quinta-feira, novembro 29, 2012

Democracia Formal



A democracia, a liberdade está a morrer? Non, se acaso estamos deixándoa morrer. Queren que pensemos que democracia é votar aos nosos representantes cada catro anos. De feito é o que eles queren, que votemos. Si. Cada catro anos. E que logo esteamos ben caladiños. Que non digamos nada. Que aturemos todo o que nos boten. A fin de contas, é o que decidiu a “maioría”. Mais... non, non é así. Non poderemos votar cada catro anos, si. Pero logo, ao día seguinte de votar temos tamén dereito (e deber) de seguir opinando, falando, berrando, esixindo. Eles, os nosos “representantes” teñen o deber de escoitar e de facer o que nos lle digamos. Nós non firmamos un cheque en branco para que fagan e desfagan contra nós a súa vontade. Non, iso non é así.

Os partidos políticos tradicionais están mais preocupados en non perder a súa couta de poder que en escoitar os problemas reais da xente, de nós. A gran maioría dos políticos con responsabilidades de poder non teñen interese nin preocupación en tratar de traballar para ben de todas e todos nós. Eles preocúpanse de quedar ben co seu “superior” no aparato de partido. A fin de contas o seu ben estar persoal depende, non de que faga ben o seu traballo na cousa pública, si non que faga o que o seu “superior” mire mellor para os seus propios intereses, os dos seus achegados e ao fin e ao cabo aos intereses do ser partido. A súa couta electoral que fai que continúen mantendo os seus propios privilexios, iso que non lle lo toquen.

Xa está ben!! Temos que recuperar as rúas, día a día. Protestar e berrar cantas veces sexa necesario contra as inxustizas, a falta de liberdade e a eliminación de dereitos sociais e laborais. Van dicir que iso non vale para nada, que é unha perda de tempo. Mais tódolos dereitos e liberdades dos que gozamos hoxe en día e todos aqueles dereitos e liberdades que algún día gozamos e xa pedimos foron gañados na rúa. Nunca na historia da humanidade se nos concedeu un anaco de liberdade e de xustiza sen loita, nunca. Canto mais tardemos en remontar esta batalla, que nestes intres estamos a perder, mais tardaremos en gañala e mais esforzo vainos levar. Os sacrificios terán que ser maiores e nós e os nosos fillos non nos merecemos iso.

Nós decidimos o día das eleccións e ao día seguinte. Nós decidimos tódolos días e temos que preocuparnos ben de facelo. A nosa responsabilidade non remata na porta da nosa casa. A nosa responsabilidade colectiva sae pola porta de nosa casa e se expande polas rúas das nosas aldeas, vilas e cidades ata o ultimo anaco de terreo. Todo é responsabilidade nosa e non delegamos en ninguén. O nosos representantes so son as ferramentas que diariamente temos te utilizar, mais como calquera ferramenta cando non vai ben, ou non é a axeitada para un traballo, cambiámola. Non esperamos catro anos para iso, se cambia ao momento.

Temos que parar esta desfeita, xa. É urxente.

Fernando R. Dacosta.