domingo, junho 06, 2010

Miles de persoas maniféstanse polo peche ‘inmediato’ de Ence

Medio centenar de organizacións entre as que se atopaban os concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Vilaboa e Bueu, confrarías de pescadores e colectivos sociais apoiaron a mobilización que partiu das alamedas de Marín e Pontevedra para unirse ante as instalacións da celulosa ante a ría de Pontevedra.

Durante o percorrido e ante a fábrica, custodiada por axentes da Policía Nacional, os manifestantes corearon lemas como “goberne quen goberne, a ría non se vende” e algúns dos participantes na marcha protagonizaron altercados coas forzas de seguridade.

O presidente do colectivo ecoloxista, Antón Maza, sinalou que “se o PP quixera eliminalo como di, antes do 2018 o primeiro que ten que facer é non renovar no 2011 as autorizacións ambientais integradas a Ence e Elnosa, que conbipartito se deron se xeito ilegar e irregular”.
A APDR considera que a posíbel concesión a Ence da licenza para instalar unha planta de biomasa é “un intento de consolidar o complexo máis aló do ano 2018”

Entre outros persoeiros, á manifestación acudiron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a tenente de alcalde, Teresa Casal. O rexedor de Pontevedra reiterou que a posición do Concello con respecto á celulosa é “clara e con pasos firmes para que Ence se vaia” e criticou que nas mocións municipais contra as concesións outorgadas á fábrica a corporación local non se ve “apoiada pola Xunta”.

Pola súa banda, Teresa Casal comentou que a situación de Ence na ría é “errónea e non ten ningún sentido”, polo que cualificou a situación actual “como un robo para os pontevedreses”, xa que se pretende crear unha zona para actividades lúdicas e deportivas da cidade.

Manifesto

A concentración rematou coa lectura dun manifesto a cargo da secretaria da APDR, María Peón, no que cualificou de “mediáticas e oportunistas” as declaracións dos dirixentes da Xunta respecto ao seu compromiso para que Ence se traslade como data límite no 2018. Peón asegurou que o colectivo ecoloxista ao que pertence estará “alerta” ante as “verdadeiras” intencións do Goberno galego.

Peón agradeceu o apoio social “continuo” e recordou que a APDR demanda o peche do complexo fabril antes de finalizar a concesión administrativa dos terreos.

Sem comentários: