domingo, maio 02, 2010

Xavier Vence Deza: "Galicia podería chegar a ser unha potencia marítima"

Xavier Vence Deza (Rodeiro, 1961; casado: un fillo e unha filla) catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, foi dos primeiros en ter un PC portátil en Galicia. Mercouno a finais dos oitenta, cando estaba a facer a tese de doutoramento, e grazas ao portátil deulle "o empuxón final". Dábase a circunstancia de que a tese de doutoramento do profesor Vence ía sobre a innovación e o cambio tecnolóxico aplicado á industria en Galicia. Aquilo encarreirouno a él de tal maneira que gran parte das súas publicacións e conferencias tenden a xirar en torno ás novas tecnoloxías e o I+D+i. Cando empezou a tese, no ano 1986, non había ninguén na comunidade galega que estivese abordando un tema similar; e no conxunto de España só el e dous doutorandos máis traballaban na innovación e no cambio tecnolóxico desde unha perspectiva económica.

Dá a impresión de que Galicia aguantou mellor a crise ata o ano pasado, pero agora os efectos son moito máis visibles. É así?

Si, é así. No primeiro momento afectounos de forma máis suave, porque tiñamos unha burbulla inmobiliaria relativamente menor que noutras partes de España, onde o primeiro sector que entra en crise é a construción. Outro factor que amorteceu o impacto da crise foi que nós tiñamos, e temos, en marcha unha serie de grandes infraestructuras: o AVE, os portos exteriores, a Transcantábrica, algunhas autovías. Esa obra pública, financiada en parte con fondos europeos, é un colchón de actividade moi importante. Pero aquela parte da industria que produce materiais para a construción en vivenda enseguida empezou a acusar a crise, de xeito que agora padecémola cada vez máis na mesma medida que a media estatal. Tamén sufrimos unha crise moi forte en sectores que desenvolveramos ben nos últimos trinta anos, como o da confección.

Por estar moi vinculados ao sector exportador?

Si, por exportadores e estar baseados nunha man de obra de baixa cualificación. A crise no sector da confección é profunda, non hai máis que ver os ERE que leva feitos, e aínda non rematou. Logo están os vaivéns do sector do automóbil, que aguanta con moita axuda pública. O naval ata agora aguantou ben porque tiña unha carteira de pedidos moi sólida, pero xa empeza a fraquear.

Cal é o seu diagnóstico?

Tiñamos unha serie de fortalezas sectoriais, o que fixo que nun primeiro momento aguantáramos bastante ben, pero agora xa cada vez máis acusamos a crise como no resto de España. No sector servizos creamos un certo volume de emprego nos últimos anos co desenvolvemento de estruturas do estado do benestar: garderías, centros da terceira idade, etc. pero entre a crise e o cambio de Goberno -este Goberno non segue co mesmo ímpetu o desenvolvemento destas actividades- esa pata fallou, e nótase nos datos de caída do emprego no sector servizos.

Coa crise estase a visualizar mellor o grao de internacionalización da economía galega?

Está plenamente internacionalizada. O sistema financeiro que temos, con mellor ou peor acerto, internacionalizouse en canto á captación de recursos no exterior, de tal forma que unha boa parte do crecemento económico ao longo da última década, e particularmente do 2003 en diante, financiouse recorrendo aos mercados financeiros internacionais e non só coa captación de aforro aquí. Iso fixeron os bancos e caixas que operan en Galicia. A economía galega depende dos mercados financeiros internacionais como nunca dependera no pasado. Os nosos principais sectores produtivos están tamén altamente internacionalizados, e a súa produción é en gran medida para á exportación, pero tamén orixinan moitas importacións, moitos inputs, caso do automóbil e do aluminio. O sector naval é altamente exportador e tamén o enerxético, a celulosa, por no falar do sector pesqueiro e conserveiro, fortemente internacionalizado ao igual que, en conxunto, o sector alimentario.

Cunha demanda interna condicionada, no consumo, polo estancamento e envellecemento da poboación, por pensións medias de xubilacións moi baixas e por salarios medios baixos, cal é o modelo de crecemento ao que debe ir Galicia?

Nalgunhas das actividades que estamos moi internacionalizados temos radicada aquí a xeración de valor engadido, caso xa citado da pesca e da conserva. Aquí temos o know-how, a tecnoloxía, a xerencia e a dirección estratéxica das empresas. E ese nicho de actividade demanda capital humano altamente cualificado. Mais a maior parte da nosa actividade produtiva é moi intensiva en recursos e man de obra mediana e de baixa cualificación. Esa é unha das nosas debilidades. Un mercado de traballo e unha demanda de man de obra orientadas a eses segmentos dá lugar a un nivel salarial medio un 15 % por debaixo da media española, o cal quere dicir que está 40 puntos por debaixo do País Vasco, Madrid ou Cataluña. Ese modelo non da máis de si. E estamos vendo que as actividades de menor valor engadido, menor nivel tecnolóxico e salarios máis baixos son as que están a sufrir máis esta crise. Temos que apostar por ir noutra dirección, pero iso non se cambia da noite para a mañá. A especialización produtiva non se cambia cun real decreto nin sequera poñendo moitos recursos enriba da mesa; require unha estratexia clara para empezar, e ir paso a paso dominando os recursos financeiros, e comprometer o sector público e os grandes empresarios.

Está niso o Goberno Feijóo?

Desgraciadamente, non. Non vexo que se estea a formular estratexicamente o que lle convén ao país. Está a xogar moito no curto prazo e realmente non hai a convicción profunda de ter que ter un proxecto para o país. Eu non alcanzo a ver que o teña, nin sequiera a intuílo. Vai un poco a rebufo das modas e das consignas que se lanzan desde Madrid ata para decidir que actividades hai que promover e cales non. Cando a mellor contribución ao conxunto español sería construír o desenvolvemento sobre a diversidade dos sistemas produtivos que hai.

É tan así?

É. No campo industrial dá a impresión de que non temos conselleiro de Economía e Industria. Na aposta que fixo o anterior Goberno por fortalecer o I+D+i, ampliando os centros tecnolóxicos e creando plataformas tecnolóxicas para que cooperen coas empresas e estas coas universidades (tratando de articular e dinamizar o sistema), parece que a consigna é deixalas esmorecer, retirándolles no só inxección de diñeiro, tamén o impulso ás iniciativas para que se vaian esquecendo. É un erro moi grande, pois os cambios de modelo e a aposta pola innovación requiren moita perseveranza e continuidade; moito tempo de maduración e creación de equipos.

Galicia debe aproveitar a súa situación xeográfica no mapa mundial, para desevolver un novo modelo de crecemento económico?

Desde unha visión centralista e provinciana, sempre se viu a Galicia como excéntrica e de difícil acceso. Nos últimos anos, empezou a callar a idea de que Galicia pode ser vista como centro, no sentido de que por mar temos unha posición central. As mercadorías circulan nunhas tres cuartas partes por mar. Entón, se temos unha posición estratéxica nas grandes liñas marítimas, que entran e saen de Europa, e ligan África con América, deberiamos ser capaces de aproveitala. Aínda que eu creo que non hai detrás un gran proxecto estratéxico, ao mellor os dous portos exteriores que se están a construír acaban creando as condicións para que Galicia poida desempeñar un maior papel nese nodo de comercio marítimo. O estratéxico sería que, ademais de servir de pontes de enlace e área loxística de comercio e distribución marítima, desenvolvesen actividades industriais terciarias de transformación vinculadas a iso.

Nese debuxo de ser centro, que papel debe xogar Galicia co norte de Portugal?

A desaparición da fronteira, xa vai alá un tempo, significou un cambio moi importante para as relacións económicas entre Galicia e Portugal. Os fluxos comerciais son bastante intensos. Galicia exporta a Portugal moitos produtos e servizos, e importa de Portugal sobre todo produtos. Iso, que se fixo case de forma espontánea polos axentes económicos, púidose potenciar moito máis se houbese un acompañamento institucional máis claro e decidido. Por exemplo, bótanse en falta maiores investimentos cruzados entre unha área e outra, e iso quere dicir que non se están aproveitando ben as economías de escala que pode haber. Teño a sospeita de que institucionalmente non se fixo máis por un certo complexo -nun casos de superioridade e noutros , de inferioridade- dos dous lados, non só do galego, pois tamén do lado portugués lle custa ver a Galicia como unha realidade cunhas institucións coas cales poden establecer negocios e relacións a alto nivel. Para nós, o mercado inmediato natural para moitas cousas é todo Portugal.

Os sucesivos Gobernos galegos superon utilizar as caixas de aforros galegas para tecer unha rede aproximación financeira con Portugal?

Non. Usáronas para moi poucas cousas e moi limitadas. Agora, colectivamente estamos descubrindo o que puideron ser as caixas e non foron. Nese sentido, os sucesivos Gobernos autónomos desaproveitaron as caixas. Houbo medo a deseñar unha estratexia financeira para o país a través das caixas, e deixouse que foran os seus directivos os que marcaran a liña. Nalgún caso non o fixeron mal, afortunadamente, pero non houbo unha coordinación de esforzos estratéxicos entre o Goberno autónomo e as dúas grandes caixas galegas. Esa é unha das razóns pola que hai poucos investimentos cruzados entre as institucións financeiras respectivas, e falta unha estratexia de penetración no mercado portugués máis alá de accións puntuais. Esa da a idea de que, aínda estando na Unión Europea, os mercados financeiros seguen sendo estatais, e definen unha área de preferencia para as institucións financeiras e en especial para as caixas.

Que avaliación fai do proceso de fusión aínda inconcluso de Caixanova e Caixa Galicia?

Son dos que creo que é unha equivocación a estratexia do Banco de España de romper o sistema actual de caixas, forzando procesos indiscriminados de fusión para, primeiro, reducir o número de caixas, e segundo, mudar o seu carácter. Na rede descentralizada de caixas de aforro, as galegas son bastante grandes, en contra do discurso que queren meternos de que son pequenas. Postas no ranking das caixas e bancos alemáns, estarían entre as trinta primeiras das 2.000 entidades financeiras que hai en Alemaña. As fusións entre estes entes serán moi negativas para o financiamento da economía produtiva en Galicia e España.

Como afrontar entón os problemas de viabilidade que hai nalgunhas caixas?

Os problemas que haxa, sexa polo estalido da burbulla inmobiliaria ou pola crise, habería que resolvelos tratando cada unha desas entidades por separado e con plans singularizados, pero non provocar unha remuda do sistema de caixas, que demostrou que é moi eficiente, por iso lle gañou terreo ós bancos, e moito máis pegado ao terreo e ás necesidades locais que o é a grande banca. Imos ver que sae diso.

O custo pode ser moi alto?

Pode ser moi alto. Visualízase fácil cando se di o montante de recursos que lle hai que pedir ao FROB e o numero de postos de traballo que se eliminan. Pero, ademais, o custo vai ser maior en perda de cota de mercado: as dúas caixas galegas teñen hoxe unha cota de mercado do trinta e tantos por cento, e se hai fusión a cuota de mercado final será bastante menor que a suma das dúas. E iso favorece os bancos, porque lles queda máis cota de mercado para eles. E aínda que só sexa por cuestión de tamaño, a fusión incrementa o distanciamento coas pemes.

Por que?

Porque unha entidade financeira canto máis grande é, maior necesidade ten de centrarse en operacións dunha certa dimensión, e menos funcional lle resulta a miudaxe das pequenas operacións co comercio da esquina e as pequenas e medianas empresas. O tecido empresarial maioritario neste país notará o resultado, aínda que a entidade resultante da fusión quede en Galicia. Para as grandes empresas, é posible que esa maior dimensión lle sexa máis funcional. Pero alguén ten que pensar no financiamento do 99 % das empresas do país. Ao final, quizais haxa que inventar unha nova entidade financeira que atenda ese segmento do tecido produtivo. Onte, na prensa económica, saçia a noticia de que en Castela-A Mancha o empresariado está poñendo en marcha o proceso para a creación dunha caixa, pois non só o pequeno empresario, tamén o mediano, se dá de conta que queda sen interlocutor para o financiamento.

GalicaHoxe

Sem comentários: