segunda-feira, novembro 22, 2010

Galiza tamén se fixo ouvir na manifestación contra a OTAN deste 20-N en Lisboa

O cumio da OTAN non só reuniu aos dirixetes dos Estados integrados nesta organización militar, senón que ducias de milleiros de persoas participaron onte nunha mobilización que percorreu as rúas de Lisboa en defensa da paz e contra o brazo armado do capitalismo, que comezou as 15:30 na Praza do Marquês do Pombal.

Entre os manifestantes contáronse medio cento de galegos, que organizaron unha comitiva co lema “Galiza pola paz e contra o imperialismo” e trasladaron unha mensaxe solidaria e internacionalista ao pobo portugués.

p1220333.JPG

A comitiva galega integrouse no bloque do Porto, que partía en quinto lugar na manifestación A continuación situáronse as delegacións comarcais de todo Portugal da plataforma “Paz Sim NATO Não” (nome que se convertiu na principal palabra de orde). Participaron da marcha organizacións de defensa da paz, políticas, sindicais, sociais, de xubilados, internacionalistas e moitas outras, e salientou a masiva presenza de bandeiras do PCP.

O movemento social convocante da mobilización insistiu nos discursos finais na denuncia das ofensivas xenocidas do imperialismo (como no caso de Iraque e Afganistán) e chamaron ao Estado portugués, fundador da OTAN nos anos negros do fascismo, a desvincularse desta estrutura e a eliminar as bases do seu territorio, para propiciar así a súa disolución definitiva.

p1220489.JPG

Outra das liñas argumentais clave de “Paz Sim NATO Não”, exposta na resolución final, é o rexeitamento da violación da Constitución da República Portuguesa (emanada da Revolução de Abril) que afirma a independencia do país, o carácter defensivo das súas forzas armadas e o compromiso na resolución pacífica dos conflitos, premisas abertamente incompatibles coa pertenza a esta organización “macroterrorista”, como rezaban algunhas pancartas.

p1220343.JPG

Finalmente, os convocantes apelaron ao conxunto de organizacións e militantes a alargar o compromiso na loita pola paz máis alá desta protesta, vinculándoo con outras frontes de traballo. De feito, o cumio da OTAN veu coincidir cun momento político especialmente axitado en Portugal, xa que a CGTP-IN convoca unha folga xeral para este mércores, en rexeitamento ás medidas antisociais que ten implantado o goberno portugués, na liña de todos os gobernos europeos dominados polo neoliberalismo hexemónico. O movemento portugués pola paz asumiu como propias as demandas da clase traballadora e animou os participantes a secundar masivamente o paro.

p1220502.JPG

Por último, hai que sinalar que a expedición galega tamén padeceu as estritas medidas de seguridade impostas arredor do cumio, en particular a suspensión do Espazo Schengen. O autobús foi detido na fronteira e todos os participantes tiveron que identificarse diante da Guardia Nacional Republicana. A posibilidade de ser obrigados a retornar estivo perto de se concretar, mais finalmente evitouse, en grande medida grazas á coordinación coa Plataforma convocante, que cooperou por medio dos seus representantes desde a mesma fronteira. De Isca! e do MGS reiteramos ao movimento portugués pola paz o noso apoio, respecto e agradecementos.

ISCA

Sem comentários: