terça-feira, junho 01, 2010

Cultura gastou máis de 14 mil euros en tres billetes de avión

A Consellaría de Cultura gastou un total de 14.137 euros en tres billetes de avión a Xangai para que o conselleiro, Roberto Varela, e a súa equipa se desprazasen á Exposición Internacional de Xangai Así o denunciaron tanto PSdeG como BNG, quen puxeron en cuestión o discurso de “austeridade” defendido pola Xunta.

En concreto, segundo os datos confirmados, o Goberno destinou 5.486 euros ao billete do conselleiro, a mesma cantidade que inverteu no pase aéreo da súa xefa de prensa. A maiores, o billete do director de Agadic, Xoan Carlos Fernández Fasero, custou 3.165 euros. A portavoz de Turismo do PSdeG, María Quintás, quen presentou varias iniciativas parlamentarias preguntando polo “custe real” desta viaxe, asegurou que en internet o prezo non supera os 1.060 euros polo que estimou que os representantes galegos viaxaron, “polo menos, en primeirísima clase”.

A maiores, outra das participacións máis importantes nesta Exposición Internacional foi a da Deputación de Ourense, que desprazou a outras 52 persoas, os 50 gaiteiros da Real Banda de Gaitas, un responsábel de turismo e un representante municipal. Este desprazamento custou un total de 91.950 euros dos que 26.500 foron sufragados pola Xunta. No seu conxunto, descoñécese a cifra exacta do gasto galego nesta viaxe e da composición da comitiva, mais o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, estimou que ascende a uns 300 mil euros.

Ademais deste gasto, considerado “escandaloso” pola oposición, ambos os dous grupos denunciaron que na viaxe non estivo presente “ningún tour-operador galego”, se ben “se supoñía que un dos obxectivos era o de asinar convenios”. Asemade, os socialistas preguntaron cantos concellos do Camiño de Santiago participaron nesta acción de promoción, así como os motivos polos que o de Compostela non formase parte da comitiva.

O PPdeG replica coa viaxe do bipartito a Cuba
Dende as filas populares, o portavoz Antonio Rodríguez Miranda, rexeitou falar de “dispendio” para referirse á viaxe e xustificou o gasto “porque Xangai está onde está” e pola eficacia dos resultados. Replicou que “para ver se o custe foi ou non o axeitado habería que comparalo con outros realizados polo bipartito”, e nomeou o feito pola ex-conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, á Habana para asistir á Feira do Libro.


Vieiros

Sem comentários: