxe para que pareza que goberno? Vou ver que critican as xentes do país do partido ao que pertenzo, por iso de reincidir nos erros. Como, se non, vai haber unha liña nunha xente sen ideario. O que si teñen claro é que son nacionalistas, como don Manuel. Porque Fraga será un autoritario mais non lle permite a ninguén que lle dea clases de galeguismo. Aínda e todo prefería ese ser galego como forma de ser español que a actual fórmula. Porque ser español como forma de ser galego é inconsistente e mentireiro. Eu é que con estes non sei xa como dicilo. Que marchen a Madrid a gobernalos. Que dimitan. Que se auto-odien eles a si mesmos, mais que nunca máis odien ao pobo galego. Que vén sendo a quen lle deben o posto. Aproban en Madrid que se fale en galego e na Galiza semella prohibido, ou pouco menos. Parafraseando a Becquer, que é violencia? -dis mentres cravas na miña a túa pupila azul. Que é violencia? E ti pregúntasmo. Violencia es ti.


Galicia Hoxe

Sem comentários: