segunda-feira, maio 31, 2010

A Xunta colabora no reparto de La Voz en Barcelona

Os barceloneses que collían o metro na tarde deste sábado sorprendíanse ao ver como repartidores lles entregaban de balde exemplares dun diario galego, La Voz de Galicia.

O reparto gratuíto de milleiros de xornais da cabeceira coruñesa forma parte da estratexia de promoción pagada pola S.A. De Xestión do Xacobeo, dependente da Consellería de Cultura. E é que canda La Voz do sábado entregábase un suplemento dunhas 16 páxinas sobre o camiño de Santiago.

O suplemento, encartado separadamente, estaba redactado polos traballadores de La Voz. O seu deseño era o habitual dos suplementos do diario herculino, sen avisar que se trataba non de información senón de unha acción de propaganda institucional. Así, destacaba todas as vantaxes de facer o camiño e os concertos e actos programados pola Xunta.

O reparto masivo de exemplares de La Voz ten sido recentemente criticado polos quiosqueiros e polo seu gran rival en Pontevedra. O Faro de Vigo arremete recurrentemente contra o reparto de exemplares de La Voz, a miúdo financiado por institucións provinciais e locais.

Con todo, a lea polo reparto gratuíto, mesmo en bloque, de La Voz e doutros xornais vén de lonxe, como explica Marcos S. Pérez neste detallado artigo de Tempos Novos.

Trátase dunha estratexia que usan case todas as cabeceiras para enmascarar os seus datos do OJD, atoados ou en retroceso nos últimos anos ante o pulo da prensa dixital.

Galicia Confidencial

Sem comentários: