quarta-feira, junho 02, 2010

“É suicida non reivindicar a Prisciliano”

“Era un santo, non un herexe dexenerado”. Con esa rotundidade, Victorino Pérez Prieto (Hopistal del Órbigo, León, 1954) define a Prisciliano despois de desenvolver un profundo traballo de investigación sobre o mártir e pensador do século IV. Baixo o título Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario (Galaxia, 2010), Victorino Pérez Prieto redescobre a figura de Prisciliano e a súa influencia na cultura do noso país. Este investigador e profesor das Universidades de Santiago e da Coruña presentou onte na compostelá Libraría Couceiro esta obra que xa se pode considerar un dos grandes títulos de referencia para achegarse á figura de Prisciliano. Acompañado por Víctor Freixanes e Manuel Rivas, Pérez Prieto explicou as claves desta mítica figura da nosa historia.

O título da súa obra suxire de entrada unha preguntan tan xenérica como profunda. Que significa Prisciliano para a cultura galega?

Significa un home do século IV que, nacido ou non en Galicia, foi na nosa terra onde realizou o seu labor, a súa prédica. Particularmente realizou ese labor entre os galegos até un punto que despois da súa morte o seu pensamento durou séculos. Os alicerces da cultura galega, cando nin sequera existía o galego como lingua, están en Prisciliano, unha figura con gran repercusión xa non só en Iberia, tamén Europa. Non reivindicalo é para Galicia un acto suicida.

De que xeito se reivindica nesta obra a Prisciliano?

O libro cumpre un dobre obxectivo nese sentido. O primeiro é realizar un achegamento serio e científico a Prisciliano, valorando o que podemos construír metodoloxicamente da súa historia. O segundo é valorar, ao mesmo tempo, a dimensión simbólica e mítica de Prisciliano. Por que Prisciliano é un símbolo necesario? Porque Galicia precisa símbolos. Todos os pobos –e máis un pobo sen estado– defende a súa identidade máis con símbolos que con discursos. A identidade galega podémola defender dende a súa cultura e a súa idiosincrasia.

Prisciliano foi unha figura silenciada e maltratada durante séculos. Despois de tanto silencio ao seu redor, cales son os grandes enigmas que aínda quedan pendentes?

O primeiro é a confusión que hai no sentido de diferenciar o que é Prisciliano do que é o priscilianismo que houbo despois da súa morte. O seu pensamento ía por un proxecto de Igrexa con raíces no Evanxeo e máis próximo á que buscaba Cristo, moi diferente da xerarquía no catolicismo que foi nacendo co casoiro entre a Igrexa e o Imperio. Logo, todo iso tivo un carácter popular que foi deslindando o pensamento. Por exemplo, non hai moito fixéronme unha pregunta que era: Prisciliano, o último druída? Pois non. El, durante a mocidade, tivera unha relación co druidismo, pero abandonouno cando se converteu ao cristianismo. Cando se lle acusa de ser astrólogo ou maniqueo non se é fiel á realidade.

Se está enterrado ou non na Catedral de Santiago segue a ser un enigma?

Como teño escrito no libro, é imposible garantir que a tumba de Prisciliano estea nos alicerces da Catedral. É imposible aseguralo, pero o que si que podemos dicir con seguridade é que foi enterrado en Galicia con grandes cerimonias. Hai outro elemento do que estou seguro e outros investigadores tamén: que a memoria xacobeo subsumiu a memoria priscilianista, unha memoria dun mártir executado de forma inxusta. Ese cambio foi construído a partir dunha serie de intereses políticos e económicos. Agora ben, nada máis lonxe da miña intención meterme co Camiño de Santiago, que é unha gran riqueza espiritual e cultural, pero a verdade é que a maioría de peregrinos non terían problemas se lle dixeran que non é o Apóstolo, que é Prisciliano o que alí está. Cambiar un mártir por outro non significaría realmente un problema porque Prisciliano era un santo, non un herexe dexenerado. O culto pola riqueza xa non é como o de antes e o importante do Camiño está na espiritualidade.

Como se analiza no seu libro a pegada de Prisciliano na cultura galega?

Hai tres grandes capítulos sobre o tema. O primeiro céntrase na Ilustración, no Romanticismo, naquela época de detractores furibundos como o cura de Friume, o Padre Sarmiento ou Antonio López Ferreio, o gran historiador, que insultou moitísimo a Prisciliano, chamouno mesmo miasma metafísica. A segunda parte céntrase na xeración Nós. Otero Pedrayo cualificábao de mártir simbólico e Risco falou del como dun persoeiro fundamental, aínda que despois da Guerra Civil achegouse ao ultracatolicismo e definiuno como herexe. Castelao, pola súa banda, falou de Prisciliano como símbolo de Galicia e considérao como o primeiro inmortal galego. Na terceira parte fálase dende a xeración Nós até a actualidade.

Como foi o proceso de investigación?

Podemos dicir deste libro moitas cousas, pero non que sexa precipitado. O meu interese por Prisciliano vén polo meu achegamento a Pedrayo. Por outra banda, participei ao longo dos anos en simposios sobre o tema. Foi un proceso longo, pero hai tres anos decidín facer un libro documentado, con teses discutibles, pero serias. Ademais, este verán asistirei en Ortigueira os días 13, 14 e 15 de xullo a un curso sobre Prisciliano no que se debaterá sobre a súa figura.

Xornal

Sem comentários: