quinta-feira, junho 03, 2010

Os Comités na defensa dos servizos públicos!

Á atención do/a redactor/a xefe/a:
Os Comités, a organización estudantil maioritaria en Galiza, poñémonos en contacto co seu medio
para lle achegar o apoio da nosa organización á folga convocada na administración pública para o 8 de xuño e ás mobilizacións que a Confederación Intersindical Galega está a impulsar en resposta ás lesivas medidas económicas que o goberno español do PSOE aprobou e que afectan directamente aos empregados públicos.

Os Comités vemos con preocupación este tipo de medidas económicas nas que se sitúa o déficit
público como o principal problema da crise e que abren o camiño para futuros recortes que
degraden aínda máis os servizos públicos como o ensino. En moitas ocasións, preséntansenos estes traballadores e estas traballadoras coma se fosen uns privilexiados e unhas privilexiadas por teren un traballo fixo. Porén, hai unha importante masa de traballadores/as públicos con salarios base arredor dos 500 €, por debaixo mesmo do Salario Mínimo Interprofesional.
Unha parte deste recorte salarial será para administración do estado e a outra para a administración autonómica, mais non sabemos a que se destinará. O goberno da Xunta ben podería seguir facendo gala desa “austeridade” que tanto vende e seguir recortando os gastos superfluos, como o millón de euros que van gastar en propaganda para defender o Decreto do plurilingüismo ou a previsón de gasto de mil millóns de euros en convenios co ensino privado-concertado.

Os Comités compartimos a análise da CIG e apostamos por un cambio de modelo económico e por reformas estruturais profundas. A receita non está en recortarlles os dereitos e os salarios aos traballadores senón en introducir fórmulas de aforro, eliminar o plus de altos cargos, a dobre
estrutura da administración, eliminar as deputacións e as subdelegacións de goberno, entre outras.

Cómpre apostar tamén pola creación dunha banca pública e pola nacionalización dunha parte de
sectores estratéxicos como o enerxético. Deste xeito, desde os Comités posicionámonos contra calquera medida que recorte os dereitos dostraballores e das traballadoras. Témolo claro, nós somos o estudantado de hoxe e non queremos ser os traballadores precarios e as traballadoras precarias do mañá.

Sen ningún outro particular, reciba un afectuoso saúdo.

Comites

Sem comentários: