quarta-feira, junho 02, 2010

Privatizalo todo

Por Manuel Mera para GzNacion:

A solución dos problemas do momento semella que pasa por privatizalo todo, aínda que non se emprega desta volta como argumento aquel de fai uns anos de que así se millora a xestión dos recursos, ninguén o aceptaría despois dunha crise tan fonda, que foi empurrada pola especulación financeira e as sucesivas burbullas xeradas na economía. O privado xa non é sinónimo de eficiencia. Por iso, agora afírmase que son necesarios os recursos privados para manter o investimento nos servizos públicos básicos e que as empresas (as grandes) son fundamentais pra recuperar o emprego e dar folgos á economía.

Agora ben, ninguén pode ignorar, que cando o capital privado executa un servizo público é pra obter lucros, polo que medra o seu custe, que ao final terá que ser asumido vía impostos polos cidadáns. En moitos casos ao principio, por pura estratexia empresarial (pra asegurar o contrato) o prezo da prestación é máis baixo, porén a medio prazo sempre resulta máis caro, tal como se pode comprobar naqueles servizos que foron privatizados nas últimas décadas. E, cando se rebaixan os custes é porque se foron reducindo as prestacións ou estas perderon calidade.

Semella que hoxe máis que nunca os recursos públicos están fundamentalmente ao servizo dos grandes grupos económicos, que deste xeito amplían o ámbito dos negocios a sectores onde os gaños están asegurados, deixando ás veces as actividades menos lucrativas ou arriscadas pra pequena e mediana empresa. Esta capacidade de presión sobre as administracións ou subordinación destas permite que cando a burguesía ten dificultades no mercado, por exemplo por non ser competitiva fronte a empresas exteriores, sinxelamente preme ao governo pra conseguir algún tipo de achegas ou privatizar mediante concesións de servizos e prestacións públicas.

A alta burguesía por unha banda adora a globalización (que seica lles abre o mundo pra facer negocios) porén pola outra usa os cartos públicos pra canear as regras impostas internacionalmente; aínda que despois, cinicamente, atacan a clase traballadora e os territorios dependentes cando piden mecanismos de proteción con efectos semellantes.

Estamos nun período de conxuntura no que se está redefinindo o mundo. Trátase dunha loita en tres frontes polo reparto da renda producida, entre: as clases sociais, os territorios, e os sectores económicos. Todo indica que a Unión Europea está perdendo a batalla territorial por mor do ascenso de novas potencias e da súa dependencia dos Estados Unidos. Ademais, é moi feble nos sectores que están en auxe, como o enerxético, o financeiro, a información e o lecer. Estes reaxustes teñen consecuencias no eido internacional porén tamén no interno da Unión Europea e ademais nos territorios dos propios estados que a compoñen. Ou sexa: medrarán a opresión, o intercambio desigual, a discriminación. Son estas, recomposicións dentro das clases dominantes.

Ademais, no conxunto da Unión Europea, dado que é a resposta máis sinxela pra manter as taxas de beneficios do gran capital, tendo en conta a falta dunha oposición organizada e masiva, preténdese aumentar á explotación sobre a clase traballadora e reducir as conquistas sociais. É unha saída que bota todos os custes sobre as clases subalternas e os territorios máis febles, que non obriga a ningún cuestionamento da alianza co imperialismo hexemónico, e permite facer causa común na loita contra as potencias emerxentes e a periferia alternativa (a ALBA).

Unha saída social á crise, que teña en conta os intereses da maioría, forzosamente obrigaría a fondas mudanzas no sistema económico, xa que as medidas keynesianas non son hoxe de consenso pra burguesía. Por iso, estas privatizacións non son casuais nen conxunturais, nen consecuencia de intereses de grupo, senón unha aposta estratéxica das clases dominantes. Unha vía que non ten asegurado o éxito, e que, todo indica, pode deprimir máis a economía, aumentar o desemprego e a pobreza. Neste contexto é que o PP, sempre tan servizal cos empresarios, tomou a bulir medidas de privatización de servizos públicos, porén o PSOE, facendo máis teatro, podemos dicir sen temor a nos trabucar que seguirá a mesma andaina. Por iso, malia que avance de vagar, a loita de clases ferverá en Europa, por máis que haxa partidos e sindicatos que, coma a avestruz, pensen que non son máis que atrancos conxunturais.

Sem comentários: