quinta-feira, maio 20, 2010

A Xunta aproba o decreto do plurilingüismo para o ensino

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou na rolda de prensa ao Consello a aprobación do decreto do plurilingüismo para o ensino. "A Xunta acaba de aprobar o decreto para o plurilingüismo, que estará en vigor o próximo curso. "Cumprimos a palabra dada, coa coherencia de ter en conta o informe do Consello Consultivo e en segundo lugar, cumprimos os compromisos electorais", asegurou o xefe do Executivo, que engade tamén que o Goberno garante "o equilibrio entre galego e castelán na escola, o dereito de introducir progresivamente unha lingua estranxeira dentro dos idiomas do ensino e o compromiso da liberdade dos alumnos para poder dirixirse ao profesor en calquera lingua e facer os exames en calquera das dúas". No entanto, manifestou: "É evidente que non podemos consensuar este decreto", ao tempo que responsabilizou a PSdeG e BNG da imposibilidade de chegar a este pacto.

Ademais, Feijóo aclara que a norma "garantirá a participación máxima posible das familias na educación dos seus fillos", pero suprime a consulta prevista aos pais, que intentará regular cunha lei posterior que "resolva a situación de alegalidade e de ausencia de regulación" que marca o Consultivo. O Parlamento "terá que decidir se autoriza ao Goberno para facer preguntas aos pais sobre este asunto ou calquera outro", aclarou o presidente da Xunta, que engadiu: "Seremos consecuentes e imos tentar cumprir e tomar en consideración o Consultivo sen esquecer os compromisos electorais que están refrendados nas urnas. Como saben, o Consultivo cuestionaba a consulta dos pais en infantil, tal e como se recollía no decreto, e advertía de que non había cobertura legal suficiente para plantexala sobre a asignación das materias troncais en primaria e secundaria".

O xefe do Executivo asegurou que a Xunta intentará adecuarse á legalidade a respecto da participación dos pais na educación, polo que ten previsto aprobar no Parlamente e "nesta lexislatura" unha lei 'ad hoc' para que se permitan as devanditas consultas. Respecto á consulta en infantil, a Xunta entende "que se axusta á sentenza do Supremo e á do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña refrendada polo Supremo", sentenciou.

Así as cousas, non existirá consulta aos pais mentres non sexa aprobada unha lei que, de maneira específica, así o permita e, polo tanto, dea sustento ao que actualmente o propio Feijóo recoñece que tería carácter "alegal", tal e como se pode comprobar en diversas sentenzas xudiciais. Mentres, o sistema de educación infantil será moi semellante ao do decreto de 1995, cunha "casilla" que, na matrícula "pregunte" pola "lingua materna" dos nenos.

En canto á consulta en primaria e secundaria, Feijóo di que o Goberno será "consecuente co Consultivo e cos compromisos" e decide suprimila. "Consecuentemente a Xunta fará con criterio pedagóxico o equilibrio no 50% entre asignaturas en castelán e galego, e así constará", manifesta.

Ademais, Núñez Feijóo asegura que "é evidente" que non pode "consensuar o decreto", aínda que bota a culpa desa falta de acordo á oposición. "Pecháronse, empezaron a facer manifestacións antes de que este Gobenro aprobase o decreto e a última fíxose antes de que se propuxese o texto definitivo", di. "O BNG considera que o seu sistema é o da inmersión e o PSOE, aquí en Galicia, di que o seu sistema é do BNG. O da Xunta é este. Se non é posible chegar a un acordo no decreto, nós tentaremos chegar a un acordo noutras áreas da lingua", sentenciou.

Jesús Vázquez, excluído da presentación

Feijóo deu conta aos xornalistas do contido do decreto en presenza da práctica totalidade do equipo de comunicación consellería de Educación e tamén da secretaría xeral de Política Lingüística, incluído o propio secretario xeral, Anxo Lorenzo. Quen non estivo presente no anuncio da aprobación do seu ‘proxecto estrela’ foi o propio conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. Ao contrario do que sucede nas presentacións dos diversos proxectos sectoriais das consellerías, Alberto Núñez Feijóo optou por presentar en solitario e, polo tanto, por respostar sen compaña ás preguntas dos informadores.

Como xa acontecera na presentación do bosquexo do decreto, o Goberno galego decidiu aprobar na mesma xuntanza e, polo tanto, facer público ao mesmo tempo, unha medida destacada en materia de ordenación terrtorial. O pasado 30 de decembro, o avanzado foi o Plan do Litoral e, desta volta, as Directrices de Ordenación do Territorio.

Sem comentários: